Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Xoves, 24 de xuño de 2021 Páx. 31871

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 11 de xuño de 2021 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais galegos en foros de negocio especializados e eventos de cine que se celebran fóra de Galicia, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento CT404D).

BDNS (Identif.): 571274.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias as seguintes:

1.1. Modalidade A.

As persoas físicas (autónomas) e xurídicas privadas que estean constituídas como empresa produtora e/ou distribuidora audiovisual que leven a cabo algunha actividade de creación e produción no campo audiovisual galego baixo as epígrafes 961.1 ou 962.1 do IAE e participen nalgún dos foros de negocio especializados que se relacionan na base seguinte, e poidan acreditar ter realizado o rexistro oficial nel.

1.2. Modalidade B.

1.2.1. As persoas físicas (autónomas) e xurídicas privadas que estean constituídas como empresa produtora baixo a epígrafe 961.1 do IAE e poidan acreditar un mínimo dun 20 % de propiedade da obra e participen nalgún dos eventos de cine que se relacionan na base seguinte.

1.2.2. As persoas físicas que figuren como director ou directora da obra, cando o obxecto da subvención sexa a participación do filme nalgún evento de cine dos indicados na base seguinte, sempre que se poida acreditar a selección oficial nel.

Segundo. Obxecto

Fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais galegas en foros de negocio especializados e eventos de cine que se celebran fóra de Galicia, e convocalas para o ano 2021 (código de procedemento CT404D).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 11 de xuño de 2021 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais galegas en foros de negocio especializados e eventos de cine que se celebran fóra de Galicia, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento CT404D).

Cuarto. Importe

O importe global máximo para o financiamento da presente convocatoria será de 60.000 euros, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria do ano 2021, 2021.10.A1.432B.470.0. código de proxecto 2015-00003, distribuídos en 30.000 euros para a modalidade A e 30.000 euros para a modalidade B.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2021

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais