Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Martes, 6 de abril de 2021 Páx. 17967

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 26 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de axudas para contribuír a minimizar o impacto económico e social da COVID-19 nos alugueiros de vivenda habitual, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento VI432E).

BDNS (Identif.): 555631.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas maiores de idade que na data da presentación da solicitude cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter a nacionalidade española ou residir legalmente en España, no caso das persoas estranxeiras.

b) Ser titulares, en condición de persoa inquilina, dun contrato de alugamento de vivenda situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia cunha duración mínima dun ano, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, con mención expresa da súa referencia catastral e do medio e forma de pagamento á persoa arrendadora.

c) Que a vivenda arrendada constitúa a súa residencia habitual e permanente, así como da súa unidade de familiar. Para estes efectos, tanto a persoa beneficiaria como as demais persoas integrantes da súa unidade familiar deben constar empadroadas na vivenda obxecto do contrato de alugamento á data da presentación da solicitude.

d) Estar ao día do pagamento da renda do alugueiro correspondente ás tres últimas mensualidades inmediatamente anteriores ao primeiro mes para o que se solicita a axuda, agás que o contrato tivese unha vixencia inferior, en cuxo caso deberá estar ao día do pagamento da renda desde o inicio do contrato. Para estes efectos, non se admitirán os pagamentos das rendas que se efectúen en metálico, debendo acreditarse mediante documento bancario.

e) Estar en situación de vulnerabilidade económica, conforme o establecido no ordinal terceiro da resolución.

f) Estar ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Non estar incurso nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non poderá concederse a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das persoas integrantes da súa unidade familiar se atope nalgunha das situacións que a continuación se indican:

a) Ser propietario ou usufrutuario dalgunha vivenda en España. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito tamén ás persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten a non dispoñibilidade dela por causa de separación, divorcio ou por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inhabitable ou inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou dalgún membro da súa unidade familiar.

b) Ter parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa que teña a condición de arrendador da vivenda ou ser socias ou partícipes da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora

c) Ter sido obxecto dunha resolución de revogación ou reintegro dunha axuda deste plan de vivenda ou doutro anterior, por causa que lles sexa imputable.

Segundo . Obxecto

A resolución ten por obxecto a concesión de axudas ao alugueiro, mediante a adxudicación directa, ás persoas arrendatarias de vivenda habitual situada no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia que, como consecuencia do impacto económico e social da COVID-19, teñan problemas transitorios para atender ao pagamento parcial ou total do alugueiro. Especificamente, o programa inclúe no seu obxecto a concesión de axudas para facer fronte á devolución das axudas transitorias de financiamento recollidas no artigo 9 del Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte á COVID-19 e contraídas polas persoas arrendatarias de vivenda habitual, a cuxa devolución no puideran facer fronte.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións obxecto desta convocatoria están recollidas na resolución que é obxecto deste extracto.

Cuarto. Crédito orzamentario e contía das axudas

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451B.480.6 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2021, por un importe de 2.000.000 euros.

2. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), e producirá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. A contía destas axudas será de ata 500 euros mensuais, sen que en ningún caso poda exceder do importe da renda do contrato.

No suposto de ter accedido ás axudas transitorias de financiamento reguladas no artigo 9 do Real decreto-lei 11/2020, do 31 de marzo, á axuda poderá chegar ata un importe de 3.000 euros, co que se satisfará total ou parcialmente o pagamento da renda da vivenda habitual.

4. A axuda concederase polo prazo no que se acredite estar en situación de vulnerabilidade como consecuencia da COVID-19, durante un período máximo de seis meses consecutivos.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 30 de setembro de 2021 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2021

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo