Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Xoves, 22 de abril de 2021 Páx. 20454

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 29 de marzo de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Teo (expediente-e IN407A 2019/246-1).

Expediente-e: IN407A 2019/246-1.

Promotor: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Instalación: LMTS e CTC no lugar de Eio dos Ferreiros.

Concello: Teo.

Feitos:

1. O 19 de decembro de 2019, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da dita instalación de distribución eléctrica.

Achegan o proxecto que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, que abrangue os seguintes documentos:

– Proxecto de execución denominado: LMTS, CTC lugar de Eio dos Ferreiros.

– Proxecto de execución denominado: anexo á separata ao proxecto LMTS, CTC lugar de Eio dos Ferreiros.

2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución publicada nos seguintes medios:

– Acordo de información pública: 5 de febreiro de 2020.

– DOG: 26 de febreiro de 2020.

– BOP: 11 de febreiro de 2020.

– Xornal La Voz de Galicia: 13 de febreiro de 2020.

– Taboleiro de anuncios do concello: segundo certificado municipal da secretaria do Concello de Teo, con data do 19 de outubro de 2020.

3. Durante o período en que se someteu ao trámite de información pública Dolores Canicoba Veiga achegou unha alegación. Desta alegación déuselle traslado á empresa promotora, que respondeu en defensa dos seus intereses.

4. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Servizo de Patrimonio Cultural-Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Coruña e o Concello de Teo. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos polos organismos afectados de Patrimonio e o concello.

5. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron un informe favorable sobre a solicitude de autorización.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e o artigo 39.a) do Decreto 230/2021, do 11 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

2. Lexislación de aplicación:

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

– Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

– Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

– Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

3. Características técnicas:

• Liña eléctrica de media tensión soterrada a 20 kV cunha lonxitude de 1.434 m, coa orixe en empalmes proxectados que se van realizar na LMTS. SNT813 (expediente 74/12) no treito da derivación ao centro de transformación Eio dos Menecos (expediente 74/12), condutor tipo RHZ1-2OL-12/20 kV 1×240 mm2 Al e remate no centro de transformación proxectado Eios dos Ferreiros (entrada e saída).

• Centro de transformación prefabricado 2L+P Eios dos Ferreiros (proxectado), cunha potencia de 250 kVA e unha relación de transformación de 20.000/400 V.

4. Na visita de campo realizada para examinar o lugar da instalación non se apreciou, nos predios sometidos a expropiación, ningunha das limitacións á constitución da servidume sinaladas no artigo 58.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

5. Respecto da alegación formulada por Dolores Canicoba Veiga (predio número 1) relativa á idoneidade da localización da instalación motivado polo condicionado emitido polo Concello de Teo, aducindo indefensión por non coñecer o dito condicionado así como a carencia de xustificación da urxencia e a necesidade de ocupación de terreos de propiedade privada ademais de non considerar o demérito que a instalación provoca á parcela da súa propiedade, polo que propón unha lixeira desviación ou modificación.

En resposta a esta alegación, UFD Distribución Electricidad, S.A. manifesta que o proxecto que agora se está a tramitar se elaborou en cumprimento do requirimento do Concello de Teo, no referente a que a instalación debería situarse a non menos de 5 metros dos lindeiros. Engade outras consideracións de carácter legal sobre a oportunidade do proxecto e a dispoñibilidade de toda a documentación no expediente administrativo.

Á vista da alegación achegada, da resposta formulada pola promotora da instalación e do resto da documentación que consta no expediente, esta xefatura territorial non pode aceptar a dita alegación xa que nas parcelas da alegante non se dan as limitacións ou prohibicións á constitución da servidume de paso establecidas tanto no artigo 58 da Lei do sector eléctrico coma no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que impidan o establecemento da servidume de paso desta instalación a través dos terreos contidos na relación de bens e dereitos que se xuntou, entre outras cosas porque non se precisa a modificación proposta cara a comprobar o cumprimento das condicións establecidas no punto 2 do dito artigo 161. Respecto da suposta indefensión polo descoñecemento do contido do condicionado do Concello de Teo, non consta que a alegante exercese o dereito de acceso ao expediente administrativo recoñecido no artigo 53 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Verbo da perda económica que suporía a construción da instalación eléctrica, o prezo xusto da expropiación deberá ser valorado no momento procedemental oportuno.

6. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

Consonte con todo o sinalado,

RESOLVO:

A) Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da dita instalación de distribución eléctrica.

B) A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados, e implicará a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do/da director/a da montaxe no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

D) Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que considere pertinente.

Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 29 de marzo de 2021

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña