Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Luns, 26 de abril de 2021 Páx. 20726

I. Disposicións xerais

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 65/2021, do 15 de abril, polo que se modifica o Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

O Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, regula unha estrutura organizativa que aposta por profundar nunha maior racionalidade e eficacia no desenvolvemento competencial e de xestión das funcións que ten atribuídas, así como por desenvolver os criterios de mellora continua e de colaboración dentro do sector público reflectidos na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, na actividade desenvolvida por esta nos diferentes ámbitos materiais da súa competencia, en prol de facer máis áxil e eficiente a xestión administrativa.

Con anterioridade a ese decreto, no ano 2017 levouse a cabo unha reordenación funcional no seo da Dirección Xeral de Mobilidade para, por un lado, adaptarse aos cambios introducidos pola Lei 10/2016, do 19 de xullo, de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público de Galicia, e pola Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, neste ámbito material, e, doutro, acadar unha maior axilidade no desenvolvemento da actividade administrativa.

Por esta razón reorganizouse a Dirección Xeral de Mobilidade coa creación de dous novos órganos, a Subdirección Xeral de Planificación Técnica do Transporte e o Servizo de Planificación, co obxectivo de reforzar a área de planificación e profundar e mellorar a calidade do estudo e análise das actuacións necesarias de cara á elaboración, aprobación e implementación do Plan de transporte público de Galicia no ano 2019.

Unha vez finalizada a aprobación e implementación do plan e os proxectos derivados del, e xa iniciada a implantación da nova configuración da rede de transporte interurbano de Galicia, os labores de planificación do transporte e xestión e execución das infraestruturas poden volver unificarse nunha única subdirección xeral.

Por outra banda, resulta necesario regular o sistema de suplencia entre os distintos órganos da consellería segundo o establecido no artigo 12 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento de a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, para o cal se introduce unha nova disposición adicional.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de abril de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

O Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, queda redactado como segue:

Un. O número 2.3 do artigo 11 queda redactado como segue:

«2.3. Subdirección Xeral de Infraestruturas e Planificación do Transporte.

2.3.1. A Subdirección Xeral de Infraestruturas e Planificación do Transporte exercerá as seguintes funcións:

a) A planificación, coordinación, redacción dos estudos e proxectos necesarios para o seu desenvolvemento e execución da oferta intermodal de transporte na Comunidade Autónoma e das infraestruturas do transporte de viaxeiros/as, así como a proposta da súa adxudicación e explotación.

b) A preparación e seguimento de protocolos, acordos e convenios sobre actuacións concertadas con outras administracións públicas en materia de infraestruturas de transporte.

c) O seguimento da execución dos convenios en materia de infraestruturas dos transportes con outras administracións publicas, incluída a súa execución orzamentaria.

d) O estudo e a análise de plans e proxectos de fomento do transporte público e a mobilidade sustentable.

e) O estudo, a proposta e a programación das actuacións que, en materia de transportes, poidan corresponder ao ámbito de actuación da Dirección Xeral.

f) A xestión e coordinación das accións que se leven a cabo en materia de aeródromos na Comunidade Autónoma.

g) O seguimento das actuacións que, respecto do transporte ferroviario, desenvolvan outras administracións públicas distintas da Comunidade Autónoma.

h) A planificación dos centros integrados de transporte e de plataformas para as actividades do transporte e a operatividade loxística de mercadorías.

i) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Dirección Xeral.

2.3.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Infraestruturas e Planificación do Transporte contará cos seguintes servizos:

2.3.2.1. Servizo de Infraestruturas.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Apoio técnico á Subdirección Xeral de Infraestruturas e Planificación do Transporte sobre as infraestruturas de transporte de viaxeiros/as existentes na Comunidade Autónoma.

b) Tarefas dirixidas á execución de novas actuacións destinadas ao uso dos/das viaxeiros/as do transporte público colectivo, así como dos elementos complementarios destas.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Infraestruturas e Planificación do Transporte.

2.3.2.2. Servizo de Planificación.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Apoio técnico á Subdirección Xeral de Infraestruturas e Planificación do Transporte sobre os plans e proxectos de fomento do transporte público e a mobilidade sustentable.

b) Tarefas destinadas á programación e planificación de actuacións que, en materia de transportes, poidan corresponder ao ámbito de actuación da Dirección Xeral.

c) Tarefas destinadas á planificación e seguimento da explotación de infraestruturas do transporte competencia da Dirección Xeral.

d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Infraestruturas e Planificación do Transporte».

Dous. Modificase a numeración da disposición adicional única, que pasa a denominarse:

«Disposición adicional primeira. Potestade expropiatoria»

Tres. Engádese unha disposición adicional segunda, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional segunda. Suplencia

No non previsto neste decreto, en caso de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que fose declarada a abstención ou recusación das persoas titulares dos órganos superiores e de dirección da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, as competencias atribuídas por este decreto aos correspondentes órganos serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, polos órganos de dirección da Consellería, seguindo a orde de prelación que se establece no Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia. Neste sentido, a substitución será asumida pola persoa titular do órgano que ocupe o posto seguinte na orde correlativa enunciada e corresponderalle á primeira persoa, se for o caso, substituír a última».

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ao establecido neste decreto ou o contradigan.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de abril de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade