Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Martes, 20 de abril de 2021 Páx. 20127

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 19 de abril de 2021 pola que se determinan servizos mínimos durante a folga que afectará parte do sector de limpeza de edificios e locais na provincia da Coruña, e que se desenvolverá os días 22 de abril, 11 e 12 de maio de 2021.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

As organizacións sindicais CIG, UGT e CC.OO. comunicaron a convocatoria dunha folga que terá lugar entre as 0.00 e as 24.00 horas do día 22 de abril, e entre as 0.00 horas do 11 de maio e as 24.00 horas do 12 de maio de 2021, dirixida ao persoal das empresas do sector de limpeza de edificios e locais na provincia da Coruña agás, nos termos da convocatoria, aquelas que conten cun convenio propio de empresa ou centro de traballo.

Constatouse que a citada folga afectará empresas que prestan servizos de limpeza en centros sanitarios, e resulta obvio que a suspensión da dita actividade pode implicar niveis de contaminación que porían en risco a saúde tanto das persoas doentes e usuarias como do persoal deste tipo de institucións (nomeadamente, persoal sanitario). Polo tanto, esta soa circunstancia determina per se a procedencia de fixar servizos mínimos.

Pero é que ademais cómpre subliñar o contexto en que se vai desenvolver a presente folga, nun escenario de crise sanitaria internacional que motivou, como é público e notorio, a progresiva adopción, evolución e adaptación de medidas preventivas, de contención, seguimento e de actuación en materia de saúde pública e asistencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia da evolución da pandemia do coronavirus COVID-19.

A aparición do novo coronavirus que causou a síndrome respiratoria aguda grave (SARS-CoV-2), xurdido no mes de decembro de 2019, creou un escenario mundial que está a requirir a adopción de medidas e accións que permitan facer un seguimento da situación e do avance dos casos; o que implica para as autoridades a previsión de escenarios e o deseño de protocolos para afrontar as múltiples situacións que se están a producir, coa maior eficacia posible.

Neste sentido, o abrocho do coronavirus denominado COVID-19 motivou que en xaneiro de 2020 a Organización Mundial da Saúde (OMS) o declarase como emerxencia de saúde pública de importancia internacional. Isto deu inicio a unha serie de actividades que se puxeron en marcha en todo o Estado e nas comunidades autónomas en canto que axentes integrantes do Sistema nacional de saúde.

Entre esas medidas e actuacións encóntranse as pautas e protocolos definidos polas autoridades en relación coa sanidade ambiental, en particular coa limpeza, desinfección e ventilación dos centros e espazos públicos e, especificamente, das institucións sanitarias, en que se habilitaron circuítos asistenciais específicos para pacientes con sospeita de infección polo coronavirus COVID-19, diferenciados das canles asistenciais ordinarias e nos cales cómpre estremar as medidas de limpeza das dependencias onde se atenden este tipo de casos, así como dos lugares con que tivesen contacto (salas de espera, consultorios médicos, etcétera) seguindo as recomendacións establecidas polos respectivos servizos de medicina preventiva.

Polo demais e desde que se levaron a efecto as correspondentes declaracións de emerxencia sanitaria, nos centros do Servizo Galego de Saúde e das entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade veñen adoptándose unha serie de medidas dirixidas a garantir a dispoñibilidade de profesionais, esencial para atender a carga asistencial, tanto a través de actuacións de protección daqueles, como co obxecto de flexibilizar e axilizar os procedementos previstos para atender e reforzar as necesidades de persoal derivadas desta situación.

Outro tanto cabe aducir respecto aos efectivos das empresas contratadas para facilitar e prestar os servizos complementarios á asistencia sanitaria, como é o caso da limpeza, reforzando a súa realización no senso descrito e que dubidosamente podería levarse a efecto sen o establecemento das imprescindibles limitacións en relación co exercicio desta folga.

Así pois, para a fixación dos servizos mínimos óptase nesta orde, dunha banda, por reiterar os criterios reitores de carácter xeral tradicionalmente aplicados por esta consellería en anteriores folgas do mesmo sector da limpeza de edificios e locais. Os ditos criterios, que xa son de público coñecemento tras a publicación de sucesivas ordes no Diario Oficial de Galicia, teñen por finalidade garantir unha actividade mínima, en función do risco e as características das diversas dependencias, respecto a aquela que se realiza con carácter habitual.

E, doutra banda, establécense novos criterios reitores, específicos para esta folga, ben que coincidindo co precedente da orde de servizos mínimos establecida por esta consellería ante a última folga convocada no mesmo sector para a provincia de Lugo (publicada no DOG núm. 215, do 26 de outubro de 2020), en atención á actual e extraordinaria situación de crise sanitaria e no que atinxe a concretas canles e aspectos asistenciais.

A determinación concreta dos efectivos estritamente necesarios para garantir esa actividade mínima en cada centro, e das súas horas de traballo, será realizada en cada caso polas empresas afectadas pola folga no exercicio das súas facultades de dirección. Con todo, as empresas deberán deixar constancia da súa motivación.

Con base no que antecede e unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga referida deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os seguintes criterios reitores:

I. Criterios xerais.

1. Centros de saúde, puntos de atención continuada, centros de especialidades e demais centros e dispositivos sanitarios non hospitalarios: o persoal preciso para garantir o 50 % das presenzas habituais co fin de realizar as tarefas de desinfección e limpeza prioritarias e imprescindibles, agás nas zonas onde se require a limpeza urxente (salas e equipamentos móbiles de extraccións, salas de curas, salas con actividades de cirurxía menor), en que se determinará o persoal preciso para garantir o 100 % das presenzas e prestación de limpeza habituais.

2. Hospitais (centros con internamento).

2.1. Urxencias, laboratorio de urxencias, radiodiagnóstico de urxencias, UCI, área cirúrxica, reanimación poscirúrxica, reanimación cardíaca, oncoloxía radioterápica, hematoloxía, hospital de día, diálise e unidades de hospitalización por COVID: o persoal preciso para garantir o 100 % das presenzas e prestación de limpeza habituais.

2.2. Radioloxía intervencionista, esterilización e hospitalización (non COVID): o persoal preciso para garantir o 70 % das presenzas habituais co fin de realizar as tarefas de desinfección e limpeza prioritarias e imprescindibles.

2.3. Restantes áreas: o persoal preciso para garantir o 50 % das presenzas habituais co fin de realizar as tarefas de desinfección e limpeza prioritarias e imprescindibles.

II. Criterios específicos.

Por causa da hixiene necesaria para a prestación dos servizos sanitarios, neste eido sempre resulta preciso garantir con carácter xeral que as instalacións estean en perfectas condicións de limpeza e hixiene, no que atinxe a zonas de hospitalización de doentes, vestiarios de persoal, áreas críticas, servizos de urxencias e quirófanos, así como nas zonas comúns de uso xeral, pois as eventuais diminucións dos parámetros de limpeza nalgunha delas pode incidir directamente tamén nas outras. O que xustifica os criterios de carácter xeral expostos.

Pero é que, ademais, a excepcional situación xurdida por mor da pandemia orixinada polo novo coronavirus SARS-CoV-2 (COVID-19), e a súa evolución actual, require unha serie de medidas específicas para evitar o contaxio da enfermidade infecciosa nas dependencias das institucións sanitarias, tanto entre os propios profesionais sanitarios como entre as persoas usuarias dos servizos, así como entre aqueles e estas.

Dentro das medidas para a prevención da enfermidade, os protocolos asistenciais de limpeza nos centros sanitarios prevén actuacións tales como:

– Unha maior frecuencia nos circuítos ou itinerarios de limpeza ordinarios.

– A realización de tarefas de limpeza periódica de superficies (pomos de portas, mesas) e espazos de uso común.

– A realización dunha limpeza rigorosa despois de cada atención sanitaria efectuada nas dependencias especificamente dedicadas á asistencia a pacientes sospeitosos/as de padeceren a enfermidade provocada polo coronavirus. Neste caso, a limpeza debe facerse nun breve período de tempo despois da actividade sanitaria pois, doutro xeito, a sala de atención ou a correspondente superficie non estaría en condicións de ser usada por outras persoas sen implicar un risco para a súa propia saúde.

Polo tanto, como criterios específicos para a fixación dos servizos mínimos desta folga, por mor da actual e excepcional situación de crise sanitaria, ademais dos criterios xerais expostos na epígrafe precedente, establécense os seguintes:

a) O persoal preciso para a realización da limpeza, coa maior brevidade posible, de salas de atención e outros espazos especificamente habilitados para a asistencia a pacientes sospeitosos/as de padeceren unha patoloxía derivada do coronavirus SARS-CoV-2.

b) A presenza do persoal necesario para abordar as tarefas de limpeza adicionais ás ordinarias ou habituais nos espazos, equipamentos e superficies, motivadas polo cumprimento dos protocolos asistenciais de prevención de transmisión do coronavirus SARS-CoV2.

De acordo co anterior, os efectivos de servizos mínimos que resulten dos criterios xerais contidos no punto I poderán ampliarse conforme os criterios específicos establecidos neste punto II, sempre que se xustifique que resulta estritamente necesario para evitar riscos inminentes para a saúde e que non abonda, co dito fin, coas presenzas resultantes da aplicación dos criterios xerais.

Artigo 2

En aplicación dos criterios establecidos no artigo anterior, cada empresa afectada determinará os efectivos e designará o persoal que debe cubrir os servizos mínimos en cada centro, fixando a súa xornada e horario de traballo.

A empresa elaborará un expediente de determinación de efectivos de servizos mínimos, que estará dispoñible para xeral coñecemento do persoal interesado, e no cal deberá quedar constancia da xustificación e criterios ponderados para determinar os ditos efectivos.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade