Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 15 de marzo de 2021 Páx. 14925

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Carballo

ANUNCIO de información pública sobre tarefas de prevención e defensa contra os incendios forestais nunha parcela na rúa Abetos, parroquia de Carballo (Ord. 002/2021).

Antecedentes.

Primeiro. O día 11.2.2021 a Policía Local elaborou un informe sobre a parcela con referencia catastral 15019A240001520000EZ, situada na rúa Abetos, parroquia de Carballo, sinalando que se trata de unha parcela con gran cantidade de maleza e presenza de arboredo. O informe constata que non cumpre coa lexislación en materia de prevención de incendios forestais e que se precisa a corta preventiva e a xestión da biomasa.

Segundo. O día 8.2.021 recadáronse da Dirección Xeral do Catastro datos sobre a titularidade da parcela obxecto de denuncia. Segundo a certificación catastral, a parcela con referencia catastral 15019A240001520000EZ figura a nome de Manuel Pombo, de quen se descoñecen os restantes datos necesarios.

Referencia catastral

15019A240001520000EZ

Identificación da persoa responsable

Manuel Pombo

Título polo cal é considerado persoa responsable

100 % propiedade

Lugar

r/ Abetos

Parroquia

Carballo

Concello

Carballo

Superficie afectada encadrada en faixas secundarias

1.267 m2

Superficie afectada non encadrada en faixas secundarias

0 m2

Total de superficie afectada

1.267 m2

Consideracións xurídicas.

Primeira. É competencia das entidades locais a ordenación da execución das obras necesarias para conservar e manter a biomasa vexetal nas condicións precisas que eviten os incendios, en consonancia cos artigos 12 e 135 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e de xeito máis concreto a ordenación e execución subsidiaria da xestión da biomasa nos termos da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais (LPDCIF, en próximas citas).

Segunda. A LPDCIF establece no seu artigo 21 que será obrigatorio, nas redes secundarias de faixas de xestión de biomasa, xestionar a biomasa vexetal nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado, así como arredor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións, depósitos de lixo, parques e instalacións industriais, situadas a menos de 400 metros do monte, de acordo cos criterios para a xestión de biomasa estipulados nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento. Ademais, nos primeiros 50 metros non poderá haber as especies sinaladas na disposición adicional terceira desta lei. As distancias mediranse desde o límite do solo urbano ou núcleo rural, de ser o caso. As distancias no caso de edificacións, vivendas illadas ou urbanizacións mediranse desde o seu paramento.

Terceira. O artigo 22 da LPDCIF sinala que a execución da xestión da biomasa se fará «antes de que finalice o mes de maio de cada ano» (prazo afectado, neste ano 2020, pola pandemia da COVID e as medidas lexislativas adoptadas en consecuencia dela, que se prorrogou ao 16 de xullo) e que, no caso de incumprimento, os entes locais notificarán ás persoas responsables para que no prazo de quince días acometan as tarefas referidas. De non se executar estes traballos, as administracións públicas poderán proceder á execución subsidiaria dos traballos de xestión da biomasa, repercutíndolles os custos ás persoas responsables.

Cuarta. O artigo 20 da Ordenanza municipal reguladora da limpeza, salubridade e hixiene no termo municipal de Carballo (OMRLSH, en próximas citas) sinala que «os propietarios dos terreos deberán mantelos limpos, libres de restos e residuos e nas debidas condicións de hixiene, salubridade, seguridade e ornato público. En defecto destes, serán os que figuren como titulares catastrais os responsables do cumprimento das obrigas establecidas na presente ordenanza».

Quinta. O artigo 21 da OMRLSH recolle algunhas das obrigas, concretamente, a de «manter os predios limpos e libres de residuos» (21.1), a de «manter os predios libres de animais perigosos ou de focos potencialmente infecciosos, e realizar os labores preventivos que sexan necesarios» (21.2) ou a de «evitar o crecemento incontrolado de maleza […] así como controlar as plantacións, aínda que fosen crecementos accidentais» (21.3).

Sexta. A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPAC, en próximas citas), establece que «cando os interesados nun procedemento sexan descoñecidos, se ignore o lugar da notificación ou ben, cando, intentada esta, non se puidese practicar, a notificación farase por medio dun anuncio publicado no Boletín Oficial del Estado».

Na mesma liña, a Instrución 1/2018, do 26 de abril, da Consellería do Medio Rural (DOG número 87, do 7 de maio), establece no seu artigo 8.1.c) que «cando se trate de persoas físicas e non se poida obter un domicilio para os efectos de notificacións polos medios previstos no punto anterior ou as persoas responsables sexan descoñecidas, as notificacións practicaranse directamente mediante a publicación dun anuncio no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, cos datos catastrais do terreo. O cómputo do prazo aplicable ás persoas destinatarias das notificacións iniciarase ao día seguinte ao da publicación do anuncio no Boletín Oficial del Estado».

En cumprimento do disposto na LPDCIF e na OMRLSH, e demais normativa de aplicación, no uso das atribucións que me confire a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local,

RESOLVO:

Primeiro. Ordenar á/ás persoa/s responsable/s a realización das medidas de prevención de incendios forestais e xestión da biomasa na parcela da súa propiedade identificada catastralmente como 15019A240001520000EZ, situada na rúa Abetos, parroquia de Carballo, de acordo co previsto nos artigos 21 e 22 da LPDCIF, na parte da parcela encadrada nas faixas secundarias de protección.

Segundo. As tarefas de limpeza e prevención sinaladas no punto resolutivo primeiro faranas as persoas titulares do terreo afectado nos quince (15) días naturais seguintes á publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado. O texto íntegro da comunicación estará á disposición da persoa destinataria na sede electrónica do Concello de Carballo.

Terceiro. En caso de persistencia no incumprimento transcorrido o referido prazo, o Concello de Carballo realizará sen máis trámites a execución subsidiaria con repercusión dos custos da xestión da biomasa e, se é o caso, o comiso das especies arbóreas prohibidas e retiradas, de acordo co establecido na lexislación referida nas consideracións xurídicas. Quen realice os traballos de execución subsidiaria terá a facultade de acceder sen consentimento da persoa titular, agás nos supostos excepcionais recollidos legalmente, e a persoa titular do terreo ou dereito de aproveitamento terá a obriga legal de facilitar o necesario acceso para a realización dos traballos.

Cuarto. No caso de realizarse a execución subsidiaria, o Concello realizará a liquidación provisional dos custos a que previsiblemente dará lugar, coa advertencia de que se procederá á súa exacción inmediata en caso de persistencia no incumprimento, logo do transcurso do prazo outorgado, sen prexuízo da liquidación definitiva unha vez rematados os traballos, de ser o caso. Neste caso, a liquidación provisional dos traballos necesarios para xestionar a biomasa nas faixas secundarias establécese nunha cantidade estimada de 3.953,15 euros por hectárea.

Superficie afectada encadrada en faixas secundarias

1.267 m2

Superficie afectada non encadrada en faixas secundarias

0 m2

Total de superficie afectada

1.267 m2

Liquidación provisional

500,86 €

Quinto. En caso de persistencia do incumprimento, e transcorrido o prazo outorgado, iniciarase tamén o correspondente procedemento sancionador segundo o previsto no título VII da Lei 3/2007:

a) Administración competente para sancionar (artigo 54 da Lei 3/2007):

1. Será competente para incoar o procedemento sancionador para as infraccións cometidas en terreos agrícolas, forestais e de influencia forestal a persoa titular da xefatura territorial da consellería con competencias en materia forestal por razón do territorio en que se cometeu a infracción ou daquel con maior superficie afectada.

2. Serán competentes para a resolución dos procedementos sancionadores por infraccións tipificadas nesta lei e incoados no ámbito da consellería con competencia en materia forestal: a persoa titular da xefatura territorial para a imposición de sancións pola comisión de infraccións leves; o órgano competente en materia forestal para a imposición de sancións pola comisión de infraccións graves, e a persoa titular da consellería competente en materia forestal para a imposición de sancións pola comisión de infraccións moi graves.

3. A incoación do procedemento sancionador en aplicación desta lei, por ausencia de ordenanzas municipais ao respecto, para as infraccións cometidas en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable será competencia do Concello de Carballo. A resolución dos expedientes pola comisión de infraccións leves, graves e moi graves corresponderalle á persoa titular da alcaldía, de conformidade co establecido no número 3 do artigo 21.ter.

b) Cualificación da infracción: infracción leve (51.3.a) da LPDCIF), sen prexuízo do establecido no artigo 51.2.g) para as faltas graves.

c) Contía máxima da sanción pecuniaria que se poida impoñer no caso de infracción leve: 1.000 €, artigo 74.a) da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, en relación co disposto no artigo 50.1 da LPDCIF. No caso de ser considerada infracción grave, a contía máxima da sanción será de 100.000 € (artigo 74.b).

d) Procederase ao comiso cautelar da madeira resultante da corta das especies arbóreas que deban ser retiradas de acordo co artigo 22.2 da LPDCIF, de ser o caso.

Mediante este documento notifícase á/ás persoa/s interesada/s, en cumprimento do establecido no artigo 40 da LPAC, e de conformidade co establecido no artigo 194 do Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor alternativamente recurso potestativo de reposición, no prazo de un mes que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado, diante do alcalde do Concello de Carballo, de acordo cos artigos 123 e 124 da LPAC; ou recurso contencioso-administrativo, diante do Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña, no prazo de dous meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado, de acordo co artigo 46 da Lei 29/1998, da xurisdición contencioso-administrativa. Se se opta por interpor o recurso potestativo de reposición non se poderá interpor recurso contencioso-administrativo mentres que aquel non se resolva expresamente ou produza efectos a súa desestimación por silencio administrativo. Todo isto sen prexuízo de que as partes interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que puidesen estimar máis acaído ao seu dereito.

Carballo, 17 de febreiro de 2021

Evencio Ferrero Rodríguez
Alcalde