Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Mércores, 21 de abril de 2021 Páx. 20216

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 6 de abril de 2021 pola que se nomean membros do Consello Galego de Universidades.

O Decreto 98//2014, do 17 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Universidades, regula a composición deste órgano colexiado e no seu artigo 5, na alínea h) do punto 1, establécese que formarán parte del catro membros designados pola Comisión do Parlamento de Galicia competente en materia universitaria, en proporción á súa representación no Pleno do Parlamento.

Segundo o artigo 8.2, a duración do mandato dos membros do Consello Galego de Universidades de designación parlamentaria será de catro anos e permanecerán en funcións desde a expiración do devandito período ata a toma de posesión dos novos membros.

No artigo 9.3, alínea b), establécese que as vacantes que se produzan entre os membros elixidos polo Parlamento antes da finalización do seu mandato cubriranse polo mesmo procedemento empregado para a súa designación, no prazo máximo de tres meses, e entenderase nomeado o membro substituto polo período que reste do anterior mandato.

Con data do 25 de febreiro de 2021, a Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia procedeu á elección, designación e proposta de nomeamento de Begoña Barreiro Fernández, pola renuncia de Elisa Alén González, nomeada pola Orde do 19 de febreiro de 2018, pola que se nomean membros do Consello Galego de Universidades.

Os acordos de designación dos membros elixidos polo Parlamento de Galicia seranlle comunicados á persoa titular da consellería competente en materia de universidades, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da consellería, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e producirá efectos a partir desa data.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo único

Nomear vogal do Consello Galego de Universidades como membro designado pola Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia a Begoña Barreiro Fernández en substitución de Elisa Alén González.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade