Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Xoves, 24 de xuño de 2021 Páx. 31806

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

EXTRACTO da Orde do 10 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de persoas escritoras, ilustradoras e tradutoras nas actividades que se celebren no sector do libro no 2021, e se procede á súa convocatoria para o este ano (código de procedemento CT221A).

BDNS (Identif.): 570967.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas e entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas físicas, sexan autónomas ou non, escritoras, ilustradoras e tradutoras que acrediten esta condición e desenvolvan o seu traballo no sector do libro no ámbito da Comunidade Autónoma galega, que cumpran, ademais, todos os seguintes requisitos debidamente acreditados:

a) Terse inscrito, asistido e participado nunha actividade subvencionable realizada no sector do libro e fóra de Galicia, no prazo establecido na presente convocatoria.

b) Que acrediten o desenvolvemento do seu traballo no sector do libro no ámbito da Comunidade Autónoma galega.

c) Ter publicado obra en Galicia ben como persoa escritora, ilustradora ou tradutora, para a que se solicita a subvención, nos tres anos anteriores á publicación da presente orde.

2. Non poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aqueles solicitantes que se encontren nos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que establecen o procedemento de concesión de subvencións a persoas físicas escritoras, ilustradoras e tradutoras que desenvolvan o seu traballo no sector do libro e no ámbito da Comunidade Autónoma galega facilitando a súa participación en actividades de tal sector que se celebren no ano 2021. Código do procedemento CT221A.

Serán obxecto de subvención os gastos de viaxe referidos ao aloxamento e transporte, que permitan a asistencia fóra de Galicia ás seguintes actividades realizadas no sector do libro: feiras, festivais, seminarios, encontros, obradoiros e estadías creativas.

2. Así mesmo, ten por obxecto convocar esta subvención para o ano 2021.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 10 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de persoas escritoras, ilustradoras e tradutoras nas actividades que se celebren no sector do libro no 2021, e se procede á súa convocatoria para o dito ano.

Cuarto. Importe

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.432A.770.01 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, por un importe de 30.000 €.

2. O financiamento dos gastos da viaxe é o referido ao aloxamento e transporte e terán o seguinte importe por ámbito xeográfico de destino, sempre que se xustifique:

– España, agás a Comunidade Autónoma galega: 250 €.

– Resto da Unión Europea: 600 €.

– Fóra da Unión Europea: 1.500 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación de esta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 15 de outubro de 2021 (incluído).

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade