Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 10 de maio de 2021 Páx. 23351

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2021 pola que se modifica a Resolución do 18 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría ou artístico-recreativas (programa Bono enerxía peme), anualidade 2021 (código de procedemento IN417Z).

No Diario Oficial de Galicia núm. 68, do 13 de abril de 2021, publicouse a Resolución do 18 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría ou artístico-recreativas (programa Bono enerxía peme), anualidade 2021 (código de procedemento IN417Z).

No artigo 2, proxectos subvencionables, establecíase no parágrafo 1.d) o seguinte:

d) Bono equipamento: renovación do equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras, secadoras, pasadoras de ferro, vending, mobles frigoríficos, autoservizo e calquera equipamento de consumo enerxético propio do establecemento, sempre que se poida acreditar unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar. Deberá xustificarse a retirada do equipamento existente e a súa entrega a un xestor autorizado.

No primeiro parágrafo do artigo 5, entidades e persoas beneficiarias, establecíase:

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou centro de traballo en Galicia e cuxa actividade estea incluída entre as seguintes seccións do CNAE 2009:

– Sección G: comercio por xunto e polo miúdo, divisións de 45 a 47 incluídas.

– Sección I: hostalaría, divisións de 55 a 56 incluídas.

– Sección R: actividades artísticas, recreativas e de entretemento, divisións de 90 a 93 incluídas.

O día 14 de abril de 2021 iniciouse o prazo de presentación de solicitudes e comezaron a atenderse múltiples consultas relativas á convocatoria; resultaron reiterativas as relativas aos equipamentos incluídos no bono equipamento e a posibilidade de ampliar os posibles beneficiarios a outras actividades para as cales se adapta a estrutura da convocatoria e que tamén recibiron un forte impacto pola crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Na actualidade existe dispoñibilidade orzamentaria suficiente para atender todas as solicitudes recibidas, e dado que o procedemento de asignación é por orde de entrada das solicitudes, a modificación dos aspectos sinalados non supón prexuízo de terceiros.

Por todo o anterior, sobre a base dos feitos sinalados e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a Resolución do 18 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría ou artístico-recreativas (programa Bono enerxía peme), anualidade 2021 (código de procedemento IN417Z) no seguinte sentido:

O parágrafo 1.d) do artigo 2 da resolución queda redactado do seguinte xeito:

d) Bono equipamento: renovación do equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras, secadoras, pasadoras de ferro, vending, mobles frigoríficos, autoservizo e calquera equipamento de consumo enerxético propio do establecemento, sempre que se poida acreditar unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar. Aqueles equipamentos para os cales non exista sistema de cualificación enerxética poderán ser subvencionables se acreditan este aspecto e xustifican que o novo equipamento previsto ten unha eficiencia enerxética superior ao substituído. Deberá xustificarse a retirada do equipamento existente e a súa entrega a un xestor autorizado.

O primeiro parágrafo do artigo 5 da resolución queda redactado do seguinte xeito:

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou centro de traballo en Galicia e cuxa actividade estea incluída entre as seguintes seccións do CNAE 2009:

– Sección G: comercio por xunto e polo miúdo, divisións de 45 a 47 incluídas.

– Sección I: hostalaría, divisións de 55 a 56 incluídas.

– Sección R: actividades artísticas, recreativas e de entretemento, divisións de 90 a 93 incluídas.

– Sección S: outros servizos, só as divisións 95 e 96.

Segundo. Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2021

Paula María Uría Traba
Directora da Axencia Instituto Enerxético de Galicia