Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 1 de xullo de 2021 Páx. 33640

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Vigo

ANUNCIO do 11 de xuño de 2021 de notificación de resolución de execución forzosa de forma subsidiaria da obriga de xestión da biomasa. Parcelas incluídas na rede secundaria da faixa de xestión.

De conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en relación co artigo 22.3 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, notifícanse por medio do presente anuncio no Boletín Oficial del Estado, Diario Oficial de Galicia e taboleiro de anuncios do Concello de Vigo aos interesados que resultan descoñecidos, se ignora o lugar da notificación ou ben intentada a notificación persoal non se puido practicar, as resolucións dos procedementos que se citan a continuación.

Para efectos do cómputo de prazos nos correspondentes procedementos administrativos que se citan, computaranse desde o día seguinte ao da publicación do presente anuncio no Boletín Oficial del Estado.

As resolucións que se notifican cos datos que figuran no anexo teñen o seguinte texto íntegro:

En cumprimento da Lei do Parlamento de Galicia 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (LPDIFG), particípolle que o concelleiro da Área de Parques, Xardíns, Comercio, Distritos e Festas especiais, por delegación de competencias do alcalde do 13.8.2019, texto consolidado de 4.9.2020, ditou con data (ver anexo), a seguinte resolución:

«Número de expediente: (ver anexo).

Resolución de execución forzosa de forma subsidiara da xestión da biomasa.

Datos da parcela:

– Referencia catastral: (ver anexo).

– Superficie: (ver anexo).

– Dirección: (ver anexo).

Datos do/s responsable/s.

Titular/es do predio: (ver anexo).

I. Antecedentes.

1. O Concello de Vigo constatou no ano 2019, con posterioridade ao 31 de maio que na parcela sinalada no encabezamento está sen xestionar a biomasa –maleza–.

2. A Administración municipal ditou resolución requiríndolle que procedese á xestión da biomasa vexetal nos prazos establecidos, a cal se lle notificou na forma prevista legalmente.

3. Transcorrido o prazo concedido, constatouse en visita de comprobación que na parcela citada segue sen xestionarse a biomasa –maleza–.

II. Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais do Concello de Vigo (PMPDIF) aprobado definitivamente pola Xunta de Goberno Local (XGL) en sesión do 2.4.2020 e publicado no BOPPO do 24.4.2020 (ligazón http://www.vigo.org/faixas) determina que a parcela de referencia catastral sinalada no encabezamento se atopa incluída, total ou parcialmente, na rede secundaria de faixa de xestión da biomasa (a cal xa foi aprobada inicialmente pola XGL do 9.5.2019) de xeito que a persoa responsable, entendendo como tal a persoa física ou xurídica titular do dereito de aproveitamento na dita parcela, está obrigada á xestión da biomasa vexetal antes do 31 de maio de cada ano nos termos sinalados nos artigos 21, 21.ter, 22, disposición adicional terceira, disposición transitoria terceira e demais determinacións da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (LPDIFG), e na súa norma de desenvolvemento (Orde de 31.7.2007, criterios de xestión da biomasa DOG do 7.8.2007).

Visto que, segundo datos catastrais, figura como titular do predio a persoa sinalada no encabezamento.

Segundo. Tal e como comprobou a Administración municipal non se deu cumprimento ás referidas obrigas de xestión da biomasa no prazo establecido.

A Resolución do 28 de abril de 2020, da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia (DOG do 29.4.2020), relativa ao prazo previsto no artigo 22.1 da LPDIFG, aclarou a continuidade da obriga de execución da xestión da biomasa estendéndoa no presente ano ata o 16 de xullo de 2020 inclusive, en atención ás especiais circunstancias concorrentes derivadas do estado de alarma, polo que se adecuou o requirimento legalmente previsto á dita resolución.

Terceiro. O concelleiro da Área de Parques, Xardíns, Comercio, Distritos e Festas Especiais, por resolución de delegación de competencias do alcalde do 13.8.2019 (BOPPO do 2.9.2019), ditou resolución o (ver anexo) requiríndolle, como titular catastral da parcela, que procedese á xestión da biomasa vexetal antes do 17 de xullo de 2020 ou no prazo de quince días naturais desde ao seguinte ao da notificación da resolución se se recibe a notificación con posterioridade ao día 1 de xullo de 2020 (artigo 22.2 da LPDIFG).

Na citada resolución era apercibido de que, transcorrido o citado prazo sen que leve a cabo a xestión da biomasa vexetal ou a retirada das especiais arbóreas prohibidas, o Concello de Vigo procedería á execución forzosa de forma subsidiaria da referida actuación por si ou persoa que determine e por conta do obrigado, repercutíndolle os custos da xestión da biomasa na forma legalmente establecida (artigo 22.4 de la LPDIFG).

Tamén se lle advertía que, de persistir no incumprimento, era constitutivo dunha infracción administrativa de carácter leve, sendo o órgano competente para incoar e resolver o procedemento sancionador o titular da Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia.

Por último, outorgábaselle un trámite de audiencia por termo de dez días hábiles para que presentase as alegacións, documentos, xustificacións que considerase procedentes en defensa dos seus dereitos.

Cuarto. A dita resolución notificóuselle na forma legalmente prevista, e a pesar do tempo transcorrido, constatouse en visita de comprobación á parcela que segue sen xestionar a biomasa vexetal.

Quinto. O artigo 22.4 da LPDIFG, aprobada polo Parlamento de Galicia, establece que:

“Transcorridos os prazos sinalados neste artigo sen que a persoa responsable xestione a biomasa ou retire as especies arbóreas prohibidas, a Administración pública competente poderá proceder á execución subsidiaria atendendo ás necesidades de defensa contra os incendios forestais, especialmente respecto da seguridade nas zonas de interface urbano-forestal, conforme o establecido no artigo 44 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, ou norma que a substitúa, sen prexuízo da repercusión dos custos da xestión da biomasa á persoa responsable.

Os custos que se repercutirán poderán liquidarse provisionalmente de maneira anticipada, mesmo na comunicación a que se refire o número 2, e realizarse a súa exacción desde o momento en que se verifique o incumprimento da obriga de xestión da biomasa nos prazos sinalados neste artigo, sen prexuízo da súa liquidación definitiva unha vez finalizados os traballos de execución subsidiaria.

Para a liquidación dos custos correspondentes a cada parcela, a Administración terá en conta a cantidade resultante de aplicar a parte proporcional á cabida da parcela do importe do correspondente contrato, encomenda ou custo dos traballos realizados na zona de actuación.

Cando a identidade da persoa responsable non sexa coñecida no momento de proceder á execución subsidiaria, a repercusión dos custos aprazarase ao momento en que, se é o caso, chegue a ser coñecida, sempre que non prescribisen os correspondentes dereitos de cobranza a favor da Facenda pública.

(...)”.

Sexto. Segundo os artigos 99 e 102 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), a “execución forzosa de forma subsidiaria” supón que a Administración municipal realizará o acto, por si ou a través das persoas que determine, por conta do obrigado.

O importe dos gastos, danos e perdas exixiranse ao obrigado seguindo o procedemento legalmente previsto nas normas reguladoras do procedemento de constrinximento.

Sétimo. No presente caso, concorren os presupostos de feito previstos nos artigos 21, 21.ter, 22, disposición adicional terceira, disposición transitoria terceira 1 da LPDIFG, 99 e 102 da LPACAP e normativa de concordante aplicación, para acordar a execución forzosa de forma subsidiaria da xestión da biomasa vexetal.

Oitavo. É competente para ditar a presente resolución o alcalde ao abeiro do artigo 7, 16.4 e 22.7 da LPDIFG. Non obstante, a dita competencia delegouna no concelleiro delegado da Área de Parques, Xardíns, Comercio, Distritos e Festas Especiais segundo Resolución do 13.8.2019, texto consolidado do 4.9.2020.

Polo exposto, e co obxecto de dar cumprimento Lei do Parlamento de Galicia 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (LPDIFG),

RESOLVO:

Primeiro. Acordar a execución forzosa de forma subsidiaria polo Concello de Vigo ou persoa que se determine e por conta do obrigado (titular no anexo) da xestión da biomasa vexetal na parcela situada en (ver anexo) Vigo, con referencia catastral (ver anexo), ao incumprir a obriga prevista nos artigos 21, 21.ter, 22, disposición adicional terceira, disposición transitoria terceira 1 da LPDIFG.

Segundo. Informar o obrigado, titular da parcela, de que tras a notificación da presente resolución, a execución forzosa de forma subsidiaria efectuarase sen máis trámite e está obrigado/a a facilitar os accesos necesarios para realizar os traballos de xestión da biomasa, sen que sexa preciso o seu consentimento, salvo naqueles supostos excepcionais en que o acceso afecte, dentro da parcela, espazos físicos susceptibles de merecer a cualificación de domicilio para os efectos do artigo 18.2. da Constitución, caso en que deberá pedirse a correspondente autorización xudicial para a entrada neles se non se conta coa súa autorización (artigo 22.6 da LPDIFG).

Terceiro. Unha vez executados os traballos de xestión da biomasa vexetal, proceder a liquidar o importe dos gastos ocasionados que se exixiran ao obrigado seguindo o procedemento legalmente previsto nas normas reguladoras do procedemento de constrinximento.

Cuarto. Informalo, tamén, de que conforme o artigo 22.9 da LPDIFG o incumprimento das obrigas que esta lei establece por parte da persoa propietaria do terreo implicará o incumprimento da función social da propiedade e será causa de expropiación forzosa por interese social, en caso de que os custos acumulados da execución subsidiaria dos traballos de xestión da biomasa que a Administración actuante asumise con cargo ao seu orzamento, e que non lle poida repercutir a aquela por descoñecerse a súa identidade, superen o valor catastral da parcela. A entidade xestora do Banco de Terras de Galicia ou a Administración que asumise eses custos con cargo ao seu orzamento terá a condición de beneficiaria da expropiación forzosa e compensará, no momento de aboamento do prezo xusto expropiatorio, as cantidades debidas pola persoa propietaria por este concepto, sempre que non prescribisen os correspondentes dereitos de cobramento a favor da Facenda pública. No suposto de que a beneficiaria da expropiación fose a Administración local, poderá ceder eses terreos ao Banco de Terras de Galicia

Quinto. Notificar ao interesado, titular da parcela, e comunicarlle que contra esta resolución, consonte os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e os artigos 8, 46.1 e 46.4 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa, poderá interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Vigo no prazo de dous meses, ambos os dous prazos contados desde o día seguinte a aquel en que se notifique a resolución expresa. Porén, interposto o recurso de reposición non poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente o primeiro ou se produza a súa desestimación presunta polo transcurso do prazo máximo dun mes establecido para ditar e notificar resolución.

Vigo, 11 de xuño de 2021. O concelleiro delegado da Área de Parques, Xardíns, Comercio, Distritos e Festas Especiais. Ángel Rivas González».

Información adicional:

– Os datos indicados sobre a parcela son os que resultan da información contida no Catastro de Bens Inmobles do Ministerio de Facenda, tal e como establece a lexislación aplicada.

– Para calquera aclaración ou rectificación de erro sobre os datos da parcela deberá dirixirse á correspondente delegación do Catastro (Oficina Catastro en Vigo, rúa Lalín, 2, 36271), sen prexuízo da posterior comunicación ao Concello de Vigo no enderezo de correo abaixo indicado, achegando copia do documento presentado na Oficina Catastral.

– Para calquera consulta, aclaración, información complementaria ou cita poderá dirixirse ao Servizo de Montes, Parques e Xardíns do Concello de Vigo a través do seguinte enderezo de correo electrónico: faixassecundarias@vigo.org

Anexo

O anexo cos datos catastrais das parcelas pódese consultar na seguinte ligazón:

https://www.boe.es/boe_n/dias/2021/06/08/not.php?id=BOE-N-2021-755051