Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 19 de maio de 2021 Páx. 24522

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2021 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Naru.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Naru, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

1. O 18 de novembro de 2020, Helena Josefa Villares Gallardo, na súa condición de fundadora da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Naru constituíuna a entidade European Business Factory, S.L., representada por Helena Josefa Villares Gallardo, mediante escritura pública outorgada na Coruña o 13 de agosto de 2020, ante o notario Víctor José Peón Rama, co número de protocolo 1.130. Esta escritura foi emendada por outra outorgada ante o mesmo notario o 11 de marzo de 2021, co número 513 do seu protocolo.

3. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

4. A dotación inicial da Fundación é de 30.000 € depositados nunha conta bancaria aberta a nome da Fundación.

5. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto «fomentar a formación para o emprego e a aprendizaxe permanente destinada a lograr a inserción laboral e social de colectivos que se atopan en risco de pobreza e/ou exclusión social entre os que se inclúen: poboación en activo en situación de desemprego de longa duración, persoas con enfermidades crónicas ou de longa duración, mozos, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas refuxiadas, drogodependentes e calquera outro colectivo que requira formación e apoio para a súa integración laboral e/ou profesional».

6. O padroado inicial da Fundación está formado por María Ucieda Díaz, como presidenta; Marcos Salvador Gandoy Pérez, como secretario, e Alfonso Martínez Martínez e María Marcela Parga Fernández, como vogais.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevou ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo a proposta de clasificación como de interese para a formación profesional e a integración laboral da Fundación Naru, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

8. De conformidade coa dita proposta, pola Orde da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, do 16 de abril de 2021 (DOG núm. 78, do 27 de abril), pola que se clasifica de interese para a formación profesional e a integración laboral a Fundación Naru, adscribiuse a dita fundación ao Protectorado da Consellería de Emprego e Igualdade.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009 polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade (DOG núm. 253, do 17 de decembro), correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante a resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Naru, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, así como nos decretos 14/2009 e 15/2009, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Naru, polo que á vista da proposta de resolución formulada polo Servizo de Calidade de Procedementos e Sistemas,

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación Naru.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Emprego e Igualdade.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; ao Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego; e ao Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, a ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Emprego e Igualdade.

Contra esta resolución pódese interpoñer un recurso de alzada ante a conselleira de Emprego e Igualdade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2021

José Ramón Pardo Cabarcos
Secretario xeral técnico da Consellería de Emprego e Igualdade