Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Martes, 23 de marzo de 2021 Páx. 15935

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2021 pola que se modifican as bases reguladoras do Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre este instituto, as sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas, publicadas mediante a Resolución do 7 de febreiro de 2020 (Diario Oficial de Galicia número 28, do 11 de febreiro) e modificadas mediante a Resolución do 31 de marzo de 2020 (Diario Oficial de Galicia número 64, do 1 de abril) e mediante a Resolución do 9 de xullo de 2020 (Diario Oficial de Galicia número 137, do 10 de xullo) (código de procedemento IG535A).

Mediante a Resolución de 7 de febreiro de 2020 publicáronse as bases reguladoras do Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca (SGR) e as entidades de crédito adheridas.

No contexto do brote de COVID-19, e coa finalidade de dar resposta ás necesidades de liquidez dos colectivos máis afectados con motivo do estado de alarma, mediante a Resolución do 31 de marzo de 2020 modificáronse as bases reguladoras, introducindo unha nova liña de financiamento de préstamos avalados para apoiar pemes e autónomos no contexto do brote de COVID-19 (punto 4 do anexo I). Posteriormente, mediante a Resolución do 9 de xullo de 2020 publicouse unha nova modificación das bases, introducindo outra nova liña de financiamento para microcréditos (punto 5 do anexo I).

A desfavorable evolución da pandemia está levando as distintas institucións a adoptar medidas extraordinarias para paliar os efectos das necesarias medidas restritivas á mobilidade e ao desenvolvemento de determinadas actividades, que inciden directamente no sector empresarial, en maior ou menor medida. Así, a Unión Europea ampliou a vixencia do marco temporal de axudas para paliar os efectos da crise provocada pola COVID-19 ata o 31 de decembro de 2021 e o Estado, mediante o Real decreto lei 34/2020, do 17 de novembro, de medidas urxentes de apoio á solvencia empresarial e ao sector enerxético, e en materia tributaria, regulou, entre outros, a extensión da carencia e do prazo de vixencia das operacións de crédito avaladas polo Instituto de Crédito Oficial.

Neste contexto, resulta oportuno regular a adaptación das operacións formalizadas ao abeiro das liñas mencionadas anteriormente postas en marcha polo Igape, co obxectivo de seguir apoiando a solvencia das empresas ante a prolongación dos efectos da crise.

O prazo de presentación de solicitudes ao abeiro das bases reguladoras está pechado, están formalizadas e vixentes as operacións financeiras susceptibles de acollerse a elas.

Nas ditas bases reguladoras establecéronse determinadas condicións das operacións financeiras acollidas a elas, como son a súa vixencia, a carencia, o tipo máximo de xuro que pode aplicar a entidade bancaria e determinadas comisións máximas que poden cobrar as entidades de crédito e as sociedades de garantía recíproca.

Estas condicións, que normalmente serían obxecto de negociación individual entre as partes prestamista (entidades financeiras), prestameira (empresas beneficiarias) e avalista (sociedades de garantía recíproca), establecéronse na normativa en beneficio das prestameiras, permitíndolles así acceder a unhas condicións preferentes, sen necesidade de levar a cabo tal negociación individual. Este feito ten grande importancia para as empresas beneficiarias e complementa as axudas en forma de subvencións ao tipo de xuro e en forma de garantía (reaval) que o Igape lles concedeu.

Ante a persistencia da crise económica provocada pola pandemia, a maioría das beneficiarias non recuperaron a normalidade nas súas actividades económicas e son incapaces de xerar coas súas actividades os recursos necesarios para afrontar o reembolso ao prestamista das operacións acollidas ás bases nas condicións pactadas, e encóntranse ante a necesidade de renegocialas coas entidades de crédito e as sociedades de garantía recíproca asinantes.

Ben que o punto 5 do artigo 15 das bases reguladoras autoriza as modificacións das operacións financeiras unha vez formalizadas sempre que supoñan unha mellora para a empresa, non se regulan límites nos cambios de condicións financeiras asociadas ás novacións modificativas que prevexan ampliación de carencias, concesións de carencias intermedias e/ou aumentos nos prazos de devolución dos préstamos. Tendo en conta que no actual contexto económico estas novacións modificativas serán con toda probabilidade xeneralizadas, xustifícase a introdución dunha regulación normativa que, sen incrementar a axuda concedida polo Igape, permita manter as condicións preferenciais destas operacións, faga economicamente viable a súa concesión por parte das entidades de crédito e as sociedades de garantía recíproca e permita establecer un marco homoxéneo para todos os beneficiarios, evitando a necesidade de abordar negociacións individuais.

A modificación proposta afecta unicamente a negociación de condicións financeiras das operacións vixentes entre as partes prestamista, prestameira e avalista, e non ten transcendencia orzamentaria para o Igape.

Por todo o anterior,

RESOLVO:

Artigo 1

Modificación das bases reguladoras do Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas, publicadas mediante a Resolución do 7 de febreiro de 2020 (DOG nº 28, do 11 de febreiro) e modificadas mediante a Resolución do 31 de marzo de 2020 (DOG nº 64, do 1 de abril) e mediante Resolución do 9 de xullo de 2020 (DOG nº 137, do 10 de xullo).

Un. No punto 5 do artigo 15 das bases reguladoras engádese o punto 5.bis, nos seguintes termos:

«5.bis. As entidades de crédito e as sociedades de garantía recíproca procurarán a modificación das condicións de carencia e/ou carencia intermedia e da duración dos préstamos das beneficiarias que xustifiquen a necesidade de tal modificación. Poderá acadarse unha carencia máxima das operacións de 2 anos, tendo en conta a carencia inicial, e unha extensión da duración inicial dos préstamos de ata 3 anos. Estas modificacións poderán levarse a cabo sen autorización do Igape, sempre e cando as contraprestacións a favor das entidades de crédito e SGR non excedan as seguintes:

a) Incremento no tipo de xuro fixo –ou no diferencial no caso de tipo de xuro variable– a favor das entidades de crédito, máximo de 15 puntos básicos por ano de carencia adicional ou intermedia, e máximo de 20 puntos básicos por ano de vixencia adicional.

b) Cando a comisión anual de aval das SGR da operación inicial for igual ou inferior ao 0,50 %, esta poderá incrementarse en 25 puntos básicos cando a vixencia da operación se incremente, cando menos, en dous anos.

c) Comisión de modificación contractual máxima do 0,25 % do principal vivo, a favor da SGR e da entidade de crédito. A entidade de crédito non poderá aplicar esta comisión no caso de que aplique os incrementos no tipo de xuro previstos na letra a) anterior.

As subvencións ao tipo de xuro que o Igape concedese nestas operacións permanecerán inalteradas e non suporán en ningún caso o aumento no tipo de xuro, na carencia e/ou na duración dos préstamos unha maior subvención. A vixencia dos reavais prestados ante as SGR permanecerá inalterado, sen responder dos posibles quebrantos que se produzan unha vez finalizada a vixencia inicial. Non se establecen compensacións adicionais ás previstas no artigo 20 a favor das SGR.

As SGR deberán notificar ao Igape as novacións que formalicen ao abeiro deste artigo no prazo dun mes desde a formalización, e non será necesaria autorización expresa por parte do Igape».

Artigo 2

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2021

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica