BDNS (Identif.): 567818.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans).
Primeiro. Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios das axudas os centros de innovación e tecnoloxía da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan a consideración de consolidados.
Teñen a consideración de centros tecnolóxicos consolidados aqueles que figuran inscritos (ou teñen resolución de recoñecemento como centro tecnolóxico ou centro de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal) no rexistro regulado no Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros.
Segundo. Finalidade
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións da Axencia Galega de Innovación dirixidas aos centros tecnolóxicos consolidados de Galicia para financiar gastos estruturais e de funcionamento, co fin de incentivar a transferencia de resultados da investigación, do coñecemento e das capacidades tecnolóxicas ao mercado. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para o ano 2021 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia non competitiva (código de procedemento IN845A).
Terceiro. Bases reguladoras
Publícanse conxuntamente coa convocatoria.
Cuarto. Importe
Importe total da convocatoria: 6.200.000 euros coa seguinte distribución por anos:
2021 |
2022 |
Total |
3.500.000 € |
2.700.000 € |
6.200.000 € |
O importe das axudas determínase en función da valoración dunha serie de indicadores que miden, de forma obxectiva, a perspectiva financeira, de resultados e excelencia, e de persoal dos centros tecnolóxicos (indicadores que figuran no anexo II da convocatoria).
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
Un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Santiago de Compostela, 25 de maio de 2021
Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación