Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Xoves, 20 de maio de 2021 Páx. 24732

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 6 de maio de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca a XXIV edición do Premio Manuel Colmeiro para traballos de investigación que teñan como obxecto a Administración pública de Galicia (código de procedemento PR771A).

Entre os fins e as funcións que ten atribuídas a Escola Galega de Administración pública (en diante, EGAP) ocupa un lugar destacado a investigación, a documentación, o estudo e a realización de traballos de divulgación no eido da Administración pública, co fin de promover a súa máxima difusión (artigo 3 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública).

Para a consecución destes fins, mediante a orde da entón Consellería de Presidencia e Administración Pública do 20 de marzo de 1992 (DOG núm. 64, do 2 de abril), creouse o Premio Manuel Colmeiro, premio que leva o nome dun dos máis ilustres xuristas galegos, xa que as súas achegas, non só ao moderno dereito administrativo, senón tamén ao dereito público e mesmo á economía política, foron fundamentais.

A creación deste premio estaba inspirada pola idea de que o fomento do esforzo investigador, así como a realización de estudos sobre a Administración da nosa Comunidade, son iniciativas que buscan redundar nunha mellora do actual funcionamento das estruturas administrativas. A experiencia obtida ao longo dos anos demostra que a convocatoria do referido premio representa un apoio importante para conseguir estes obxectivos.

Por outra banda, cómpre ter en conta o contexto en que nos atopamos no cal se procura que as administracións e a cidadanía manteñan as súas relacións a través de medios electrónicos, polo que, ao abeiro do sinalado polo artigo 10. 3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e asumindo a premisa de que todas as persoas potenciais destinatarias desta orde constitúen un colectivo profesional concreto que indubidablemente dispón de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, óptase por establecer como obrigatoria a presentación das solicitudes a través dunha canle exclusivamente electrónica. Optar por esta vía suporá un importante e indiscutible aforro de tempo e recursos materiais na tramitación do procedemento administrativo de outorgamento do premio, tanto para as persoas solicitantes como para a propia Administración.

En consecuencia, en uso das atribucións que teño conferidas e con fundamento na orde invocada,

DISPOÑO:

Artigo único

Esta orde ten por obxecto a convocatoria do XXIV Premio Manuel Colmeiro para traballos de estudo e investigación sobre a Administración pública de Galicia, de acordo coas seguintes bases reguladoras:

Primeira. Obxecto e réxime xurídico

1. O obxecto do premio é fomentar e distinguir traballos de estudo e investigación sobre as administracións territoriais, institucionais e os entes públicos instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma (código de procedemento PR771A).

2. A concesión do premio rexerase por estas bases; pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e, subsidiariamente, pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións.

Segunda

1. Poderán participar nesta convocatoria persoas individuais ou grupos de traballo de calquera nacionalidade dos Estados membros da Unión Europea. Gardarase reserva sobre a identidade de cantas persoas participen no premio, e unicamente serán obxecto de publicidade o nome e os apelidos da persoa ou persoas gañadoras.

2. No suposto de que se trate de grupos de traballo, acreditarase expresamente a persoa física responsable da dirección do equipo, que será a persoa que figure como solicitante no modelo normalizado de solicitude, así como a porcentaxe de participación de cada integrante do grupo no traballo presentado.

3. Non poderán acceder a este premio as persoas afectadas por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceira. Dotación económica do premio e imputación orzamentaria

1. A dotación económica do premio é de 3.500 euros, que estará suxeita á correspondente retención fiscal. Tamén se lle entregará á candidatura gañadora un diploma acreditativo de tal condición.

2. Esta cantidade será imputada aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2021 con cargo á aplicación orzamentaria da EGAP 07.81.122B.4800.

3. No caso de que o traballo premiado o presentase máis dunha persoa, a dotación económica do premio distribuirase proporcionalmente entre todas as persoas integrantes do grupo de traballo.

Cuarta. Traballos de investigación

1. Os traballos serán orixinais (isto é, provirán directamente do seu autor, sen ser imitación, tradución ou copia doutra obra), inéditos e non premiados con anterioridade. Teranse por inéditos aqueles traballos que non fosen obxecto de divulgación ou publicación nos termos da lexislación de propiedade intelectual. En consecuencia, non se considerarán inéditos e non se poderán presentar:

a) Aqueles traballos que fosen publicados, divulgados ou postos a disposición do público, por medios telemáticos, xa sexa a internet ou outras redes.

b) Aqueles traballos realizados por encarga dunha Administración pública mediante convenio de colaboración, contratación ou figuras similares, cando no dito documento estea previsto que a propiedade do dito traballo sexa da Administración pública que o encargou.

c) Aqueles traballos iguais ou que teñan unha similitude substancial con calquera traballo que xa tivera sido premiado en edicións anteriores do premio.

2. As persoas interesadas estarán obrigadas a comunicarlle á EGAP a publicación do traballo ou a concesión dun premio tan axiña como se producise, e sempre antes de que se resolva a concesión deste premio. A dita comunicación farase consonte ao modelo normalizado que figura como anexo II desta orde que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código de procedemento PR771A. A presentación da dita comunicación realizarase por medios electrónicos accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.

3. Os traballos, escritos nalgunha das dúas linguas cooficiais da comunidade autónoma, presentaranse en formato A4, da fonte Times New Roman, tamaño 12 e mecanografados a dobre espazo, e terán unha extensión mínima de 100 páxinas.

4. Os traballos poderán versar sobre a organización, estrutura, funcións, ámbitos competenciais e/ou actividades administrativas e de servizo público de calquera das Administracións ás que se refire a base primeira. A investigación poderá ser realizada desde calquera perspectiva, xa sexa histórica, xurídica, administrativa, política, sociolóxica ou económica.

Quinta. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes e traballos

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude e/ ou traballo de investigación presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A solicitude deberá ser asinada electronicamente pola persoa solicitante ou representante ou por aquela que se responsabilice da dirección do grupo de traballo, se é o caso.

Co obxecto de garantir o anonimato, nos traballos de investigación presentados non figurará ningún dato persoal da persoa autora deles, senón unicamente o título na primeira páxina. Así mesmo, o dito traballo será presentado nun arquivo independente ao do resto da documentación. No mesmo sentido, a Dirección da EGAP facilitáralle ao xurado, para o desenvolvemento das súas funcións, unicamente o documento que conteña o texto dos traballos presentados e manterá custodiada a identidade do/da autor/a ou dos/das autores/as ata que se resolva o procedemento.

3. O prazo de presentación das solicitudes e dos traballos comezará coa entrada en vigor desta orde e finalizará o 15 de outubro de 2021.

Sexta. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude o traballo de investigación, de non facelo así non se admitirá a solicitude.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sétima. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

e) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o esixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos citados poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Oitava. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Novena. Xurado

1. O exame dos traballos presentados e, se é o caso, a proposta de adxudicación do premio corresponderalle a un xurado especial, que estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito académico e da Administración pública, nomeadas polo conselleiro de Facenda e Administración Pública. Procurarase que no xurado exista unha representación equilibrada de mulleres e homes con capacitación, competencia e preparación axeitada.

2. A composición nominal do xurado farase pública na páxina web da EGAP.

3. A decisión do xurado terá lugar no prazo de dous meses contados desde o último día de prazo de presentación.

4. O xurado poderá propoñer deixar deserto o premio, cando ningún dos traballos presentados reúna os requisitos esixibles.

5. O xurado estará clasificado na categoría superior para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración Autonómica de Galicia.

6. O funcionamento do xurado regularase polas normas contidas na sección 3ª Órganos colexiados das distintas administracións públicas do capítulo II, título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Décima. Criterios de avaliación

No proceso de avaliación, o xurado terá en conta os seguintes criterios de valoración: interese, relevancia e carácter innovador do estudo; calidade científica do traballo, rigor metodolóxico, emprego de fontes documentais e elaboracións de conclusións; significación, utilidade e incidencia dos resultados achegados na teoría e/ou práctica administrativa e, por último, a corrección e claridade da expresión escrita, da exposición e da presentación xeral do traballo.

Décimo primeira. Resolución e réxime de recursos

1. A adxudicación do premio realizarase mediante resolución da directora da EGAP, de acordo coa proposta do xurado.

Se antes do 31 de decembro de 2021 non se dita a correspondente resolución de adxudicación do premio, as persoas interesadas estarán lexitimadas para entender desestimada a súa candidatura, de conformidade co establecido no artigo 25.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A resolución da directora da EGAP pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a directora da EGAP, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación ou ben de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co establecido nos artigos 8.2.a) e 14 e 46 respectivamente da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Décimo segunda. Publicidade e entrega do premio

A resolución deste procedemento publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Escola.

2. A entrega do premio realizarase nun acto público que se celebrará na EGAP na data que se comunicará oportunamente.

Décimo terceira. Edición da obra gañadora

A EGAP editará a obra que resulte gañadora do premio, logo da formalización do instrumento xurídico correspondente coa/s persoa/s autora/s.

Décimo cuarta. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración poderá crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo quinta. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo sexta. Información e control. Revogación e reintegro

1. As persoas beneficiarias do premio quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou polo Consello de Contas e o Tribunal de Contas, segundo a súa normativa propia.

Ademais, deberáselle facilitar á EGAP toda a información e documentación complementarias que considere precisa para a concesión ou o aboamento do importe do premio.

2. Procederá a revogación do premio, así como o reintegro total da cantidade percibida e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, que resulten de aplicación.

Décimo sétima. Aceptación dos termos da convocatoria e normativa reguladora

A presentación da solicitude e do traballo implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Disposición derradeira primeira. Disposicións de desenvolvemento e execución

Autorízase a directora da EGAP para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2021

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

missing image file
missing image file
missing image file