Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Martes, 20 de abril de 2021 Páx. 20015

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 8 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e se convocan para o exercicio orzamentario do ano 2021 (código de procedemento MT821A).

O artigo 32.1 da Lei 30/2014, de parques nacionais, establece que, coa finalidade de promover o desenvolvemento sustentable destes espazos, as administracións públicas, dentro do seu ámbito competencial e conforme as dispoñibilidades orzamentarias, poderán conceder axudas técnicas, económicas e financeiras nas áreas de influencia socioeconómica dos parques nacionais.

O Real decreto 1229/2005 polo que se regulan as subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado nas áreas de influencia socioeconómica dos parques nacionais, recoñece expresamente que a tramitación e resolución dos procedementos de concesión destas subvencións corresponde ás comunidades autónomas.

Este real decreto sinala no seu artigo 5 que a concesión de subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado nas áreas de influencia socioeconómica dos parques nacionais require convocatoria pública por parte daquelas comunidades autónomas que dispoñan no seu territorio dalgún parque nacional. Convocatoria que debe conter as especificacións mínimas que determina o mencionado precepto.

Galicia conta cun parque nacional que agrupa os arquipélagos de Cortegada, Sálvora, Ons e Cíes, e recibe o nome de Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Este Parque inclúe superficies pertencentes aos concellos de Vigo, Bueu e Vilagarcía de Arousa, en Pontevedra, e Ribeira, na Coruña.

Por outra banda, esta convocatoria responde á necesidade de contribuír ao desenvolvemento socioeconómico da poboación sita no ámbito de influencia do Parque Nacional. A regulamentación de usos e actividades permitidos no interior do Parque Nacional é, en ocasións, certamente restritiva, pois a fraxilidade e interese dos valores naturais que se protexen así o exixe. Non obstante, isto non debe ser obstáculo para fomentar e lograr o crecemento económico da zona de influencia socioeconómica do Parque de xeito harmonioso e compatible cos obxectivos de conservación.

A experiencia adquirida na xestión destas axudas e a necesidade de adaptación á nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia establecida polo Decreto 88/2018 fan conveniente introducir algunhas modificacións que afectan o sistema de xestión. Por todo isto, e coa finalidade de facilitar o acceso ás bases reguladoras nun só texto, óptase polo establecemento na presente orde do texto definitivo das bases reguladoras para a concesión das axudas.

É obxectivo tamén desta orde o cumprimento das premisas de publicidade e transparencia especificadas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

O artigo 11 do Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, inclúe entre os seus órganos superiores e de dirección a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que exerce as competencias e funcións en materia de conservación da natureza, protección, usos sustentables, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia e os seus elementos etnográficos, e a súa preservación. A esta dirección xeral está adscrito con nivel orgánico de servizo o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto das axudas

1. A presente orde ten por obxecto, de acordo co establecido no Real decreto 1229/2005, establecer as bases reguladoras, así como efectuar a súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2021, das axudas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (código de procedemento MT821A)

2. De acordo coa Lei 15/2002 pola que se declara o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, entenderase por área de influencia socioeconómica do Parque Nacional a área ocupada polos concellos que teñen parte da súa superficie no Parque Nacional, é dicir, a superficie dos concellos de Bueu, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vigo.

3. As axudas previstas nesta orde outorgaranse de conformidade cos criterios de publicidade, concorrencia competitiva, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, atendendo a criterios de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e á eficiencia na asignación e emprego dos recursos públicos, segundo ao establecido no artigo 8 da Lei 38/2003, xeral de subvencións.

Sección 1ª. Bases reguladoras

Artigo 2. Iniciativas e porcentaxes subvencionables

1. Poderán ser obxecto de subvencións os investimentos na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional referidos a:

a) Iniciativas públicas tendentes á modernización das infraestruturas urbanas, periurbanas e rurais destinadas ao uso xeral, así como á diversificación e mellora dos servizos prestados pola Administración local, cando garden unha relación directa coas finalidades e obxectivos que establecen a norma da declaración do Parque Nacional ou os seus instrumentos de planificación. As actuacións subvencionables, dentro do perímetro do Parque Nacional, serán do tipo de: mellora na subministración de auga potable, mellora na atención sanitaria a persoas visitantes e residentes no Parque, xestión de residuos, xestión enerxética, rede de saneamento e outras semellantes.

b) Iniciativas públicas ou privadas destinadas á conservación ou restauración do patrimonio natural, sempre que presenten un manifesto valor ecolóxico.

c) Iniciativas públicas ou privadas orientadas á eliminación de calquera tipo de impacto sobre os valores naturais ou culturais que xustificaron a creación do Parque Nacional, incluído o impacto visual sobre a percepción estética ocasionado por infraestruturas preexistentes. As actuacións subvencionables, dentro do perímetro do Parque Nacional, serán do tipo de: soterramento de alxibes, mellora de fosas sépticas, puntos limpos e outras semellantes.

d) Iniciativas públicas ou privadas dirixidas a garantir a compatibilidade das actividades e dos usos tradicionais coa finalidade e cos obxectivos dos parques nacionais.

e) Iniciativas públicas ou privadas destinadas á conservación ou á restauración do patrimonio arquitectónico, sempre que presenten un manifesto valor histórico-artístico ou cultural a escala local. As actuacións subvencionables serán do tipo de: recuperación de hórreos, fornos comunais e outras semellantes.

f) Iniciativas privadas destinadas á posta en marcha de actividades económicas relacionadas co Parque Nacional, en particular, as relacionadas coa prestación de servizos de atención a visitantes e coa comercialización dos produtos artesanais. As actuacións subvencionables serán do tipo de: empresas de rutas guiadas, mergullo recreativo-educativo, promoción de actividades en inverno e outras semellantes.

g) Iniciativas privadas destinadas ao mantemento ou á recuperación da tipoloxía construtiva tradicional, como adaptación de cubertas, arranxo de construcións anexas ou acadar as condicións exixidas para a concesión da cédula de habitabilidade, dos edificios que se atopan en terreos do interior do perímetro do Parque Nacional e teñen unha antigüidade de mais de 50 anos, cuxo uso estea directamente relacionado coa actividade produtiva asociada ao sector primario ou constitúen a primeira residencia das súas persoas propietarias, ou sexan utilizados polas persoas titulares dunha concesión, segundo o Decreto 174/2010, que regula o procedemento para outorgamento das concesións da Illa de Ons, e que estean ao día das súas obrigas derivadas da concesión.

h) Iniciativas públicas ou privadas orientadas á divulgación e formación entre a poboación local dos valores e importancia do Parque Nacional, coa conservación dos valores naturais e culturais que xustificaron a súa declaración ou co uso sustentable dos recursos naturais.

i) Iniciativas públicas ou privadas orientadas á posta en valor ou á recuperación e divulgación do patrimonio arqueolóxico, etnográfico e cultural.

2. Non se subvencionarán os gastos de adquisición de edificios nin terreos, nin os gastos xerais de funcionamento ou equipamento das persoas solicitantes, senón os propios do desenvolvemento das actividades e actuacións obxecto das axudas. Tampouco serán subvencionables os gastos correntes dos concellos. As solicitudes conxuntas de concellos que non acrediten a realización conxunta dunha actuación ou servizo e que supoñan actividades independentes en cada entidade local serán excluídas ou non admitidas a trámite.

3. Todas as accións, obras ou traballos deberán atoparse situados dentro do perímetro do Parque Nacional ou da zona de influencia socioeconómica, e terán prioridade as accións que se realicen dentro do perímetro do Parque sobre aquelas que estean fóra.

4. A porcentaxe da subvención e o importe máximo da axuda será:

– No caso de iniciativas incluídas nos grupos a), c), d), e), f) e g) do punto 1. Subvencionarase o 100 % do investimento subvencionable, ata un importe máximo de axuda de 12.000 € no caso de concellos e 6.000 € no resto dos casos.

– No caso de iniciativas incluídas nos grupos b), h) e i) do punto 1 subvencionarase o 100 % do investimento subvencionable, ata un importe máximo de axuda de 12.000 € no caso de concellos e 4.000 € no resto dos casos.

5. Cada persoa solicitante unicamente poderá presentar unha solicitude de axuda, especificando claramente o grupo do punto 1 do presente artigo ao que pertencen as actuacións para as que solicita a axuda.

Artigo 3. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Poderán resultar persoas beneficiarias das subvencións:

1.1. Entidades locais.

a) Os concellos dos municipios situados na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional (Bueu, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vigo).

1.2. Entidades empresariais.

a) As entidades empresariais que teñan a consideración de pequenas e medianas empresas, cuxa sede social estea radicada na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e cuxa actividade principal se desenvolva nesta área.

b) As persoas empresarias que teñan a condición de autónomas ou as comunidades de bens nos seguintes supostos:

– Cando a súa residencia e actividade se localicen na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional.

– Cando residan na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional e pretendan implantar a súa actividade nela.

– Cando non residan na dita área de influencia socioeconómica pero veñan realizando no interior do Parque Nacional actividades produtivas de carácter artesanal ligadas ao sector primario, sempre que tales actividades fosen especificamente reguladas nos instrumentos de planificación.

1.3. Persoas físicas: as persoas físicas residentes e empadroadas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional, ou titulares dunha concesión, segundo o Decreto 174/2010, que regula o procedemento para outorgamento das concesións da Illa de Ons, e que estean ao día das súas obrigas derivadas da concesión, e as persoas propietarias dunha vivenda dentro do Parque Nacional.

1.4. Institucións sen fins de lucro: as fundacións e asociacións sen ánimo de lucro legalmente constituídas e cuxa sede social ou a dalgunha das súas seccións ou delegacións estea na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional, sempre e cando entre os seus fins estatutarios figure expresamente a realización de actuacións en materia de conservación ou uso sustentable dos recursos naturais, de protección do patrimonio histórico-artístico ou de promoción da cultura tradicional.

1.5. As entidades de dereito público constituídas ao abeiro dalgunha lexislación sectorial en materia de recursos naturais renovables e cuxa actividade estea relacionada co aproveitamento ordenado destes recursos na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional.

2. Non poderán obter a condición de persoa beneficiaria das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, xeral de subvencións.

Artigo 4. Presentación de solicitudes.

1. As solicitudes de subvención realizaranse cubrindo correctamente o modelo que figura no anexo I, dirixiranse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural e irán acompañadas, se for o caso, da documentación administrativa e técnica que se especifica no artigo 6.

2. As solicitudes presentaranse, preferiblemente, por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria, persoas traballadoras autónomas, o estudantes universitarios e as persoas representantes dunha das anteriores.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. O prazo de presentación de solicitudes de axuda é dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. Consonte o disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos sinalados, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da devandita lei.

Artigo 5. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

A. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación.

A.1. Para toda persoa interesada:

a) Acreditación da representación da persoa solicitante por calquera medio válido en dereito, se procede.

b) Memoria descritiva da finalidade para a que se solicita a subvención. Conterá, como mínimo, a descrición dos traballos ou actividades, planos de situación e detalle, orzamento detallado co IVE desagregado, prazo aproximado de execución e calendario, tendo en conta que as actividades subvencionables deben comezar e rematar no presente exercicio. Este calendario de execución é indicativo, xa que quedará condicionado ás anualidades que se determinen na resolución de aprobación.

c) No caso de que a actuación se localice nun lugar concreto, achegarase un plano de situación desta, sen prexuízo dos demais planos de detalle que exixa a definición técnica da actuación.

d) De ser o caso, acreditación de dispoñer de todas as licenzas e autorizacións necesarias para o exercicio da actividade ou de estar en trámite de conseguilas.

e) No caso de que o terreo obxecto dos traballos sexa propiedade de varias persoas copropietarias, deberase presentar:

1. Documento que acredite o consentimento de todas as persoas copropietarias.

2. Representación da persoa solicitante para realizar a acción obxecto da subvención.

A.2. Deberase xuntar, ademais, a seguinte documentación complementaria, dependendo da natureza da persoa beneficiaria:

a) No caso de concesionarios segundo o Decreto de concesións da illa de Ons, escrito que exprese a dita condición.

b) No caso de persoas arrendatarias, documento que acredite a condición, así como manifestación do consentimento, coñecemento ou non oposición pola persoa propietaria das obras, de acordo co disposto no artigo 30 da Lei 29/1994, de arrendamentos urbanos.

c) Para entidades locais, privadas e institucións sen ánimo de lucro, documento acreditativo do acordo adoptado pola entidade para efectuar a solicitude de subvención, así como da representación das persoas que a subscriban.

d) No caso de asociacións, acordo da Xunta de Goberno ou figura similar para solicitar as axudas, e certificación do concello, ou documento semellante, que acredite que máis do 50 % das persoas que teñen a condición de socias residen nalgún dos concellos do Parque Nacional.

e) Para institucións sen ánimo de lucro (fundacións e asociacións): copia dos seus estatutos.

f) No caso de empresas ou autónomos/as: acreditación de posuír a sede social nalgún concello do Parque Nacional.

g) No caso de comunidades de bens, declaración responsable sobre o importe do investimento que vai aplicar para cada unha das persoas membro da agrupación expresada en forma de porcentaxe sobre o total, e identificación de cada unha das persoas integrantes mediante o DNI.

B. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán recollidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consultas ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

C. A documentación complementaria presentarase, preferiblemente, por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiríraselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

D. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

E. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia

F. A Dirección Xeral de Patrimonio Natural poderá requirir motivadamente, consonte prevé o artigo 28 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, calquera documentación aclaratoria necesaria en relación coas subvencións que se van outorgar, que considere conveniente.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Alta no IAE.

e) Certificado de empadroamento da persoa solicitante.

f) Titularidade do terreo da persoa solicitante no catastro.

g) Titularidade dunha concesión segundo o Decreto 174/2010, relativo ás concesións da illa de Ons.

h) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

i) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

j) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

k) Certificado de inscrición da institución sen ánimo de lucro, no rexistro público correspondente.

l) Certificado de inscrición no Rexistro de Asociacións.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/o teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente valida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Instrución do procedemento de concesión de subvencións

1. A instrución das axudas recollidas no artigo 2 da presente orde efectuaraa a Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

2. No proceso de instrución darase traslado das solicitudes recibidas á Comisión de Valoración, que elaborará unha proposta de concesión das axudas, tendo en conta o informe emitido pola Dirección do Parque Nacional.

3. Cumpridos os trámites anteriores, elevaranse as correspondentes propostas de resolución á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, quen resolverá.

Artigo 10. Criterios de avaliación dos proxectos

1. Para a asignación das subvencións que se recollen na presente orde, terase en conta o informe elaborado pola dirección do Parque Nacional sobre o grao de adecuación de cada solicitude aos obxectivos do Parque Nacional e o resultado da inspección da viabilidade e realidade das actuacións propostas.

2. A asignación das citadas subvencións farase en virtude da baremación realizada pola Comisión de Valoración, composta pola persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que a presidirá. Ademais, serán membros da citada comisión a persoa titular do Servizo de Conservación de Espazos Naturais e a persoa titular da Dirección do Parque Nacional. Exercerá as funcións de secretaría a persoa titular da dirección adxunta do Parque Nacional. Así mesmo, asistirá ás reunións o persoal técnico e administrativo que sexa requirido en cada ocasión. En caso de ausencia dalgunha delas, a persoa titular da dirección xeral procederá a nomear unha persoa substituta. Na composición da comisión de valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

3. O baremo inclúe un factor de multiplicación (× 1,4) para discriminar os proxectos que, referidos a investimentos, repercutan directa e positivamente sobre a calidade de vida das persoas residentes no interior do parque nacional, e (× 1,2) se repercuten directa e positivamente na calidade de vida das persoas residentes na área de influencia socioeconómica.

4. A dispoñibilidade orzamentaria asignada na convocatoria limitará o número de expedientes que se aproben. Para iso, ordenaranse os investimentos solicitados de acordo cos criterios do baremo indicado, e aprobaranse os investimentos de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento.

5. Os criterios de avaliación e baremación de proxectos serán os seguintes:

Criterio I: avaliación do grupo de actividades subvencionables

Puntos

Segundo o tipo de actuacións que se van realizar (artigo 2.1):

Grupo a)

3

Grupo b)

2

Grupo c)

3

Grupo d)

1

Grupo e)

2

Grupo f)

2

Grupo g)

3

Grupo h)

1

Grupo i)

1

Total × 0,10

Total criterio I

Criterios II: avaliación segundo o Real decreto 1229/2005, do 13 de outubro

O carácter de exemplificación dun modelo de desenvolvemento compatible coa conservación dos procesos naturais

Ata 3

Volume de creación de emprego estable

Ata 3

A intensidade do efecto sobre a mellora da calidade de vida e o desenvolvemento económico

Ata 3

Repercusión social

Ata 3

Promoción do emprego da lingua galega na realización das actividades

Ata 2

Suma

Media

Media × 0,60

Criterio III: avaliación segundo a calidade da proposta

Calidade da proposta: coherencia entre os obxectivos propostos e a problemática detectada, resultados actividades e prazos

Ata 3

Adecuación dos recursos: coherencia do orzamento, medios, persoal e organización

Ata 3

Claridade na formulación da proposta

Ata 3

Suma

Media

Media × 0,30

No caso de concellos que teñan un convenio para a xestión compartida de servizos municipais e presenten unha solicitude conxunta para actuacións do grupo a) do artigo 2.1., a puntuación obtida conforme o criterio I incrementarase nun 10 %. Se, ademais, xuntan á solicitude unha memoria de aforro de custos respecto da presentación de modo individual, esta porcentaxe elevarase ata o 25 %.

Artigo 11. Inspección

O persoal funcionario do Parque Nacional realizará unha inspección no campo, para comprobar os datos da solicitude, comprobar a viabilidade dos traballos e verificar, de ser o caso, as superficies e que os traballos non estean executados. Esta inspección realizarase antes da resolución de aprobación da axuda. O prazo para executar comezará tras a inspección previa.

A Dirección do Parque Nacional emitirá informe individualizado para cada solicitude no cal se reflicta o resultado da inspección anterior, e a compatibilidade cos instrumentos de xestión do Parque e co mantemento dos valores que xustificaron a declaración do espazo como Parque Nacional.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. O prazo máximo para resolver será de tres meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Consonte o establecido no artigo 25 da Lei 38/2003, xeral de subvencións, unha vez transcorrido o devandito prazo sen que se dite a resolución expresa, os/as solicitantes poderán entender desestimada a súa solicitude nos termos previstos no artigo 25.1 da Lei 39/2015 do procedemento administrativo común das administracións públicas; sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente, de acordo co disposto no artigo 42.1 do mencionado texto legal.

2. As solicitudes de axudas serán resoltas pola persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

3. A resolución do procedemento notificarase de forma individual aos/ás adxudicatarios/as. Na notificación indicarase a persoa ou entidade beneficiaria, a cantidade concedida, o prazo de execución e a xustificación, así como a finalidade ou finalidades da subvención e o programa e crédito orzamentario a que se imputen.

En coherencia co que se dispón no artigo 12, no relativo ao prazo para executar as accións, este comezará tras a inspección previa que tamén se indica neste artigo 12.

A resolución ditada, segundo o disposto no punto 1 deste artigo, porá fin á vía administrativa e en contra dela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente ante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 116 e 117 da Lei 29/1998 da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 13. Renuncia

De renunciar á subvención concedida, a persoa ou entidade beneficiaria, no prazo de dez días hábiles contados desde o seguinte ao de notificación da resolución de concesión da axuda, deberá notificalo á Dirección Xeral de Patrimonio Natural segundo o anexo II desta orde. Se así non o fixer no prazo indicado, entenderase que acepta a axuda.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 15. Publicidade

1. A relación das subvencións concedidas publicarase no Diario Oficial de Galicia, coa indicación da norma reguladora, a persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. A consellería responsable da iniciativa publicará na súa paxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003 xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

4. A persoa ou entidade beneficiaria terá a obriga de publicitar a axuda concedida en toda actividade subvencionada durante a realización desta, así como nos anuncios e programas previos.

No caso de obras materiais instalarase un cartel segundo o modelo do anexo III desta orde, que deberá permanecer colocado no lugar por un período de 5 anos contado desde a notificación da resolución de concesión da axuda. O cartel de publicidade da subvención, que será a cargo da persoa ou entidade beneficiaria, deberá presentar en todo momento as adecuadas condicións de imaxe, obrigándose o adxudicatario a mantelo en perfecto estado e substituílo no caso de que sufra unha deterioración significativa.

Nas publicacións e demais material de divulgación farase mención a que a actividade foi financiada con cargo ao programa de subvencións da Rede de parques nacionais e da Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Debendo figurar os correspondentes logos segundo o anexo IV.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas da persoa beneficiaria as que se establecen con carácter xeral na normativa de aplicación en materia de subvencións e, en particular:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determina a concesión ou o goce da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así como calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto estatais como autonómicos, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Comunidade Autónoma, tributarias e fronte á Seguridade Social, tanto no momento de concesión da axuda como no da xustificación do gasto realizado.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa ou entidade beneficiaria en cada caso, así como de cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, sen prexuízo da exixencia por parte da Administración dos correspondentes xuros de demora, cando se perda o dereito ao cobramento.

i) No caso de axudas á divulgación, no momento da xustificación final, entregaranse 2 exemplares do material editado, xunto co resto da documentación xustificativa.

j) Respectar na realización de todas as actividades subvencionadas a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das mulleres e dos homes, así como o emprego dunha linguaxe inclusiva, mediante o uso dunha linguaxe, mensaxes e contidos visuais que contribúan á transformación social afastados de estereotipos sexistas configurados a partir dunha asignación de roles e valores diferenciados en función do sexo.

Artigo 17. Gastos subvencionables

1. Ao abeiro do disposto no artigo 31 da Lei 38/2003, xeral de subvencións:

a) Considéranse gastos subvencionables, para os efectos previstos na citada lei, aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido polas diferentes bases reguladoras das subvencións. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

b) Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado pola convocatoria da subvención.

c) Cando o gasto subvencionable supere os 40.000 €, no caso de obras, ou 15.000 € no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, logo de xustificación destas contías, a persoa solicitante deberá achegar, como mínimo, tres ofertas de diferentes persoas que teñan a condición de provedoras, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

A elección entre as ofertas presentadas, que se achegarán xunto coa solicitude de axuda, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

2. As subvencións outorgadas ao abeiro da presente orde serán compatibles con outras axudas para a mesma actividade proveniente doutras administracións públicas ou de entidades privadas, sen que, en ningún caso, se supere, pola concorrencia delas, o cen por cento do investimento que se vai realizar.

3. O IVE non será subvencionable.

4. As obras e actuacións obxecto da subvención deberán axustarse á lexislación vixente e, en particular, aos instrumentos de planificación e xestión do Parque Nacional.

5. No suposto de rehabilitación e mellora de bens inventariables, o período durante o cal a persoa beneficiaria deberá destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención non poderá ser inferior a cinco anos no caso de bens inscritibles nun rexistro público, nin a dous anos para o resto de bens.

6. Os investimentos obxecto de subvención deberán respectar os prazos e a distribución inicial de anualidade aprobados na resolución de adxudicación, debendo obrigatoriamente comezar no exercicio económico da convocatoria en curso.

Artigo 18. Subcontratación

Para os efectos do disposto no artigo 29 da Lei 38/2003, xeral de subvencións, permitirase a subcontratación total ou parcial da actividade obxecto da subvención, agás cando, aumentando o custo da actividade subvencionada, non achegue valor engadido ao seu contido.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, de acordo co disposto no artigo 19 da Lei 38/2003, xeral de subvencións, e segundo o establecido na normativa que regula o seu desenvolvemento.

2. A persoa beneficiaria poderá solicitar a modificación do contido da resolución, sempre que se solicite antes de que conclúa o prazo concedido para a realización da actividade, e non dane dereitos de terceiros, segundo o establecido no artigo 64 do Real decreto 887/2006 polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, xeral de subvencións. A persoa beneficiaria poderá solicitar a ampliación do prazo de xustificación, sempre que se solicite, expresamente e por escrito, antes da finalización do citado prazo, segundo o establecido no artigo 70 do Real decreto 887/2006 polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

3. Corresponde á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a resolución das solicitudes de modificación.

Artigo 20. Xustificación e pagamento da actividade

1. Efectuarase un único pagamento unha vez xustificada a realización da actividade obxecto da subvención desa anualidade.

2. Os ritmos de investimento e de execución das actuacións deberán corresponderse co programa de execución e calendario aprobados e a súa xustificación económica deberá referirse aos gastos incorridos neste período ou, de ser o caso, ao período prorrogado conforme o artigo 15.3, mediante resolución. Non será conforme nin se entenderá xustificado o incumprimento dos prazos ou a modificación das condicións de execución sen a aprobación do órgano concedente.

3. No momento da xustificación da execución, con anterioridade ao pagamento, a persoa beneficiaria deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

4. Unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou a actividade, a persoa beneficiaria deberá comunicar á Dirección Xeral de Patrimonio Natural o remate das accións e solicitar o aboamento do importe da axuda correspondente.

5. O servizo técnico do órgano xestor do Parque Nacional deberá certificar que os investimentos se realizaron de acordo coa resolución aprobada. Tras esta certificación poderá tramitarse o pagamento das axudas.

6. O pagamento da subvención realizarase logo da xustificación pola persoa beneficiaria da realización da actividade, da execución do proxecto ou investimento ou da consecución do obxectivo para o que se concedeu, de forma que a súa falta de xustificación ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas na normativa en materia de subvencións determinará a perda do dereito ao cobramento.

7. O incumprimento do dito prazo ou das obrigas previstas na presente orde producirá a perda total ou parcial das axudas recibidas, debendo a persoa beneficiaria reintegrar á Administración a cantidade que tivese percibida cos xuros que correspondan, sen prexuízo da posible incoación do correspondente procedemento sancionador cando os feitos motivadores do reintegro constitúan infracción administrativa.

8. Para realizar o pagamento final, deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Memoria-resumo da actividade subvencionada, de ser o caso, detalle de cal foi o alcance do investimento finalmente executado.

b) Certificado da persoa titular da secretaría, da intervención ou da tesouraría do concello, da entidade, empresa ou asociación, ou da persoa física co «visto e prace» da persoa titular da alcaldía ou da presidencia, cando proceda, que inclúa unha relación das facturas, correspondentes aos gastos realizados coa axuda concedida, indicando o concepto do gasto, data, número de factura, nome e NIF do provedor e o seu importe con e sen IVE.

c) No caso de persoas particulares, ou empresas: xustificación, documentada mediante facturas dos gastos e pagamentos realizados. As facturas deben reunir os requisitos establecidos no Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se regulan as obrigas de facturación, entre os que cómpre destacar:

– Data de expedición da factura, que deberá estar comprendida dentro dos prazos de execución do proxecto ou actividade que figuren no instrumento regulador da axuda.

– Número de factura.

– Datos identificativos do provedor ou provedora (nome, apelidos, denominación ou razón social, NIF/CIF e domicilio).

– Datos identificativos do destinatario ou destinataria do ben e/ou servizo, que deberá coincidir co beneficiario ou beneficiaria da axuda.

– Descrición das operacións que se documentan.

– De ser o caso, data en que se teña recibido un pagamento anticipado, sempre que se trate dunha data distinta á expedición da factura.

– IVE: tipo impositivo aplicado e cota tributaria resultante, debendo, de ser o caso, especificar por separado as partes da base impoñible que estean exentas ou non suxeitas, ou aquelas suxeitas a distintos tipos impositivos. Con carácter xeral, só se considerará subvencionable a base impoñible que figure na factura, salvo que se trate dunha entidade non suxeita, exenta de IVE ou suxeita á regra de pro rata; nestes casos, deberá acompañarse a documentación xustificativa desta circunstancia (declaración de non suxeición ou exención de IVE emitida pola AEAT e, no caso de aplicación da regra de pro rata, o modelo 390 de Declaración resumo anual IVE correspondente ao último exercicio en que figure a porcentaxe de dedución ou pro rata).

d) Ademais, a persoa beneficiaria deberá achegar xustificación do pagamento efectivo dos gastos en que incorreu, mediante copia da transferencia bancaria ou xustificante bancario de ingreso na conta do/da contratista, debidamente identificados, selados e asinados. No xustificante de pagamento constará o número da factura paga, a identificación do beneficiario ou beneficiaria que paga e do destinatario ou destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

e) No caso de particulares que realicen os traballos subvencionados con medios propios, cando non existan facturas polos traballos realizados, os gastos xustificaranse mediante declaración responsable en que consten claramente os custos soportados, segundo o orzamento que se achegase coa solicitude de axuda e que servise de base para a súa concesión. Isto non eximirá as persoas beneficiarias de presentaren facturas para xustificar o importe dos materiais adquiridos para a obra. As xustificacións do traballo realizado por persoal propio serán realizadas coa presentación das nóminas do persoal que intervén nese traballo e unha certificación específica da porcentaxe de tempo que cada persoa traballadora dedica ao proxecto, así como a documentación acreditativa do pagamento das nóminas, cargas sociais e retención do IRPF correspondente.

f) Non caso da prestación de servizos de investigación e profesionais, a xustificación farase mediante declaración responsable realizada pola persoa solicitante, en que conste a valoración económica do servizo realizado, sobre a base do prezo de mercado para unha actividade igual ou similar á prestada.

g) Non caso de municipios ou entidades de dereito público, a xustificación das actuacións realizarase conforme o establecido no art. 28.5 da Lei xeral, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Control das subvencións

1. O control e avaliación das axudas reguladas na presente orde axustaranse ao disposto na lexislación de orzamentos, de facenda e contabilidade da Comunidade Autónoma de Galicia e, con carácter xeral, á normativa básica estatal que resulte de aplicación.

2. A Dirección Xeral de Patrimonio Natural velará polo cumprimento das condicións exixidas para a concesión das axudas económicas e pola correcta realización dos investimentos previstos. Para tal efecto, poderá realizar as inspeccións e comprobacións oportunas, así como solicitar a persoa beneficiaria a información que se considere necesaria relativa á actividade obxecto da subvención concedida.

3. Nos supostos de falsidade, inexactitude ou omisión nos datos subministrados para a solicitude das subvencións, de incumprimento das condicións impostas na concesión, ou calquera dos recollidos na normativa estatal ou autonómica, producirase a perda total ou parcial das axudas recibidas, debendo a persoa beneficiaria reintegrar á Administración a cantidade que percibise cos xuros que correspondan, sen prexuízo da posible incoación do procedemento sancionador cando os feitos motivadores do reintegro constitúan infracción administrativa.

Artigo 22. Reintegro da axuda

1. Son causa de reintegro, ademais das que establece o artigo 10 do Real decreto 1129/2005, do 13 de outubro, polo que se regulan as subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado nas áreas de influencia socioeconómicas dos parques nacionais, as seguintes:

a) O destino das axudas concedidas a unha finalidade diferente daquela para a que foron concedidas, despois da súa comprobación.

b) A non realización da obra ou traballos obxecto da subvención.

c) A non presentación, ou presentación fóra de prazo, de calquera documentación requirida en calquera momento da tramitación.

d) A existencia de modificacións das accións previstas de forma que desvirtúen os obxectivos descritos na presente orde.

e) A ocultación, manipulación, falseamento de datos ou entorpecemento de forma deliberada da labor de inspección e control.

f) A perda da titularidade dos terreos ou a perda de personalidade xurídica das empresas ou asociacións, se a nova persoa titular non se subroga expresamente.

g) O incumprimento pola persoa beneficiaria de calquera das condicións establecidas tanto nesta orde como no resto da normativa aplicable.

h) O incumprimento de calquera dos prazos establecidos na presente orde.

i) O incumprimento de calquera das disposicións vixentes.

2. O incumprimento total ou parcial das obrigas asumidas pola persoa beneficiaria comportará o reintegro, total ou parcial, do importe recibido, xunto cos xuros de demora, ao abeiro do establecido no título II da Lei 38/2003, xeral de subvencións, e sen prexuízo da posibilidade de incoación do correspondente procedemento sancionador. No caso de execucións parciais da actividade e sempre e cando non comprometan a finalidade da actividade obxecto da subvención, detraerase da axuda inicialmente concedida a parte proporcional da actividade non executada. Do mesmo xeito, se o custo xustificado da actividade ou investimento é inferior ao que figura na resolución de concesión, manterase a axuda pero diminuirase proporcionalmente ao seu importe.

Sección 2ª. Convocatoria de axudas para o ano 2021

Artigo 23. Convocatoria

Convócanse para o exercicio 2021 as axudas públicas, con cargo aos orzamentos do Estado na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, reguladas pola presente orde.

Artigo 24. Condicións e finalidade

1. Para poder acceder a estas axudas, deberanse cumprir os requisitos establecidos pola presente orde, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e se convocan para o exercicio orzamentario 2021.

2. Estas axudas teñen por finalidade promover o desenvolvemento sustentable das poboacións asociadas ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia mediante a concesión de axudas económicas para a realización de actividades na súa área de influencia socioeconómica.

Artigo 25. Solicitudes

As solicitudes, documentación, procedemento de xestión e xustificación das axudas serán os establecidos con carácter xeral na presente orde.

Artigo 26. Prazo

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, computado de data a data, a contado desde o día seguinte ao da data da publicación desta orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Este prazo concluirá no mes seguinte o mesmo día en que se produce a publicación desta orde de axudas. Se o mes de vencemento non hai día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

O prazo de presentación rematará no mes seguinte o día seguinte ao día correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación, con dúas excepcións. En primeiro lugar, cando no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En segundo lugar, se o derradeiro día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 27. Prazo de execución e xustificación

O prazo de execución das accións para xustificar comeza despois da inspección previa e remata o 15 de novembro de 2021. Fíxase como data máxima de presentación da documentación xustificativa e finalización do período de xustificación o 30 de novembro de 2021.

Artigo 28. Financiamento

A dotación de crédito total para o ano 2021 das liñas de subvención contidas no artigo 2 da presente orde é de 145.075,40 €, financiadas con cargo ás partidas orzamentarias que a continuación se indican, que se distribúen entre os distintos tipos de persoas beneficiarias segundo os importes seguintes:

a) Para entidades locais: o crédito dispoñible, con cargo á partida orzamentaria 08.03.541B.760.2 por importe total de 48.019,96 €.

b) Para entidades empresariais: o crédito dispoñible, con cargo á partida orzamentaria 08.03.541B.770.2 por importe total de 48.527,72 €.

c) Para persoas particulares e asociacións sen fin de lucro: o crédito dispoñible, con cargo á partida orzamentaria 08.03.541B.780.2 por importe total de 48.527,72 €.

A dita distribución terá carácter indicativo, para os efectos do disposto no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo. Así mesmo, os ditos importes iniciais poderanse incrementar con achegas adicionais, sen nova convocatoria previa tras a oportuna tramitación orzamentaria, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira

1. As axudas a empresas e particulares que se poidan conceder ao abeiro da presente orde sométense ao réxime de minimis, Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352/1, do 24 de decembro 2013), polo que cada persoa beneficiaria non poderá recibir máis de 200.000 euros de axudas sometidas ao antedito réxime, durante calquera período de tres exercicios fiscais.

2. Para tal efecto, as posibles persoas beneficiarias indicadas nos puntos 1.2 e 1.3 do artigo 3.1 da presente orde deberán xuntar, coa súa solicitude, declaración sobre calquera outra axuda sometida ao devandito réxime de minimis recibida nos dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio en curso.

3. Na resolución de concesión farase constar o importe da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, así como a súa natureza de minimis, segundo o Regulamento (UE) núm.1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

Disposición adicional segunda. Delegación de funcións

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural a actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, recoñecer o deber e propoñer os correspondentes pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999 polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para ditar cantas instrucións sexan precisas para a aplicación do disposto na presente orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

CARTEL DE PUBLICIDADE DAS OBRAS

missing image file

missing image file

Proxecto subvencionado ao abeiro da orde pola que se regulan as subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia do exercicio orzamentario del año 2021.

FINALIDADE DO PROXECTO:

BENEFICIARIO/A:

INVESTIMENTO APROBADO:

IMPORTE DA AXUDA:

XXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXX

XXXXXXX

XXXXXXXXXXXXX

XXXXXXXX €

Dimensións do cartel:

Altura 0,8 metros, anchura 1,5 metros.

Altura desde o bordo inferior ao chan 1,5 metros.

ANEXO IV

PUBLICIDADE NAS PUBLICACIÓNS E DEMAIS MATERIAIS DIVULGATIVOS

missing image file

missing image file

Proxecto subvencionado ao abeiro da orde pola que se regulan as subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia do exercicio orzamentarios do ano 2021.