Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Venres, 11 de xuño de 2021 Páx. 29151

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 27 de maio de 2021, da Área de Deseño de Infraestruturas, pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública do proxecto de construción de Fomento da mobilidade sustentable, senda na PO-308, treito Combarro-Chancelas-Samieira, puntos quilométricos 5+680-8+200, de clave PO/16/258.06.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), vistos os informes das administracións afectadas e as alegacións formuladas no trámite de información pública, ditou o 5 de maio de 2021 a seguinte resolución:

«Resolución pola que se declara finalizado o expediente de información pública do proxecto de construción de Fomento da mobilidade sustentable, senda na PO-308, treito Combarro-Chancelas-Samieira, puntos quilométricos 5+680-8+200, de clave PO/16/258.06.

Antecedentes de feito:

Primeiro. No DOG núm. 200, do 19 de outubro de 2018, publicouse o Anuncio do 1 de outubro de 2018 polo que se somete ao trámite de información pública a separata para información pública do proxecto de construción de Fomento da mobilidade sustentable, senda na PO-308, treito Combarro-Chancelas-Samieira, puntos quilométricos 5+680-8+200, de clave PO/16/258.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo citado proxecto, para os efectos do previsto no artigo 56.1 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, aprobado polo Decreto do 26 de abril de 1957.

Segundo. As administracións afectadas emitiron os correspondentes informes e no trámite de información pública foron formuladas alegacións polas persoas interesadas. A todas elas déuselles resposta motivada, segundo figura no informe que consta no expediente, que lle foi notificado ás administracións ás cales se lles deu trámite de informe e aos particulares que presentaron alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, así como aprobar definitivamente os estudos informativos ou, de ser o caso, os anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función segundo o previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, de acordo co Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta competencia atópase delegada na persoa titular da dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG núm. 179, do 20 de setembro).

Segundo. O artigo 21.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, establece que transcorridos os prazos dos trámites de información pública e informe das administracións afectadas e recibidas as alegacións e informes presentados, darase resposta motivada ás alegacións formuladas. O informe resultante poñerase á disposición das persoas interesadas e notificaráselles ás administracións ás cales se lles dese trámite de informe e aos particulares que presentasen alegacións. Finalmente, resolverase tamén sobre a aprobación do expediente de información pública.

Logo de revisados os informes emitidos e as alegacións formuladas durante o procedemento de información pública, e valoradas novamente as necesidades do contorno, proponse o arquivo do proxecto de construción de Fomento da mobilidade sustentable, senda na PO-308, treito Combarro-Chancelas-Samieira, puntos quilométricos 5+680-8+200, de clave PO/16/258.06, así como a redacción dun novo proxecto construtivo que unha vez elaborado, será novamente sometido a información pública.

Terceiro. O artigo 22.2 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, establece que no caso de estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, unha vez emitido o informe sobre as alegacións presentadas, o órgano competente da Administración promotora da actuación debe adoptar a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva de todo o ámbito do estudo ou proxecto ou ben só dunha parte deste. A resolución tamén pode deixar sen efecto a tramitación do estudo ou proxecto ou parte deste, ou ben pode acordar a suspensión, total ou parcial, da súa tramitación.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Declarar finalizado o expediente de información pública do proxecto de construción de Fomento da mobilidade sustentable, senda na PO-308, treito Combarro-Chancelas-Samieira, puntos quilométricos 5+680-8+200, de clave PO/16/258.06, tendo en conta as consideracións que se indican no fundamento de dereito segundo.

2. Deixar sen efecto a tramitación do proxecto de construción de Fomento da mobilidade sustentable, senda na PO-308, treito Combarro-Chancelas-Samieira, puntos quilométricos 5+680-8+200, de clave PO/16/258.06. Procederase á redacción dun novo proxecto que, unha vez elaborado, será novamente sometido a información pública.

Contra esta resolución, que lle pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2021

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Deseño de Infraestruturas