Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 31 de maio de 2021 Páx. 26868

IV. Oposicións e concursos

Consellería do Medio Rural

ORDE do 12 de maio de 2021 pola que se resolve a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, de dous postos de traballo vacantes nesta consellería.

Mediante Orde do 26 de marzo 2021, publicada no Diario Oficial de Galicia número 70, do 15 de abril, convocouse a provisión, polo sistema de libre designación, dos dous postos de traballo da Consellería do Medio Rural que se detallan no anexo desta orde.

De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 16 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Resolver a convocatoria pública efectuada por Orde desta consellería do 26 de marzo de 2021 e designar as persoas funcionarias, cuxos datos se sinalan no anexo desta orde, para ocuparen os postos que tamén se especifican.

Segundo. O cesamento no actual destino efectuarase, segundo o previsto no artigo 14 do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, aprobado polo Decreto 93/1991, do 20 de marzo, no prazo de tres días contados a partir do seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, ou segundo o establecido na normativa de aplicación na súa Administración de orixe.

A toma de posesión da praza adxudicada deberase realizar no prazo dos tres días seguintes ao do cesamento, se non implica cambio de residencia, ou de sete días se comporta cambio de residencia. Cando o/a adxudicatario/a do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte días.

O cómputo dos prazos de toma de posesión iniciarase cando rematen os permisos ou licenzas que, de ser o caso, se concedesen á persoa; no caso de incapacidade temporal, a partir da data da alta.

Terceiro. A xefatura de persoal do centro en que cause baixa o/a funcionario/a, así como a daquel en que obteña destino, efectuarán, dentro do prazo sinalado no punto anterior, as correspondentes dilixencias de cesamento e de toma de posesión, das cales se dará traslado á Dirección Xeral da Función Pública.

Cuarto. Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2021

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Apelidos e nome: Prieto Fernández, David.

NRP: ******5546 A2066.

Grupo: A1.

Corpo/escala: especial.

Denominación do posto: subdirector/a xeral de Prevención.

Código: MR.C03.00.001.15770.001.

Nivel: 30.

Dependencia: Dirección Xeral de Defensa do Monte.

Localidade: Santiago de Compostela.

Apelidos e nome: Veiga Aguiar, Fernando.

NRP: ******6402 A2066.

Grupo: A1.

Corpo/escala: especial.

Denominación do posto: subdirector/a xeral de Extinción.

Código: MR.C03.00.002.15770.001.

Nivel: 30.

Dependencia: Dirección Xeral de Defensa do Monte.

Localidade: Santiago de Compostela.