Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Luns, 21 de xuño de 2021 Páx. 31131

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 8 de xuño de 2021 pola que se dá publicidade da encomenda do Servizo Galego de Saúde á Fundación Galega de Medicina Xenómica para o desenvolvemento do Plan de implantación de farmacoxenómica en psiquiatría incluído no Plan de saúde mental de Galicia posCOVID-19.

De conformidade co artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade da seguinte encomenda coas seguintes características:

– Resolución do 3 de xuño de 2021, do conselleiro de Sanidade, pola que se encomenda a Fundación Galega de Medicina Xenómica para o desenvolvemento do Plan de implantación de farmacoxenómica en psiquiatría incluído no Plan de saúde mental de Galicia poscovid-19.

– Actividade: a Fundación Galega de Medicina Xenómica encargarase do desenvolvemento do proxecto denominado Plan de implantación de farmacoxenómica en psiquiatría, consistente na realización, en coordinación co Servizo Galego de Saúde, dun estudo para que a través da análise farmacoxenética dos pacientes a tratamento con fármacos depot poidan axustar doses, así como evitar reaccións adversas nos pacientes.

O proxecto comprenderá, entre outras, as seguintes actuacións:

a) Realizar, en coordinación co Servizo Galego de Saúde, un estudo para que a través da análise farmacoxenética dos pacientes a tratamento con fármacos depot permita axustar doses, así como evitar reaccións adversas nos pacientes.

No caso concreto de pacientes a tratamento con risperidona e aripiprazol, xa existen biomarcadores con evidencia como para seren aplicados na translación clínica. Naqueles pacientes a tratamento con paliperidona, ademais da información derivada da análise das encimas de metabolización, realizarase unha análise farmacocinética para avaliar a concentración do fármaco no organismo.

b) Achegar o resultado do dito estudo sobre xenotipos de risco para os efectos de que tal información poida ser incorporada nos sistemas de información clínica do Servizo Galego de Saúde.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: a encarga ten natureza de encomenda intrasubxectiva, segundo o disposto no artigo 13.1 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e no artigo 8 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ao ser a Fundación Galega de Medicina Xenómica unha fundación pública autonómica vinculada ao Servizo Galego de Saúde e, segundo se recolle nos seus estatutos, desenvolver as súas actividades con suxeición á coordinación e ás directrices de carácter funcional emanadas dos órganos competentes do dito organismo autónomo e da Consellería de Sanidade.

– Financiamento: o Servizo Galego de Saúde previu nos orzamentos do ano 2021 unha aplicación orzamentaria, destinada aos proxectos do Plan de saúde mental de Galicia poscovid-19. O importe desta encomenda é de 33.900 € e a dita cantidade será transferida á Fundación Galega de Medicina Xenómica, para o desenvolvemento da actividade durante o ano 2021.

– Prazo de vixencia: a encomenda producirá efectos a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e manterase ata a finalización das actividades encomendadas e, en todo caso, ata o día 31 de decembro de 2021.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade