Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 9 de marzo de 2021 Páx. 13894

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 3 de marzo de 2021 pola que se amplían os prazos recollidos na Resolución do 8 de agosto de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de enerxías renovables térmicas e proxectos integrais de aforro e eficiencia enerxética para as universidades públicas de Galicia, para os anos 2019 e 2020, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020.

No Diario Oficial de Galicia núm. 174, do 13 setembro de 2019, publicouse a Resolución do 8 de agosto de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras para as subvencións para proxectos de enerxías renovables térmicas e proxectos integrais de aforro e eficiencia enerxética para as universidades públicas de Galicia, para os anos 2019 e 2020, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020. O 2 de outubro publícase una corrección de erros destas bases reguladoras.

No presente procedemento, debido á situación orixinada pola crise da COVID-19 e consecuentemente á suspensión dos prazos administrativos, rexistráronse solicitudes de ampliación de prazo de xustificación e execución por parte de todos os beneficiarios destas axudas, motivadas nas dificultades existentes para executar e xustificar os investimentos subvencionados nas actuais datas límite.

Debido a isto, no Diario Oficial de Galicia núm. 157, do 6 de agosto de 2020, publicouse a Resolución do 31 de xullo de 2020, pola que se amplían os prazos e se redistribúen os créditos orzamentarios por epígrafes recollidos na Resolución do 8 de agosto de 2019. De acordo co disposto no artigo 1 da antedita resolución, modificouse a data límite que figura no artigo 26.1 das bases reguladoras para a execución dos proxectos e a presentación da documentación xustificativa, ampliando o período de execución e xustificación ata o 15 de marzo de 2021.

O artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), establece que a Administración, salvo precepto en contrario, poderá conceder de oficio ou por petición dos interesados unha ampliación dos prazos establecidos, que non exceda a metade deles, se as circunstancias o aconsellan e con iso non se prexudican dereitos de terceiro. A ampliación do prazo poderase acordar de oficio ou por instancia de parte, antes do vencemento do prazo de que se trate.

Por conseguinte, tendo en conta que de acordo co disposto no Real decreto lei 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, e a Instrución do 28 de maio de 2020, da Dirección Xeral de Seguridade Xurídica e Fe Pública, sobre o levantamento da suspensión de prazos administrativos, os prazos administrativos estiveron suspendidos entre o 14 de marzo e o 31 de maio, e que a situación de crise continúa e con ela os problemas de abastecemento que dificultan o cumprimento dos prazos, procede acordar ampliar de novo o prazo de execución e xustificación establecido no artigo 26.1 das bases reguladoras, dentro do límite establecido polo artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Polo anteriormente exposto, esta dirección

RESOLVE:

Primeiro. Modificar a data límite do prazo de execución e xustificación establecida no artigo 26.1 das bases reguladoras establecidas por Resolución do 8 de agosto de 2019, ampliando o período de execución das actuacións que se subvencionan e o período para presentar a documentación xustificativa dos investimentos ata o 2 de xuño de 2021.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal) para os efectos previstos no artigo 44 e 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 32.3 da LPACAP, contra este acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2021

Paula María Uría Traba
Directora do Instituto Enerxético de Galicia