Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 16 de marzo de 2021 Páx. 14950

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 4 de marzo de 2021 pola que se establecen os formularios normalizados para a inscrición e as súas modificacións no Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo (códigos de procedemento IF320A, IF320B e IF320C).

A Lei 2/2008, do 6 de maio, pola que se desenvolve a libre prestación de servizos de transporte marítimo de persoas en augas interiores de Galicia, crea o Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo e o Decreto 228/2008, do 2 de outubro, sobre a prestación de servizos de transporte marítimo de persoas en augas interiores de Galicia, desenvolve esa lei e regula o funcionamento do rexistro.

A modificación do capitulo II do Decreto 228/2008, do 2 de outubro, regula a inscrición no rexistro e as súas modificacións a través da presentación dunha declaración responsable, ou comunicación, reducindo os requisitos e a carga administrativa en prol dunha tramitación máis áxil, co fin de adaptar os servizos obxecto de inscrición ás flutuacións da demanda, que varía debido ás propias características desta e tamén a factores externos que inflúen na prestación dos servizos, coma os climáticos ou estacionais.

Por outra banda, a nova regulación prevé a tramitación exclusivamente electrónica dos procedementos, en atención ás especiais características de capacidade técnica e profesional das entidades ás que aquel se dirixe, de acordo coas previsións que establece a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Polo que é necesario habilitar electronicamente estes procedementos e establecer os formularios normalizados necesarios para a inscrición e os tramites posteriores no Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo, que estarán accesibles na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Na súa virtude e no uso das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto aprobar os formularios normalizados que se van empregar nos procedementos de inscrición e as súas modificacións no Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo.

2. Os devanditos procedementos habilitaranse na Guía de procedementos e servizos dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia co seguinte código:

a) IF320A. Declaración responsable para a inscrición no Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo e a súa renovación (anexo I).

b) IF320B. Declaración responsable para a modificación, supresión, suspensión ou o levantamento da suspensión da inscrición no Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo (anexo II).

c) IF320C. Comunicación da modificación de datos identificativos no Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo (anexo III).

Artigo 2. Forma de presentación

As declaracións responsables e as comunicacións presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 3. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa declaración responsable ou coa comunicación a seguinte documentación:

a) Xustificante de pagamento da taxa código 30.47.00 Inscrición no Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo.

b) Acreditación da representación, de ser o caso.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou eses documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da declaración ou comunicación, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da declaración e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa declarante ou comunicante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

En cumprimento da Lei xeral tributaria, os servizos interoperables da AEAT deberán recoller a autorización expresa das persoas interesadas para a consulta dos servizos:

a) NIF da entidade declarante ou comunicante.

b) NIF da entidade representante

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único, a través do sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de declaracións responsables ou comunicacións

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da declaración responsable ou comunicación deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional única. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados nesta disposición poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptado/s á normativa vixente. Para estes efectos será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2021

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file