Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Luns, 26 de abril de 2021 Páx. 20854

III. Outras disposicións

Instituto Galego do Consumo e da Competencia

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2021, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, pola que se convoca a fase autonómica do concurso sobre consumo responsable e calidade de vida Consumópolis-16: coida o teu planeta cun consumo + responsable, atréveste? (código de procedemento IN114A).

A Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, establece como un dos dereitos básicos das persoas consumidoras a formación e a educación en materia de consumo. Sinálase na exposición de motivos que a actuación administrativa debe superar o concepto tradicional de formación e educación, limitada, tradicionalmente e en exclusiva, ao coñecemento polas persoas consumidoras dos seus dereitos como tales, para entender esta formación e educación integradas nun contexto máis global onde este coñecemento teña que complementarse simbioticamente con outros coñecementos dos cales non poida prescindir á hora de adquirir bens e servizos, como a sustentabilidade ambiental, económica, social e cultural.

Así mesmo, o artigo 50 desta lei sinala que a Administración competente en materia de consumo, conxuntamente coa competente en educación, establecerá un plan de formación específico orientado a favorecer o tratamento da educación para o consumo nos currículos das diferentes etapas e niveis do ensino regrado, na forma en que mellor se axuste á finalidade pedagóxica de cada un deles.

A estratexia de protección das persoas consumidoras para o período 2020-2025 ten por obxecto acadar un alto nivel de protección na nosa comunidade autónoma e enmárcase na Nova Axenda Europea do Consumidor 2020-2025; neste senso, comparte os obxectivos establecidos nela e encádrase dentro do ámbito competencial da comunidade autónoma en materia de protección das persoas consumidoras.

Comprende tres ámbitos de actuación que son os seguintes:

– Transformación dixital.

– Persoas consumidoras vulnerables.

– Formación e educación sustentable, económica, integral e inclusiva.

Dentro do ámbito de formación e educación sustentable, económica, integral e inclusiva inclúese a realización dun plan formativo e diferentes programas entre os cales se encontra o denominado ConsumoEduca, que ten por destinatarios toda a comunidade educativa galega.

A Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, fai referencia á concepción da educación como chave para a formación de persoas activas; con autoconfianza, curiosas, emprendedoras e innovadoras; desexosas de participar na sociedade a que pertencen, de crear valor individual e colectivo; e capaces de asumir como propio o valor do equilibrio entre o esforzo e a recompensa. A educación e o sistema educativo deben posibilitar tanto a aprendizaxe de cousas distintas como o ensino de xeito diferente, para poder satisfacer un alumnado que foi cambiando coa sociedade.

A educación para o consumo é fundamentalmente unha educación social e cidadá, que incide na comunidade e representa un medio para avanzar cara a unha cidadanía máis crítica, autónoma e consciente dos seus dereitos e responsabilidades, disposta a actuar nunha sociedade globalizada e cambiante.

Promover a educación para o consumo responsable nos centros docentes da comunidade autónoma é, por tanto, un interese do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, co obxecto de que o alumnado desenvolva as competencias que lle permitan exercer os seus dereitos como persoas consumidoras, actuando no mercado de forma autónoma, responsable e solidaria.

En consonancia con estes principios, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia participa na organización do concurso de ámbito estatal Consumópolis, conxuntamente coa Dirección Xeral de Consumo do Ministerio de Consumo e outras quince comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla, e que consta de dúas fases: unha fase autonómica, organizada polos organismos competentes en consumo de cada cidade ou comunidade autónoma, na cal se seleccionarán os equipos gañadores a nivel autonómico; e unha fase nacional, organizada pola Dirección Xeral de Consumo do Ministerio de Consumo, na cal participarán os equipos que resulten gañadores en cada cidade ou comunidade autónoma.

A finalidade do concurso é promover a reflexión de forma consciente, crítica e solidaria sobre distintos aspectos do consumo responsable, mediante a realización das actividades que se propoñen no concurso: o percorrido pola cidade virtual de Consumópolis.

En consecuencia, corresponde ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia, adscrito á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e á Consellería de Cultura, Educación e Universidade convocar a fase autonómica do concurso, co obxecto de seleccionar os equipos gañadores que representen a Comunidade Autónoma de Galicia na fase estatal do concurso.

Con este fin, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, existe na aplicación 09.80.613A.640.0 unha partida orzamentaria consignada pola contía de 5.700 euros para atender o pagamento dos premios obxecto da presente convocatoria.

Por todo iso, como conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e como director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia

RESOLVEMOS:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar e regular a fase autonómica do concurso do curso escolar 2020/21 Consumópolis-16 sobre consumo responsable e calidade de vida, que leva por título: Coida o teu planeta cun consumo + responsable, atréveste? (código de procedemento IN114A).

2. O concurso consta dunha única parte: o percorrido pola cidade virtual de Consumópolis, que se desenvolve a través do sitio web www.consumopolis.es

Artigo 2. Participantes

1. Poderán participar nesta fase autonómica todos aqueles equipos constituídos por cinco alumnos ou alumnas que cursen estudos de 5º ou 6º de educación primaria ou de 1º, 2º, 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria ou formación profesional básica en calquera centro público, concertado ou privado da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Cada alumno ou alumna participante só poderá formar parte dun equipo. Os equipos deben procurar a paridade, polo que se procurará que cada equipo non teña máis de tres membros do mesmo sexo.

3. Cada equipo debe estar coordinado por un docente do centro. Un mesmo docente poderá coordinar máis dun equipo no seu centro.

4. Non existe límite para o número de equipos que se poden formar en cada centro docente.

Artigo 3. Categorías de participación

Establécense tres categorías de participación:

– Categoría A: alumnado de 5º e 6º curso de educación primaria.

– Categoría B: alumnado de 1º e 2º curso de educación secundaria obrigatoria.

– Categoría C: alumnado de 3º e 4º curso de educación secundaria obrigatoria ou de formación profesional básica.

Artigo 4. Premios

1. Concederanse tres premios de 1.000, 600 e 300 euros para os traballos clasificados, respectivamente, en primeiro, segundo e terceiro lugar por cada unha das categorías de participación.

2. Os equipos gañadores de cada un dos tres niveis de participación representarán a Comunidade Autónoma de Galicia na convocatoria nacional.

Artigo 5. Certificación e recoñecemento

1. Todos os membros do equipo recibirán, ademais dos premios, un diploma do Instituto Galego do Consumo e da Competencia que os acredita como gañadores.

2. Os docentes que participasen como coordinadores dos equipos premiados recibirán da Consellería de Cultura, Educación e Universidade un certificado de premio de innovación educativa cunha equivalencia de 12 horas de formación do profesorado.

Artigo 6. Apoio aos centros docentes

1. Como axuda para realizar as actividades que son obxecto do concurso, os equipos participantes contarán coas fichas informativas e pedagóxicas, en formato PDF, relacionadas co consumo responsable que están localizadas no sitio web www.consumopolis.es

2. Ademais, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia ofrece aos centros docentes o asesoramento que precisen para realizar as actividades que son obxecto do concurso, o cal poderán solicitar poñéndose en contacto coa Escola Galega do Consumo a través do enderezo de correo electrónico igc.escuela@xunta.gal, ou do número de teléfono 881 99 90 91.

Artigo 7. Formalización a través da plataforma e obtención da ficha virtual

1. Finalizado o percorrido virtual pola cidade de Consumópolis, a persoa coordinadora descargará unha ficha virtual que así o acredita no sitio web www.consumopolis.es e que recolle o nome do equipo, os compoñentes e a referencia del.

2. Desde o momento en que a ficha virtual do traballo sexa descargada pola persoa coordinadora, o traballo non poderá ser modificado. Se o docente coordinador non descarga a ficha virtual do traballo, a fase autonómica do concurso non se considera finalizada.

Artigo 8. Memoria da participación no concurso

1. Cada equipo elaborará unha memoria en que expoña como foi a súa participación no concurso. Na memoria recollerase, de xeito resumido e esquemático, o traballo realizado por cada equipo e a aprendizaxe acadada como consecuencia da participación no concurso.

2. A memoria poderá realizarse en calquera dos dous idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia e na súa estrutura contará cos seguintes elementos:

a) Portada, en que se indicará o nome do equipo, o título do traballo, o nome do centro, o nome do docente coordinador e o nome dos membros do equipo.

b) Índice paxinado.

c) Corpo da memoria, cunha extensión máxima de 5 páxinas, na cal se diferencie de xeito claro a valoración da experiencia e da aprendizaxe acadadas. Neste documento cada equipo debe explicar, como mínimo, as seguintes cuestións:

1ª. Como se organizaron os membros do equipo para a resolución das probas do xogo en liña e cal foi, segundo o caso, a documentación consultada.

2ª. Como se organizaron os membros do equipo para a realización do traballo conxunto, a distribución dos respectivos roles e tarefas, as fontes documentais consultadas, as ferramentas e os demais materiais empregados.

3ª. A valoración do propio alumnado sobre o aprendido en cada unha das fases do concurso.

d) Xuntarase, se é o caso, un anexo bibliográfico e fotográfico en formato dixital das actividades realizadas polo alumnado durante a participación no concurso.

Artigo 9. Prazo de presentación

O prazo para a presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 2 de xuño de 2021.

Artigo 10. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 11. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As solicitudes de participación irán acompañadas da seguinte documentación complementaria:

a) Ficha virtual en formato PDF descargada desde a plataforma do concurso. Para obter esta ficha é preciso completar o percorrido virtual da cidade de Consumópolis.

b) Memoria descritiva do traballo desenvolvido. Debe estar realizada polo alumnado participante e presentarse en formato PDF.

2. A documentación complementaria presentarase electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os seguintes datos:

a) NIF do centro educativo.

b) DNI ou NIE da persoa representante do centro educativo.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo para asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Publicación dos actos

Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de concesión de premios.

Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia https://consumo.xunta.gal/gl

Artigo 16. Xurado

1. Os traballos que se presenten a esta convocatoria serán examinados e avaliados, de conformidade cos criterios establecidos no artigo 17, por un xurado constituído por:

a) Presidente/a: a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ou persoa en que delegue.

b) Vicepresidente/a: a persoa titular da Dirección do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ou persoa en que delegue.

c) Vogais:

– Unha persoa asesora de Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

– Un/unha funcionario/a do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

d) Secretario/a: a persoa titular da Dirección Técnica da Escola Galega do Consumo.

2. O funcionamento do xurado estará regulado polas normas básicas contidas na sección 3 do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e pola sección III, do capítulo I do título I (artigos 14 e seguintes) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. O xurado terá facultades para resolver as dúbidas que aparezan na interpretación das bases desta convocatoria.

3. O xurado, de ser necesario, poderá dispoñer a constitución dunha comisión técnica especializada para colaborar na valoración daqueles traballos que coide pertinentes, que poderá estar integrada por asesores e asesoras de Innovación Educativa e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

4. Os premios anunciados poderán ser declarados desertos. Non obstante, o xurado poderá determinar a redistribución da contía dos declarados desertos se as características dos traballos así o permiten.

Artigo 17. Criterios de valoración

1. Para a selección dos equipos con dereito aos premios autonómicos, o xurado terá en conta:

a) A puntuación obtida no percorrido pola cidade virtual de Consumópolis, que quedará establecida de forma automática polo propio sistema da web estatal www.consumopolis.es con base nos criterios de coñecementos e habilidades adquiridos.

b) A memoria descritiva do traballo desenvolvido.

Artigo 18. Resolución

1. As solicitudes entenderanse desestimadas se non foren resoltas no prazo de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. A proposta de concesión de premios emitida polo xurado elevarase ao director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. A resolución ditada ao abeiro desta convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou ou debía ditala, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación. Se o acto non for expreso, poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente á circunscrición do órgano que ditou a resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

Artigo 19. Pagamento dos premios

1. O pagamento dos premios, por unha contía máxima de 5.700 euros, farase con cargo á aplicación orzamentaria 09.80.613A.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para o ano 2021, onde existe crédito adecuado e suficiente.

2. Os centros gañadores teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

3. Toda alteración posterior nos proxectos presentados das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. Así mesmo, en caso de incumprimento de calquera das condicións establecidas para a súa concesión, existirá a obriga de reintegro total ou parcial do premio percibido.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 21. Difusión e publicación

1. O Instituto Galego do Consumo e da Competencia e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade poderán proceder á reprodución, publicación e divulgación dos proxectos premiados, que quedarán na súa propiedade.

2. As persoas gañadoras quedan na obriga de asumir as responsabilidades que puideren resultar da utilización dos textos, imaxes e outros elementos creativos achegados na realización do proxecto e cuxa propiedade sexa de terceiras persoas ou entidades alleas a esta convocatoria.

3. O centro participante deberá contar coa autorización por escrito das nais, pais ou persoas titoras legais dos menores que participen.

4. A participación na correspondente convocatoria supón a aceptación de todas as bases, así como a cesión ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia e/ou á Consellería de Cultura, Educación e Universidade do dereito de propiedade intelectual dos traballos premiados, nos cales poderán introducirse as variacións que se consideren máis axeitadas para a súa finalidade educativa, de acordo co Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei da propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

Artigo 22. Retirada da documentación

A dirección do centro docente e/ou as persoas coordinadoras dos proxectos presentados poderán solicitar ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia a retirada da documentación e a devolución dos proxectos non premiados na convocatoria, no prazo dos trinta días naturais seguintes ao da publicación da resolución de concesión dos premios no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 23. Réxime de recursos

Esta resolución poderá ser impugnada potestativamente, perante a directora do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, mediante recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición adicional primeira. Aplicación supletoria

En todo o non previsto na presente resolución aplicaranse supletoriamente os preceptos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia; da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; e da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

Disposición derradeira. Desenvolvemento e entrada en vigor

1. Facúltase o director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para ditar as instruccións necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta resolución.

2. A presente resolución entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

Manuel Heredia Pérez
Director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia

missing image file
missing image file