Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Martes, 29 de xuño de 2021 Páx. 32775

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 11 de xuño de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións para compensar os acuicultores que tivesen perdas de produción entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020 como consecuencia do brote da COVID-19, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento PE205J).

O Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (en diante, Disposicións comúns dos fondos EIE), e o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, constitúen o marco de financiamento comunitario para o período 2014-2020 que, entre outros, ten como obxectivo apoiar actuacións que fomenten un sector da pesca e acuicultura sustentable e respectuoso co ambiente para acadar os obxectivos da política pesqueira común (PPC) en consonancia cos obxectivos da Estratexia de Europa 2020. Por outra banda, mediante a Decisión do 13 de novembro de 2015, a Comisión aprobou o Programa operativo para España do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para os efectos de concesión de axudas do dito fondo neste Estado membro, de maneira que este contribúa á estratexia da UE para un crecemento intelixente, sustentable e integrador e á consecución dos obxectivos temáticos seleccionados e as prioridades da Unión.

O Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, establece as medidas financeiras da Unión para a aplicación da política pesqueira común, das medidas pertinentes relativas ao dereito do mar, do desenvolvemento sustentable das zonas pesqueiras e acuícolas e da pesca interior, e da política marítima integrada. Este regulamento establece a posibilidade de apoiar os investimentos no ámbito da produción na acuicultura.

O sector da pesca e da acuicultura vese especialmente afectado polas perturbacións do mercado xeradas por un descenso significativo da demanda como consecuencia do brote da COVID-19. O descenso da demanda e dos prezos, unido á vulnerabilidade e á complexidade da cadea de subministración, converteu en deficitarias as operacións das frotas pesqueiras e da produción de peixe e marisco.

Como consecuencia da situación de emerxencia de saúde pública ocasionada pola COVID-19 e para protexer a saúde e seguridade dos cidadáns, conter a progresión da enfermidade e reforzar o sistema de saúde pública, o 14 de marzo de 2020 o Goberno de España declarou o estado de alarma a través da publicación do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

No artigo 15 desta norma prevese que se debe garantir o abastecemento alimentario, de forma que se asegure o funcionamento dos centros de produción de alimentos, entre os cales están as empresas acuícolas que, como consecuencia da pandemia, sufriron importantes perdas económicas.

Co obxectivo de atenuar o impacto social e económico producido neste sector, aprobouse o Regulamento (UE) nº 2020/560 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 508/2014 e (UE) nº 1379/2013, que establece medidas específicas ata o 31 de decembro de 2020, co fin de mitigar o impacto do brote da COVID-19 no sector da pesca e da acuicultura, que se viu especialmente afectado polas perturbacións do mercado xeradas por un descenso significativo da demanda.

O Regulamento (UE) nº 2020/558 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de abril de 2020, modifica os regulamentos (UE) nº 1301/2013 e (UE) nº 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer una flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimentos europeos en resposta ao brote da COVID-19.

Ante este novo marco comunitario, cómpre publicar as bases reguladoras que establezan o procedemento para a concesión de determinadas axudas ao abeiro da normativa antes citada e, ao mesmo tempo, realizar a convocatoria destas axudas para o ano 2021, coa finalidade de apoiar o sector acuícola con medidas que teñen por obxecto compensar os acuicultores que tivesen perdas de produción entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020 como consecuencia do brote da COVID-19, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, oído o sector interesado, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería do Mar en materia de acuicultura, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde, con código de procedemento PE205J, ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión das axudas destinadas a compensar os acuicultores pola redución da produción que tivese lugar entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020 como consecuencia do brote da COVID-19 e que se enmarcan nas medidas recollidas no artigo 55 do Regulamento (UE) nº 508/2014, modificado polo Regulamento (UE) nº 2020/560.

Artigo 2. Marco normativo

No non previsto nesta orde observarase o que establece o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca; Regulamento (UE) nº 1303/2013, relativo ás disposicións comúns dos fondos EIE; Regulamento (UE) nº 2020/560 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 508/2014 e (UE) nº 1379/2013 en relación con medidas específicas para atenuar o impacto do brote da COVID-19 no sector da pesca e da acuicultura; Regulamento (UE) nº 2020/558 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1301/2013 e (UE) nº 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer una flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimentos europeos en resposta ao brote da COVID-19; o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e posteriores modificacións; o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. O importe fixado na presente convocatoria, así como as aplicacións a que se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

2. En todo caso, o incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

3. As axudas mencionadas contan co financiamento do FEMP nun 75 % e do Estado membro (C.A. de Galicia) nun 25 %.

4. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.723A.772.1, que figura na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021. Os importes máximos das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderán á 3.500.000,00 €.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas acuícolas titulares de establecementos de acuicultura que visen reducida a súa produción entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020 como consecuencia da pandemia da COVID-19, sempre que as perdas sexan de polo menos un 20 % en relación cos ingresos medios para o mesmo período nos 3 anos anteriores (2017, 2018 e 2019). No caso de empresas con menos de tres anos de actividade, estas deberán ter actividade durante polo menos o ano natural 2019 completo.

O establecemento de acuicultura deberá ser titularidade da empresa solicitante durante o período de referencia indicado, 1 de febreiro de 2017 ao 31 de decembro de 2020. No caso de empresas con menos de tres anos de actividade, deberá ser titular do establecemento desde, polo menos, o 1 de xaneiro de 2019 ata o 31 de decembro de 2020.

Para os efectos desta orde, considéranse empresa acuícola as persoas físicas ou xurídicas, titulares de establecementos que se dedican á realización de actividades de acuicultura, en calquera ou todas as súas fases de explotación, cría, cultivo ou reprodución, situados nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima, que teñan as súas instalacións na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Requisitos das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde estarán suxeitas aos seguintes requisitos:

a) Titulares de establecementos de acuicultura que, consonte coa Orde do 9 de abril de 2008 pola que se establece o sistema de transmisión dos datos mensuais de produción de acuicultura, teñan que transmitir e presentar os datos mensuais de produción de acuicultura:

– Ter transmitido nos anos 2017, 2018, 2019 e 2020, ou nos anos correspondentes para as empresas de menos de tres anos de actividade, á Consellería do Mar a información establecida na citada orde.

O incumprimento deste requisito suporá a inadmisión da solicitude.

b) Titulares de establecementos de acuicultura non suxeitos ao sistema de transmisión e ao que fai referencia a Orde do 9 de abril de 2008:

– Acreditar a redución da súa produción entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020 como consecuencia da pandemia da COVID-19, a través da certificación dun auditor adscrito ao Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC).

A certificación debe reflectir, para os anos 2017, 2018, 2019 e 2020, ou para os anos correspondentes para as empresas de menos de tres anos de actividade, as vendas en euros e volume de produto, a media destes ingresos e a comparativa porcentual respecto ao ano para o cal se solicita a axuda.

c) Non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións nin sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

d) Non concorrer ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Non ter cometido infracción grave:

– Da política pesqueira común definida como tal en actos lexislativos do Parlamento Europeo e do Consello.

– Do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009, do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, durante os 12 meses anteriores á data da presentación de solicitudes. Se o operador ten nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011, cada punto de infracción acumulado que se engada aos nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011 suporá un mes adicional de inadmisibilidade da axuda por punto acumulado.

f) No marco do FEP ou FEMP, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, segundo a definición do artigo 1 do Convenio relativo á protección dos intereses financeiros das Comunidades Europeas (DOUE serie C 316, do 27 de novembro de 1995).

g) Non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na Lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que nin estean nin estivesen nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

h) Non ter cometido ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE; con carácter xeral serán inadmisibles as solicitudes presentadas por un operador que cometese un dos delitos recollidos no artigo 3 durante un período de 12 ou 24 meses en función de se foi cometido por neglixencia grave ou con dolo. No caso de delitos recollidos no artigo 4 da citada directiva, o período de inadmisibilidade será, con carácter xeral, de 24 meses.

i) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

j) Ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

As posibles persoas beneficiarias, ao formalizar a súa solicitude, someteranse voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establezan para as axudas en materia de acuicultura, tanto para o pagamento das subvencións como para a concesión e demais requisitos exixibles pola normativa vixente que sexa de aplicación.

Artigo 6. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, que será a data contable do último pagamento, esta non pode:

– Cesar a actividade produtiva nin, no caso de agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica, disolverse ata que transcorra o dito prazo

– Relocalizar a actividade produtiva fóra de Galicia.

A Consellería do Mar solicitará o reintegro da axuda de forma proporcional ao período durante o cal se incumprisen os requisitos, segundo o disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a data contable do último pagamento, para os efectos de comprobación e control. Ademais, tamén deberá conservar os ditos documentos durante dous anos a partir do 31 de decembro do ano seguinte á presentación das contas, ás autoridades europeas, por parte da Administración, nas cales se inclúa a súa operación, para o que será informado o beneficiario da axuda da dita data. Cando proceda, deberá dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable ás persoas beneficiarias.

d) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

e) Comunicarlle á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente, tanto públicos como privados.

f) Comunicarlle á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.

g) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, esta non poderá cometer unha infracción grave da PPC nin do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009, do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, non ter sido declarada culpable de cometer fraude nin estar incluída na Lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que enarboren o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008.

Artigo 7. Intensidade da axuda

1. As axudas reguladas nesta orde teñen carácter de subvencións de capital e non constitúen axudas de Estado.

2. O importe da axuda será, como máximo, o 50 % das perdas en vendas sufridas, cun límite de 200.000,00 euros por beneficiario. Para calcular o dito importe teranse en conta as vendas realizadas no período de referencia (1 de febreiro ao 31 de decembro de 2020) en comparación co mesmo período dos anos 2017, 2018 e 2019. Realizarase a media das vendas realizadas neses tres anos e calcularase se a empresa sufriu perdas de vendas por máis do 20 % con respecto ao mesmo período de referencia, no ano 2020.

No caso de empresas de menos de tres anos de actividade, o cálculo realizarase tendo en conta os datos dos anos correspondentes.

Se as perdas foren inferiores ao 20 % non se terá dereito á subvención.

3. Os importes das vendas realizadas obteranse do Servizo de Análise e Rexistros da Consellería do Mar, no caso de establecementos de acuicultura que, consonte coa Orde do 9 de abril de 2008, teñan que transmitir e presentar os datos mensuais de produción de acuicultura.

No caso de establecementos de acuicultura non suxeitos ao sistema de transmisión e ao que fai referencia a Orde do 9 de abril de 2008, os importes das vendas obteranse da certificación da auditoría presentada polo solicitante.

4. No caso de establecementos de acuicultura na zona marítima, non se terán en conta para calcular as perdas os períodos en que estivese suspendida a colleita como consecuencia da proliferación de plancto que produza toxinas ou conteña biotoxinas, segundo os datos facilitados polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), temporais ou outros factores ambientais, enfermidades animais, etc.

Artigo 8. Compatibilidade das axudas

As axudas establecidas na presente orde serán incompatibles con calquera outra axuda concedida para a mesma finalidade e período, procedente de calquera outra Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 9. Prazo de presentación da solicitude

Para esta convocatoria do ano 2021, o prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 10. Forma de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 11. Documentación complementaria

1. Se a solicitude corresponde unha pluralidade de persoas, poderá ser formulada nunha única solicitude. As actuacións efectuaranse co representante ou coa persoa interesada que expresamente sinalen no anexo II e, no seu defecto, coa que figure en primeiro termo. A conta bancaria sinalada no anexo I deberá estar a nome de todas as persoas solicitantes.

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

Anexo II. Pluralidade de persoas físicas, se é o caso.

Anexo III. Establecementos para os cales se solicita a axuda.

Anexo IV. Nomeamento de representante para os efectos de presentación da solicitude, se é o caso.

3. Ademais, segundo proceda, presentarase a seguinte documentación complementaria:

3.1. Persoas xurídicas:

a) Certificación rexistral actualizada dos estatutos sociais e da escritura de constitución.

b) Copia do poder de representación do representante legal da entidade solicitante, no caso de que tal poder non figure na certificación rexistral.

c) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP.

d) Certificado acreditativo de non ter cometido ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE, obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza.

3.2. Persoas físicas e xurídicas:

a) Establecementos de acuicultura non suxeitos ao sistema de transmisión a que fai referencia a Orde do 9 de abril de 2008: certificación dun auditor adscrito ao ROAC no cal se recolla a información detallada no anexo V.

b) Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigas tributarias de data posterior á da publicación da orde.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal se poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poden consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

8. Para efectos de presentación da solicitude, os interesados poderán actuar por medio de representantes; a acreditación da representación deberá realizarse mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación utilizando o anexo IV desta orde.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante nomeada para os efectos da presentación da solicitude.

b) NIF da entidade representante nomeada para os efectos da presentación da solicitude.

c) DNI/NIE de cada persoa solicitante.

d) DNI/NIE da persoa representante legal da persoa xurídica.

e) NIF da entidade solicitante.

f) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria de cada persoa solicitante.

g) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social de cada persoa solicitante.

h) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Facenda da Xunta de Galicia de cada persoa solicitante.

i) Informe acreditativo de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións emitido pola Consellería de Facenda (Atriga) de cada persoa solicitante.

j) Informe acreditativo de non ter sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira, emitido pola unidade de sancións e reclamacións da Xefatura Territorial correspondente da Consellería do Mar, de cada persoa solicitante.

k) Informe acreditativo de non estar en concurso de acredores (artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia), obtido a través do Rexistro Público Concursal do Ministerio de Xustiza, de cada persoa solicitante.

l) Informe acreditativo de non ter cometido infracción grave da política pesqueira común, do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, emitido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, de cada persoa solicitante.

Ademais, informe sobre sancións graves dos solicitantes de axudas cofinanciadas co FEMP de conformidade co artigo 10.1.a) do Regulamento (UE) nº 508/2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, emitido polo Servizo Técnico-Xurídico da Consellería do Mar, de cada persoa solicitante.

m) No caso de persoas físicas ou pluralidade de persoas físicas: certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entendese acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitaráselle ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

n) Informe acreditativo do sistema nacional de publicación de subvencións do Ministerio de Facenda de non ter sido declarado culpable de cometer fraude, no marco do FEP ou FEMP, de cada persoa solicitante.

o) Informe acreditativo de non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na Lista comunitaria dos buques INDNR, obtido do Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación, de cada persoa solicitante.

p) No caso de persoas físicas ou pluralidade de persoas físicas: certificado acreditativo de non ter cometido ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE, obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza. Se da información anterior non se entendese acreditada a ausencia de delitos, solicitaráselle ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

q) Informe acreditativo do sistema nacional de publicación de subvencións do Ministerio de Facenda de non ter cometido ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE, de cada persoa solicitante.

r) Concesións de subvencións e axudas.

s) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado do formulario correspondente (anexo I/anexo II) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Tramites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Tramitación das solicitudes

1. Os Servizos de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica das xefaturas territoriais da Consellería do Mar analizarán os expedientes e requirirán a emenda da documentación necesaria, de ser o caso.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a deficiencia ou remita os documentos preceptivos.

Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se dará por desistido da súa solicitude.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5.i) resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada na forma e lugares que se determinan nos artigos 14 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 10, 17, 26 e seguintes da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de Administración dixital de Galicia.

3. Sen prexuízo do sinalado no número anterior, poderase requirir o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Os expedientes serán remitidos polas xefaturas territoriais da Consellería do Mar, xunto cun informe ao respecto, ao Servizo de Planificación e Xestión da Acuicultura, que continuará coa tramitación segundo o establecido na presente orde.

5. Para os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución de non admisión ou de desistencia, segundo sexa o caso, na cal se indicarán as causas que a motivan.

6. Sempre que se teñan en conta para a resolución das axudas aspectos distintos aos aducidos polos interesados, daráselles a estes un trámite de audiencia con carácter previo á selección dos expedientes pola Comisión de Selección.

7. O Servizo de Planificación e Xestión da Acuicultura continuará coa tramitación dos expedientes das solicitudes que reunisen todos os requisitos e a documentación necesaria e emitirá un informe, á vista do cal a Comisión de Selección analizará e clasificará as solicitudes de acordo cos criterios fixados nas bases.

8. Unha vez finalizada a fase anterior, a Comisión de Selección emitirá un informe co resultado da selección das solicitudes propostas para a súa concesión, que será incorporado ao expediente.

9. Na proposta que formule a Comisión de Selección figurarán de maneira individualizada os solicitantes propostos para obteren a subvención, os expedientes seleccionados e o importe da subvención para cada un deles.

10. O presidente da Comisión de Selección elevará proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará as correspondentes resolucións de concesión.

Artigo 15. Comisión de Selección

1. Os expedientes serán seleccionados pola Comisión de Selección, constituída na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

2. A Comisión de Selección estará formada polos seguintes membros:

a) Presidente: subdirector/a xeral de Acuicultura.

b) Vogais: dous funcionarios adscritos á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica designados polo presidente. O/a xefe/a do Servizo de Planificación e Xestión da Acuicultura actuará como secretario.

c) Os/as xefes/as do Servizo de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica de cada Xefatura Territorial da Consellería do Mar.

3. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente. O órgano colexiado precisará de, polo menos, a maioría simple dos membros para a realización da selección.

4. As reunións da Comisión de Selección poderán ter lugar tanto de forma presencial como a distancia nos termos establecidos pola normativa vixente que sexa de aplicación.

5. A Comisión poderá propor que o órgano instrutor requira documentación complementaria necesaria para a correcta valoración da solicitude de que se trate.

6. A Comisión de Selección poderá traballar asistida dos asesores que xulgue convenientes, así como solicitar informes a expertos técnicos externos na materia.

7. A Comisión de Selección reunirase nunha sesión única para a elaboración da proposta de concesión ao órgano concedente, salvo no caso de que a suma dos importes das axudas dos expedientes propostos non supere o crédito existente para elas, caso en que poderá realizar cantas sesións considere necesarias, emitindo propostas parciais de concesión en cada unha das sesións.

Artigo 16. Criterios de selección

Tendo en conta que se trata de axudas destinadas a atender situacións orixinadas pola pandemia da COVID-19 no marco do Regulamento 2020/560, polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 508/2014, e dado o carácter prioritario e a limitación temporal das accións, non é necesario realizar a comparación e a prelación das solicitudes presentadas.

A Comisión seleccionará as solicitudes segundo a forma de cálculo establecida no artigo 7 desta orde e obterá o importe da axuda correspondente a cada empresa solicitante.

No suposto de que o crédito consignado na convocatoria resultase suficiente para atender a totalidade das solicitudes presentadas, outorgarase a máxima porcentaxe de subvención posible.

No caso de que o importe fixado na presente convocatoria resultase insuficiente para atender as solicitudes presentadas na súa intensidade máxima, realizarase un rateo do importe global máximo destinado a esta axuda entre todos os solicitantes.

Artigo 17. Resolución e aceptación

1. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar, que poderá delegar a dita competencia na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de seis meses contados desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. En todo caso, a data límite para ditar a resolución será o 31 de decembro de 2021. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Unha vez notificada a dita resolución, o interesado terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a aceptación desta. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

4. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os compromisos asumidos polas persoas beneficiarias, os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto e a contía da subvención individualizada e a porcentaxe do financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Artigo 18. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de Administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Recursos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 17 non lle é notificada a resolución ao interesado, entenderase desestimada por silencio administrativo negativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar, en calquera momento, ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses, contados en ambos os dous casos a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 20. Modificación de resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por calquera outra Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais deberán ser comunicadas á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, e poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O acordo de modificación poderá declarar a perda total ou parcial do dereito á subvención concedida e o conseguinte reintegro, se é o caso, nos termos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Non se admitirá a subrogación dun novo propietario na condición de solicitante ou persoa beneficiaria das axudas.

4. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación serán ditados polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 21. Pagamento

1. O pagamento das axudas concedidas realizarase de oficio, unha vez resolta a presente convocatoria e notificadas as resolucións de concesión, polo que a solicitude de pagamento se entenderá implícita na solicitude da subvención.

2. Para o pagamento da axuda é imprescindible que as persoas beneficiarias estean ao día nas súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Igualmente, a persoa beneficiaria non terá pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

Artigo 22. Incumprimento e reintegro das axudas

1. Se a persoa beneficiaria incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases, na correspondente convocatoria e demais normas aplicables, así como as condicións e obrigas que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os xuros de mora correspondentes, desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 74 a 76 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais, será tamén causa de reintegro, de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C84/06), a comisión de infracción ao dereito comunitario por parte da persoa beneficiaria e, en especial, ás normas da política pesqueira común durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

4. Sen prexuízo da obriga de reintegro, se como consecuencia dunha comprobación posterior ou de calquera outra verificación se constata falsidade nas declaracións mencionadas nesta orde, serán de aplicación as infraccións e sancións establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

5. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos artigos anteriores, ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo dito servizo no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Artigo 26. Publicidade

1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputan, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, de ser o caso. A aceptación da axuda supón a inclusión da operación e os seus datos na lista de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, que establece as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

2. Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/) a relación de persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

Delégase na directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a resolución destas axudas.

Disposición adicional segunda

Facúltase a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2021

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file