Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 1 de marzo de 2021 Páx. 12475

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 19 de febreiro de 2021 pola que se convoca o proceso para seleccionar o/a presidente/a do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, tal como se dispón na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico (modificada pola Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, e pola Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas), é un órgano administrativo colexiado e especializado, adscrito á consellería competente en materia de facenda, e con independencia funcional no exercicio das súas competencias. Polo que respecta á súa composición, está dotado, como mínimo, dunha presidencia e dous vogais. Mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 26 de outubro de 2017, aprobouse a súa composición e quedou constituído o dito órgano por un/unha presidente/a e dous vogais. A designación do/da presidente/a realizarase mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de facenda.

De acordo coa disposición adicional quinta do Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, o rango orgánico da Presidencia do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia é o equivalente ao de dirección xeral.

En aplicación do establecido no artigo 35.quater.1 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, na redacción dada pola Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, debe procederse á renovación parcial do tribunal, sen necesidade de sorteo, tendo en conta que o seu presidente presentou escrito en que se acollía voluntariamente á expiración do seu mandato.

De conformidade co establecido no capítulo II do título II da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, esta consellería acorda publicar a convocatoria que servirá de base para elaborar a proposta que se someterá ao Consello da Xunta de Galicia para o nomeamento do/da presidente/a do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, consonte as seguintes bases:

Primeira

O posto de presidente/a poderá ser solicitado por funcionarios/as de carreira que conten co título de licenciado/a ou grao en Dereito, e que reúnan os demais requisitos establecidos no artigo 35 ter da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Valoraranse, así mesmo, os méritos recollidos no citado artigo.

Segunda

As solicitudes para participar nesta convocatoria dirixiranse á Consellería de Facenda e Administración Pública e presentaranse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia (Edificio Administrativo de San Caetano, 15781 Santiago de Compostela) ou ben utilizando os medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, conforme o modelo que se inclúe como anexo.

Terceira

As persoas interesadas incluirán xunto coa súa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificado emitido pola Administración de pertenza que acredite a condición de funcionario/a de carreira.

b) Curriculum vitae en que consten títulos académicos, anos de servizo, postos de traballo desempeñados nas administracións públicas, estudos e cursos realizados e outros méritos que se considere oportuno pór de manifesto, e farán constar as características do posto que viñesen desempeñando e o seu nivel. A este curriculum vitae xuntaranse, debidamente acreditados (mediante certificación ou copia compulsada dos documentos acreditativos), os méritos alegados. Os méritos alegados e non probados segundo se indica non se terán en conta.

Cuarta

O nomeamento previsto nesta convocatoria, de acordo co establecido no artigo 35 ter da Lei 14/2013, do 26 de decembro, correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Facenda e Administración Pública.

A persoa designada terá carácter independente e inamovible e non poderá ser removida do seu posto agás polas causas establecidas no artigo 35 quater da Lei 14/2013, do 26 de decembro. A duración do nomeamento efectuado, de conformidade co dito artigo, será de seis anos.

O prazo de toma de posesión será non superior a 7 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

Quinta

O/a funcionario/a público/a en servizo activo deberá xuntar, se é elixido/a e presta os seus servizos fóra da Consellería de Facenda e Administración Pública, certificado do servizo ou unidade de persoal onde estea destinado/a, en que se especifique o grao persoal consolidado e a data de consolidación, o nivel do posto de traballo que estivese desempeñando e o tempo de servizos efectivos recoñecido para o cómputo de trienios.

Sexta

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2021

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

ANEXO

MODELO DE SOLICITUDE

DATOS PERSOAIS:

Primeiro apelido:

Segundo apelido:

Nome:

DNI:

Data de nacemento:

Corpo ou escala a que pertence:

Grupo:

NRP:

Enderezo; rúa e nº:

Localidade:

Provincia:

Teléfono:

DESTINO ACTUAL:

Administración:

Dependencia:

Localidade:

SOLICITO: ser admitido/a na convocatoria para a cobertura do posto de presidente/a do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, ao considerar que reúno os requisitos exixidos.

Documentación que presenta:

– Certificado emitido pola Administración de pertenza que acredita a condición de funcionario/a de carreira.

– Curriculum vitae a que se xuntan, debidamente acreditados, os méritos alegados.

___________________________, ____ de _________________ de 2021

(Sinatura)

Conselleiro de Facenda e Administración Pública
Edificio Administrativo de San Caetano, s/n
Santiago de Compostela