Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Luns, 19 de abril de 2021 Páx. 19692

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 5 de abril de 2021 pola que se modifica a data límite de xustificación final da Orde do 27 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR353B).

Mediante a Orde do 27 de decembro de 2019 establecéronse as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas nun 91,89 % pola Iniciativa de emprego xuvenil e o Fondo Social Europeo (FSE), no marco do Programa operativo de emprego xuvenil, e procedeuse á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR353B).

No artigo 35.6 da orde de convocatoria establécese que a xustificación final de gastos se presentará dentro do mes seguinte ao remate da etapa de formación en alternancia coa práctica profesional e nunca máis tarde do 1 de agosto de 2021. Tendo en conta o longo proceso de avaliación e resolución, debido ás circunstancias especiais derivadas da pandemia do COVID-19, xunto coa complexidade na execución dos proxectos que implicou que éstes non se puidesen iniciar tampouco nas datas inicialmente previstas, faise necesario modificar a data límite para a presentación da xustificación final dos proxectos co fin de facer viable o proceso de xustificación da subvención adaptada á nova realidade, sen que con iso se cause prexuízo a terceiros. Ademais procédese a engadir un parágrafo no artigo 35.3 para tratar de solventar o problema da xustificación de gastos que se pagan de forma trimestral.

En consecuencia co exposto, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación do artigo 35.3

Engádese un parágrafo ao artigo 35.3 da Orde do 27 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020, coa seguinte redacción:

«Non obstante o establecido no parágrafo primeiro, cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que comporten ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes ingresos ou cotas considérase xustificado coa presentación do documento de gasto en que se reflicta o importe da retención ou cotización devindicadas na data de xustificación. As entidades beneficiarias quedan obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario».

Artigo 2. Modificación do artigo 35.6

Modíficase o artigo 35.6, que queda redactado como segue:

« 6. A xustificación final de gastos presentarase dentro do mes seguinte ao remate da etapa de formación en alternancia coa práctica profesional e nunca máis tarde do 15 de decembro de 2021».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade