Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Martes, 6 de abril de 2021 Páx. 18057

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de información pública do estudo de detalle para a dotación de accesibilidade aos inmobles de vivenda colectiva situados na corredoira de Campsa (rúa do Penedo, números 56 a 68).

A Xunta de Goberno Local do Concello de Santiago de Compostela, na sesión ordinaria que tivo lugar o 21 de decembro de 2020, adoptou o seguinte acordo:

a) Aprobar inicialmente o estudo de detalle para a definición urbanística da dotación de accesibilidade aos inmobles de vivenda colectiva emprazados na corredoira de Campsa (rúa do Penedo, números 56 a 68), segundo o proxecto promovido polo Concello de Santiago de Compostela e elaborado por Arrokabe Arquitectos S.L.P., presentado o 20 de febreiro de 2020.

O estudo de detalle contén a delimitación espacial do ámbito da actuación, para os efectos do disposto polos artigos 24 do Real decreto lexislativo 7/2015 e 13.2 da Lei 1/2019 de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas de Galicia, que habilitan a ocupación do dominio público e das superficies comúns de uso privativo para a instalación de ascensores ou outros elementos que aseguren a accesibilidade universal, así como para a realización de obras ou instalacións que reduzan a demanda enerxética.

Ao abeiro do disposto polo artigo 13.5 da precitada Lei 1/2019, acórdase que as actuacións dirixidas á mellora das condicións de accesibilidade e da eficiencia enerxética previstas no estudo de detalle non computarán para os efectos de edificabilidade, volume máximo edificable e ocupación de parcela, nin de distancias mínimas a lindeiros, outras edificacións, espazos públicos e vías públicas, ou cumprimento de aliñacións.

b) En aplicación do procedemento regulado polos artigos 80.2 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e 194 do seu regulamento, o estudo de detalle inicialmente aprobado someterase a información pública durante o prazo dun mes, mediante anuncios que para o efecto se publicarán no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior circulación na provincia. Simultaneamente, practicarase notificación individual aos titulares catastrais das parcelas afectadas.

Durante o trámite de información pública solicitarase o informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

O que se publica co fin de que, durante o prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, os interesados poidan consultar o expediente e formular as alegacións que xulguen oportunas. A documentación sometida a exposición pública estará ao dispor dos interesados no Servizo de Planeamento e Xestión do Concello de Santiago de Compostela (Pazo de Raxoi, 2º andar), de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas, logo de cita solicitada no número de teléfono 981 54 24 26 e na páxina web do concello https://transparencia.santiagodecompostela.gal/E.D-dotacion-de-accesibilidade-inmobles-na-Corredoira-de-Campsa/gl.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2021

O alcalde
P.D. (DEC/4742/2019, do 17 de xuño de 2019)
Mercedes Rosón Ferreiro
Concelleira delegada de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica