Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Mércores, 28 de abril de 2021 Páx. 21206

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 15 de abril de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a proxectos desenvolvidos por empresas galegas de exhibición cinematográfica de carácter comercial que contribúan a garantir e fortalecer a súa viabilidade, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT207C).

BDNS (Identif.): 559124.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, titulares ou arrendatarios de salas de exhibición cinematográfica independentes, situados na Comunidade Autónoma, habilitados legalmente para a exhibición comercial de películas cinematográficas.

2. Só se poderá presentar un único proxecto por local. As empresas titulares de máis dun local poderán presentar un máximo de tres proxectos.

3. As salas deberán estar en funcionamento un mínimo de tres meses durante o período subvencionable, salvo por imposibilidade derivada da COVID-19.

Segundo. Finalidade

Fixar as bases que regularán o réxime de subvencións de concorrencia non competitiva establecidas pola Agadic para proxectos de empresas de exhibición cinematográfica comercial que contribúan a garantir e fortalecer a súa viabilidade, favorecer a captación de público, promover a difusión do cine comunitario e doutras cinematografías con baixa cota de pantalla en España, e fortalecer a actividade empresarial, e convocalas para o ano 2021.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 15 de abril de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a proxectos desenvolvidos por empresas galegas de exhibición cinematográfica de carácter comercial que contribúan a garantir e fortalecer a súa viabilidade, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT207C).

Cuarto. Importe

O importe global máximo para o financiamento da presente convocatoria será de 350.000 euros, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0 do orzamento de gastos da Agadic para o ano 2021, código de proxecto 2015-0003

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2021

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais