Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Martes, 27 de abril de 2021 Páx. 20952

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 16 de abril de 2021 pola que se clasifica de interese para a formación profesional e a integración laboral a Fundación Naru.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Naru con domicilio na urbanización Camiño Real, número 28, en Cambre (A Coruña).

Feitos:

1. O 18 de novembro de 2020, Helena Josefa Villares Gallardo, na súa condición de fundadora da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Naru constituíuna a entidade European Business Factory, S.L., representada por Helena Josefa Villares Gallardo, mediante escritura pública outorgada na Coruña o 13 de agosto de 2020, ante o notario Víctor José Peón Rama, co número de protocolo 1.130.

Esta escritura foi emendada por outra outorgada ante o mesmo notario o 11 de marzo de 2021, co número 513 do seu protocolo.

3. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto «fomentar a formación para o emprego e a aprendizaxe permanente destinada a lograr a inserción laboral e social de colectivos que se atopan en risco de pobreza e/ou exclusión social entre os que se inclúen: poboación en activo en situación de desemprego de longa duración, persoas con enfermidades crónicas ou de longa duración, mozos, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas refuxiadas, drogodependentes e calquera outro colectivo que requira formación e apoio para a súa integración laboral e/ou profesional».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por María Ucieda Díaz, como presidenta; Marcos Salvador Gandoy Pérez, como secretario, e Alfonso Martínez Martínez e María Marcela Parga Fernández, como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación como de interese para a formación profesional e a integración laboral da Fundación Naru, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese para a formación profesional e a integración laboral e a súa adscrición á Consellería de Emprego e Igualdade.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais, na súa reunión do día 12 de abril de 2021,

DISPOÑO:

Clasificar de interese para a formación profesional e a integración laboral a Fundación Naru e adscribila ao protectorado da Consellería de Emprego e Igualdade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Turismo