Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Xoves, 25 de marzo de 2021 Páx. 16467

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 15 de marzo de 2021, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación dunha modificación substancial da autorización ambiental integrada outorgada a Conejos Gallegos, Cogal, Sooc. Coop. Gallega, para a súa instalación de matadoiro de coellos con sala de despezamento e envasado, e planta de transformación de subprodutos no concello de Rodeiro (Pontevedra) (expediente 2018-IPPC-M-137).

Para os efectos previstos no Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 316, do 31 de decembro) e no Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 251, do 19 de outubro) faise público que:

– Por espazo de 30 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a documentación presentada polo titular no procedemento 2018-IPPC-M-137, de modificación substancial da autorización ambiental integrada co núm. de rexistro 2007/0230_NAA/IPPC_220, para que calquera persoa interesada poida consultala e, de ser o caso, presentar dentro do citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes. Esta modificación resúmese no anexo deste anuncio.

A documentación estará á disposición das persoas administradas nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela).

Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada >>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2021

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático

ANEXO

Expediente da modificación substancial: 2018-IPPC-M-137.

Núm. da autorización ambiental integrada: 2007/0230_NAA/IPPC_220.

Titular: Conejos Gallegos, Cogal, Sooc. Coop. Gallega.

Enderezo da instalación: estrada xeral, s/n, Álceme, Rodeiro (Pontevedra).

Resumo da modificación: a modificación consistirá na instalación dunha planta de valorización de subprodutos para a obtención de enerxía, mediante a biodegradación anaerobia de materia orgánica en réxime mesófilo.

Descrición: a instalación disporá de 2 depósitos de recepción de materia prima, un biodixestor (que funcionará á capacidade máxima de 8.600 t/ano), un depósito para o almacenamento do subproduto obtido e unha caseta de control e mantemento. A materia prima empregada serán subprodutos Sandach de categoría 2. Despois da biometanización obteranse 2 subprodutos: biogás e dixestato. O biogás empregarase como combustible na sala de caldeiras do matadoiro e o dixestato será recollido por un xestor autorizado.

Verteduras: durante a fase de explotación desta instalación non se xerarán augas residuais. Os efluentes xerados estarán asociados ás aguas de baldeo puntuais e serán canalizados ao biodixestor.