Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Mércores, 26 de maio de 2021 Páx. 26022

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2021 pola que se nomean os membros da Comisión Interuniversitaria de Galicia e se publican os parámetros de ponderación de materias troncais de modalidade e materias de opción da proba de avaliación de bacharelato para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do Sistema universitario de Galicia para o curso 2021/22.

A Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, na disposición transitoria segunda, establece, entre outros aspectos, que ata a implantación das modificacións previstas nesta lei en relación co acceso e coa admisión ás ensinanzas universitarias, as administracións educativas, en colaboración coas universidades, de acordo coas súas competencias en materia de acceso á universidade, asumirán as mesmas funcións e responsabilidades que tiñan en relación coas probas de acceso á universidade e organizarán a realización material da proba e garantirán a súa adecuación ao currículo de bacharelato.

A Orde do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática PCM/2/2021, do 11 de xaneiro (BOE núm. 11, do 13 de xaneiro), pola que se determinan as características, o deseño e o contido da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade, e as datas máximas de realización e de resolución dos procedementos de revisión das cualificacións obtidas, para o curso 2020/21, dispón no artigo 12.2 que no que non se opoña ao disposto no Real decreto 310/2016, do 29 de xullo; no Real decreto 1105/2014, do 26 de decembro, e nesta orde ministerial, as universidades asumirán as mesmas funcións e responsabilidades que tiñan en relación coa proba de acceso á universidade que se veu realizando ata o curso 2016/17.

Na Resolución conxunta da Secretaría Xeral de Universidades e da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional do 10 de febreiro de 2021, pola que se ditan as instrucións para realizar, dentro do curso 2020/21, a avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU) no curso 2021/22 (DOG núm. 37, do 24 de febreiro), disponse que, en Galicia, as devanditas probas estarán reguladas, de forma supletoria, e no que resulte compatible co novo marco normativo, pola Orde do 24 de marzo de 2011 pola que se regulan as probas de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao e o proceso de admisión ás tres universidades do Sistema universitario de Galicia.

O artigo 4.1 da Orde do 24 de marzo de 2011 establece que é a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG), como órgano interuniversitario, o que ten a delegación de competencias propias das universidades do Sistema universitario de Galicia en materia de acceso.

Por outra banda, no artigo 4.2 determínase que a consellería competente en materia de educación nomeará os membros da CiUG, de acordo co establecido no convenio asinado, o 12 de marzo de 2001, polos reitores das universidades do Sistema universitario de Galicia en presenza do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

A Lei 6/2013, do 3 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, dispón no seu artigo 11 que, para o ingreso nos centros universitarios, as universidades públicas integrantes do Sistema universitario de Galicia constitúense nun distrito único para os estudos de grao e máster e as/os estudantes poderán acceder a calquera desas universidades sempre que reúnan os requisitos académicos necesarios.

Ao abeiro da referida normativa, o Consello de Goberno da Universidade da Coruña do 28 de abril de 2021, o Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela do 30 de abril de 2021 e o Consello de Goberno da Universidade de Vigo do 29 de abril de 2021 aprobaron a táboa de parámetros de ponderación de materias troncais de modalidade e materias de opción da proba de avaliación de bacharelato para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do Sistema universitario de Galicia para o curso 2021/22.

De conformidade co exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Nomeamento dos membros da Comisión Interuniversitaria de Galicia

Noméanse como membros da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) para o curso 2020/21:

Presidente:

Pedro Armas Diéguez (delegado do reitor da Universidade da Coruña).

Vicepresidentes:

Celso Rodríguez Fernández (delegado do reitor da Universidade de Santiago de Compostela).

Luis Muñoz López (delegado do reitor da Universidade de Vigo).

Vogais en representación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade:

Iván Mira Fernández.

Berta Estrada Arias.

María Carmen García Rodríguez.

Artigo 2. Publicación dos parámetros de ponderación

Publícanse no anexo desta orde os parámetros de ponderación de materias troncais de modalidade e materias de opción da proba de avaliación de bacharelato para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do Sistema universitario de Galicia para o curso 2021/22.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

ANEXO

Parámetros de ponderación de materias troncais de modalidade e materias de opción da proba de avaliación
de bacharelato para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do Sistema universitario de Galicia

Curso: 2021/22

missing image file

missing image file

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file