Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 4 de marzo de 2021 Páx. 12857

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 25 de febreiro de 2021, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se convocan exames ordinarios teóricos e prácticos para a obtención das titulacións que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer e motos náuticas na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento PE616C).

A Orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 8 de xaneiro de 2009 pola que se establecen as condicións e se regulan os requisitos para a obtención dos títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 11, do 16 de xaneiro) indica que a Dirección Xeral poderá convocar con carácter anual, nos seus centros de ensino, as probas para obter os títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer e motos náuticas na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 259/2002, do 8 de marzo, polo que se actualizan as medidas de seguridade na utilización das motos náuticas (BOE núm. 61, do 12 de marzo), establece as medidas de seguridade das motos náuticas, regula as modalidades da súa utilización, as regras para a matriculación, e os exames teóricos para obter o título de patrón/a de motonáutica.

O Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, polo que se regulan as titulacións náuticas para o goberno das embarcacións de lecer (BOE núm. 247, do 11 de outubro), no que se regulan os títulos náuticos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer e motos náuticas, as atribucións, requisitos e o procedemento para a súa obtención.

O Real decreto 238/2019, do 5 de abril, polo que se establecen habilitacións anexas ás titulacións náuticas para o goberno das embarcacións de lecer e actualízanse as medidas de seguridade na utilización de motos náuticas.

Esta dirección xeral no uso das facultades que lle confire o Decreto 39/2018, do 5 de abril, polo que se modifica o Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar (DOG núm. 78, do 23 de abril) resolve convocar os exames teóricos e prácticos ordinarios para a obtención dos títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer de patrón/patroa para navegación básica, patrón/patroa de embarcacións de lecer, patrón/patroa de iate, capitán/capitá de iate, patrón/patroa de moto náutica A e patrón/patroa de moto náutica B, conforme ás seguintes normas:

1. Obxecto.

O obxecto desta resolución é establecer os requisitos para acceder ás probas ordinarias teóricas e prácticas, así como fixar as datas e os lugares de realización das citadas probas para obter os títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer e motos náuticas na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

Para a presentación de solicitudes deberán empregarse os modelos normalizados correspondentes do código do procedemento administrativo PE616C, que están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal.

2. Normas xerais.

a) Os exames teóricos e prácticos realizaranos os tribunais que se constitúan de conformidade co establecido no artigo 3 da Orde do 28 de novembro de 2007, pola que se regula a composición dos tribunais para a obtención de titulacións marítimo-pesqueiras e náutico-deportivas (DOG núm. 243, do 18 de decembro).

Dada a situación sanitaria actual debido ao COVID-19, e no caso de que nun ou en varios dos centros de ensino exista un número elevado de persoas inscritas para algunha das probas convocadas, poderase realizar o exame en varias quendas. Neste caso, comunicaráselles ás persoas interesadas, unha vez publicada a lista definitiva de admitidos/as no portal web de formación da Consellería do Mar, http://mar.xunta.gal/gl/o-mar/investigacion-e-formacion/formacion/informacion-do-alumnado e nos taboleiros de anuncios de cada centro oficial de ensino, as quendas nas que se realizarán as probas.

b) As persoas que se presenten ao exame teórico complementario de patrón/patroa de embarcacións de lecer, deben estar en posesión da tarxeta de patrón/patroa para navegación básica ou do certificado de exame expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia. Os posuidores do certificado de exame soamente terán dereito a examinarse nas dúas seguintes convocatorias consecutivas ordinarias. Para este efecto, no caso de matricularse nas convocatorias extraordinarias, estas serán computadas como ordinarias. Estas persoas soamente terán que examinarse das unidades teóricas 7, 8, 9, 10 e 11 e disporán dun tempo máximo de 45 minutos para realizar o exame.

c) As persoas que se presenten ao exame para obter o título de patrón/patroa de embarcacións de lecer e non consigan superar a proba, pero si o fagan de acordo ás exixencias de patrón/patroa para navegación básica, recoñeceráselle o dito aprobado, ben para as seguintes convocatorias nesta Administración, ou ben para a expedición do título de patrón/patroa para navegación básica. Conservarán o aprobado perante un período máximo de dúas convocatorias ordinarias consecutivas nas que esta Administración realice os exames de patrón/patroa de embarcacións de lecer. Para este efecto, no caso de matricularse nas convocatorias extraordinarias, estas serán computadas como ordinarias.

d) As persoas que se presenten ao exame de capitán/capitá de iate ou patrón/patroa de iate e superen algún dos módulos que conforman o exame teórico, de acordo ao regulado no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, conservaráselle o aprobado destes nas dúas seguintes convocatorias ordinarias consecutivas que convoque esta Administración. Para este efecto, no caso de matricularse nas convocatorias extraordinarias, estas serán computadas como ordinarias.

e) No caso de non poder realizarse unha convocatoria de exame, as persoas matriculadas terán que solicitar a devolución da taxa, e non poderán utilizala para a seguinte convocatoria.

3. Idade mínima.

Para obter as titulacións de patrón/patroa de embarcacións de lecer, patrón/patroa de iate e capitán/capitá de iate, as persoas interesadas deberán ter cumpridos os 18 anos de idade no momento no que se realicen as probas para a obtención destes títulos.

O título de patrón/patroa para navegación básica poden obtelo os/as menores de idade que teñan cumpridos os 16 anos no momento de realización das probas, sempre que acrediten, mediante a presentación por escrito do consentimento dos seus pais, nais ou titores/as legais e superen os requisitos teóricos e prácticos exixidos no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro.

4. Solicitude.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As persoas interesadas para presentarse aos exames teóricos ou prácticos achegarán a seguinte documentación dentro do período de matrícula:

a) Solicitude dirixida ao centro oficial de ensino pesqueiro onde queira realizar o exame. O modelo de solicitude é o que figura no anexo I desta resolución (código de procedemento PE616C).

Unha vez finalizado o prazo de matrícula de cada convocatoria que aparece indicado no anexo II, farase pública a listaxe provisional das persoas admitidas e excluídas no portal web de formación da Consellería do Mar http://mar.xunta.gal/gl/o-mar/investigacion-e-formacion/formacion/informacion-do-alumnado e nos taboleiros de anuncios de cada centro oficial de ensino marítimo-pesqueiro, dando un prazo de 10 días hábiles para que as persoas excluídas poidan emendar as deficiencias, de acordo co disposto no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común e das administracións públicas.

5. Documentación complementaria necesaria para presentarse aos exames teóricos e prácticos.

5.1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditar o pagamento das taxas. O pagamento da taxa debe realizarse dentro do período de matrícula e no caso de que as persoas interesadas non realicen o pagamento da taxa antes da data do fin da matrícula, non poderán presentarse aos exames. O código da taxa é o seguinte: 30.21.01.

Segundo o establecido na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (BOE núm. 12, do 14.1.2004) e na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021 (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro), as taxas polos dereitos de exame das distintas titulacións de lecer son as seguintes:

1. Exames teóricos:

– Patrón/patroa para navegación básica: 31,29 €.

– Patrón/patroa de embarcacións de lecer: 40,28 €.

– Patrón/patroa de iate: 56,44 €.

– Capitán/capitá de iate: 68,48 €.

– Patrón/patroa de moto náutica «A» ou «B»: 30,39 €.

2. Exames prácticos:

– Patrón/patroa para navegación básica: 78,20 €.

– Patrón/patroa de embarcacións de lecer: 78,20 €.

–Patrón/patroa de iate: 117,31 €.

– Capitán/capitá de iate: 117,31 €.

– Patrón/patroa de moto náutica «A» ou «B»: 88,06 €.

Se desexa tramitar a taxa por vía telemática, deberá introducir os datos da taxa e efectuar o pago desta. Para isto, dispón das modalidades de pagamento telemático (cargo en conta ou tarxeta) e pagamento presencial (mediante un impreso para presentar na entidade bancaria). Unha vez realizado o ingreso, obterá o xustificante correspondente.

Se desexa tramitar a taxa de xeito presencial poderá obter un modelo en branco para cubrir, ou ben, introducir os datos da taxa e a aplicación proporcionaralle o modelo xa cuberto.

O enderezo web é o seguinte: https://ovt.atriga.gal/#!/detalle_servizo/?Pago+de+taxas+e+prezos/11609730/4126995/11609860/l/item-dark-blue.

b) Consentimento dos seus pais, nais ou titores/as legais para os menores de idade que teñan cumpridos os 16 anos, no momento de realización das probas para obter o título de patrón/patroa para navegación básica.

c) Copia do título de patrón/patroa para navegación básica, se foi expedido fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, para poder presentarse ao exame teórico específico para a obtención do título de patrón/patroa de embarcacións de lecer e complementario do xa superado para obter o título de patrón/patroa para navegación básica. Deberán achegar copia do título antes de finalizar o prazo de matrícula.

d) Copia do título de patrón/patroa de embarcacións de lecer, se foi expedido fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, para as persoas que se presenten ao exame de patrón/patroa de iate. Deberán achegar copia do título antes de finalizar o prazo de matrícula.

e) Copia do título de patrón/patroa de iate, se foi expedido fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, para as persoas que se presenten ao exame de capitán/capitá de iate. Deberán achegar copia do título antes de finalizar o prazo de matrícula.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

5.2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5.3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

6. Comprobación de datos.

6.1. Para a tramitación deste procedemento, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

– NIF da entidade representante.

– Título de patrón/patroa para navegación básica cando sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

– Título de patrón/patroa de embarcacións de lecer cando sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

– Título de patrón/patroa de iate cando sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

– Certificado de exame de patrón/patroa para navegación básica cando sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

– Certificado de exame de patrón/patroa de iate cando sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

– Certificado de exame de capitán/capitá de iate cando sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

6.2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

6.3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

7. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. Notificacións para actos de trámite individualizados que poidan xurdir no procedemento.

8.1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

8.2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

8.3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8.4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

8.5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

8.6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

9. Datas e lugares de exame.

As datas dos exames teóricos e prácticos, así como os lugares onde se realizarán aparecen indicados no anexo II.

As persoas que non se presenten aos exames non terán a devolución das taxas. Unicamente se prevé a posibilidade do cambio de matrícula nos casos no que a ausencia sexa debido a causa de forza maior, circunstancia esta que deberá ser debidamente xustificada.

10. Tribunais.

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, unha vez publicada a listaxe definitiva de aspirantes aos exames nas distintas titulacións, nomeará os tribunais para a realización das probas, e indicará as horas dos exames, así como calquera outra información, no taboleiro de anuncios do centro de ensino e no portal web de formación da Consellería do Mar.

11. Desenvolvemento das probas.

Rematados os exames teóricos, o/a secretario/a do tribunal publicará no taboleiro de anuncios do centro de ensino e no portal web de formación da Consellería do Mar unha copia do exame e a folla coas respostas correctas, co fin de que os/as interesados/as poidan comprobar o resultado do seu exercicio.

Realizadas as probas de seguridade e navegación do exame práctico, o/a presidente/a do tribunal comunicará as persoas interesadas o resultado destas coa cualificación de apto/a ou non apto/a.

Unha vez corrixidos os exames teóricos, o tribunal fará públicas no taboleiro de anuncios do centro de ensino as listas provisionais das cualificacións, así como no portal web de formación da Consellería do Mar. Tamén publicarán nos mesmos sitios os resultados das probas prácticas de seguridade e navegación.

As persoas interesadas disporán dun prazo de 10 días hábiles desde a publicación no portal web de formación da Consellería do Mar, para formular reclamacións ante o tribunal contra as cualificacións provisionais.

Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, o/a presidente/a do tribunal ditará unha resolución coa lista das persoas que superaron as probas teóricas e outra coas persoas que superaron as probas prácticas de seguridade e navegación. Estas resolucións serán publicadas no taboleiro de anuncios do centro de ensino e no portal web de formación da Consellería do Mar. Non obstante, para os actos de trámite individualizados que poidan xurdir no procedemento, estarase ao disposto no artigo seguinte.

12. Requisitos para a obtención dos títulos.

Para obter o título de lecer correspondente, ademais de superar estas probas, os/as interesados/as deberán reunir os requisitos establecidos no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, polo que se regulan as titulacións náuticas para o goberno das embarcacións de lecer.

13. Temarios de exame.

Os temarios oficiais de exame para as titulacións de capitán/capitá de iate, patrón/patroa de iate, patrón/patroa de embarcacións de lecer e patrón/patroa para navegación básica, son os recollidos no anexo II do Real decreto 875/2014, do 10 de outubro.

De conformidade co establecido no anexo II do Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, a normativa IALA na que se basearán os exames para a obtención do título de patrón/patroa para a navegación básica e de patrón/patroa de embarcación de lecer, será o Sistema de Balizamento Marítimo (IALA - MBS 2010). Na páxina web de Portos do Estado poderase descargar a documentación: http://www.puertos.es/Documents/balizamiento_maritimo_0.pdf.

Os temarios correspondentes para obter a titulación de patrón/patroa de motonáutica A e B, están recollidos no anexo I e II do Real decreto 259/2002, do 8 de marzo.

14. Criterios de corrección.

Os criterios de corrección dos exames de cada titulación de lecer aparecen indicados no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, e no Real decreto 238/2019, do 5 de abril, polo que se establecen habilitacións anexas ás titulacións náuticas para o goberno das embarcacións de lecer e actualízanse as medidas de seguridade na utilización de motos náuticas.

15. Recursos.

Contra as resolucións do/da presidente/a do tribunal os/as interesados/as poderán interpor recurso de alzada perante a persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, no prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación da listaxe das notas definitivas no portal web de formación da Consellería do Mar.

Contra a resolución desta convocatoria poderán os/as interesados/as interpor recurso de alzada perante a conselleira do Mar, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2021

Susana Rodríguez Carballo
Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Convocatoria de maio de 2021.

Matrícula: do 5 ao 16 de abril, ambos inclusive.

Titulacións

Exame teórico

Exame práctico

Centros de ensino onde se realizarán os exames teóricos e prácticos

Patrón/patroa para navegación básica

10 de maio

14 de maio

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo (avda. Beiramar, 55, 36202 Vigo. Teléf. 886 11 08 25/886 11 08 26)

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol (r/ 19 de Febreiro, 30-34, 15405 Ferrol. Teléf. 881 93 82 12/881 93 82 13)

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira (r/ dos Estudantes, 7, 15960 Ribeira. Teléf. 881 86 63 17/881 86 63 24)

Patrón/patroa de embarcacións de lecer

11 de maio

14 de maio

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Patrón/patroa de iate

12 de maio

14 de maio

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Capitán/capitá de iate

13 de maio

14 de maio

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Patrón/patroa de moto náutica «A» ou «B»

13 de maio

13 de maio

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Convocatoria de setembro de 2021.

Matrícula: do 12 ao 23 de xullo, ambos inclusive.

Titulacións

Exame teórico

Exame práctico

Centros de ensino onde se realizarán os exames teóricos e prácticos

Patrón/patroa para navegación básica

6 de setembro

10 de setembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo (avda. Beiramar, 55, 36202 Vigo. Teléf. 886 11 08 25/886 11 08 26

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol (r/ 19 de Febreiro, 30-34, 15405 Ferrol. Teléf. 881 93 82 12/881 93 82 13)

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira (r/ dos Estudantes, 7, 15960 Ribeira. Teléf. 881 86 63 17/881 86 63 24)

Patrón/patroa de embarcacións de lecer

7 de setembro

10 de setembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Patrón/patroa de iate

8 de setembro

10 de setembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Capitán/capitá de iate

9 de setembro

10 de setembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo