Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 23 de xuño de 2021 Páx. 31690

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

ANUNCIO do 14 de xuño de 2021, da Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, pola que se dá publicidade á resolución da mesma data pola que se convoca, para vinculación temporal, a cobertura dun posto con características específicas de persoal estatutario licenciado sanitario especialista da Área de Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo (Coloproctoloxía).

A Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, de conformidade co establecido no artigo 67 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG núm. 145, do 29 de xullo), de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, na Resolución do 11 de decembro de 2018, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica o Pacto subscrito pola Administración sanitaria coas organizacións sindicais CIG, CESM-O`Mega, UGT e CSIF sobre a selección de persoal estatutario temporal licenciado sanitario de atención hospitalaria (DOG núm. 240, do 18 de decembro), e en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 137/2019, do 10 de outubro (DOG núm. 208, do 31 de outubro), polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, na Orde do 22 de abril de 2020 (DOG núm. 82, do 29 de abril) de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, e no Decreto 134/2019, do 10 de outubro (DOG núm. 204, do 25 de outubro), polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia,

RESOLVE:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, mediante vinculación temporal, un posto con características específicas de persoal estatutario licenciado sanitario especialista da Área de Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo (Coloproctoloxía) que se recolle no anexo I da resolución da convocatoria.

Segundo. As solicitudes deberanse presentar nas unidades de rexistro dos centros integrantes da Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, dirixidas ao xerente desta área sanitaria, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da data da publicación do anuncio desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderanse presentar a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Terceiro. As bases íntegras da citada convocatoria estarán expostas nos taboleiros de anuncios da Xerencia ae Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, e na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ourense, 14 de xuño de 2021

Félix Rubial Bernárdez
Xerente da Área Sanitaria de Ourense,
Verín e O Barco de Valdeorras