Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 24 de febreiro de 2021 Páx. 11625

VI. Anuncios

b) Administración local

Deputación Provincial de Ourense

ANUNCIO de delegación de competencias do Concello de Vilamarín de xestión, liquidación e recadación voluntaria e executiva, así como revisión de actos de tributos e outros ingresos de dereito público.

O Pleno da Corporación Provincial, na sesión ordinaria realizada o día 18 de decembro de 2020, aceptou por unanimidade a delegación do Concello de Vilamarín na Deputación Provincial do exercicio das competencias de xestión, liquidación e recadación en voluntaria e executiva e revisión de actos de tributos e outros ingresos de dereito público, de conformidade co disposto no artigo 7 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, e no artigo 106.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, publícase o citado acordo nos seguintes termos:

Aceptar a delegación de competencias efectuada polo Concello de Vilamarín a favor da Deputación Provincial, mediante o Acordo plenario do 27 de outubro de 2020, nas condicións recollidas no acordo de delegación:

Primeiro. Delegar na Deputación Provincial de Ourense, de acordo co disposto na normativa mencionada, as facultades que este concello ten atribuídas en materia de xestión tributaria, liquidación e recadación voluntaria e executiva, así como a revisión dos actos ditados dos seguintes tributos:

– Imposto de bens inmobles (IBI).

– Imposto sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM).

– Imposto sobre actividades económicas (IAE).

– Imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO) en executiva.

– Taxa pola recollida de residuos sólidos urbanos.

– Taxa polo abastecemento de auga (excepto os dereitos de conexión á rede xeral).

– A recadación dos gastos derivados de execucións forzosas, ao abeiro do establecido no artigo 106.3 da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local.

A delegación abarcará as actuacións pendentes dos últimos catro anos e as anteriores non prescritas sobre os mesmos tributos, co alcance, contido, condicións e vixencia que se establecen no presente acordo.

Segundo. En virtude da delegación conferida, será competencia da Deputación Provincial de Ourense a xestión, liquidación e recadación, así como a revisión dos actos ditados dos tributos delegados, e comprenderá, entre outras, as seguintes funcións:

– Recepción e tramitación de declaracións, autoliquidacións, comunicacións de datos e demais documentos con transcendencia tributaria.

– Recoñecemento e denegación de exencións e bonificacións.

– Realización das liquidacións conducentes á determinación das débedas tributarias.

– Emisión de listas cobratorias e documentos de cobramento.

– Realización de actuacións de control do cumprimento da obriga de presentar declaracións tributarias e doutras obrigas formais.

– Realización de actuacións de verificación de datos, comprobación de valores e de comprobación limitada.

– Emisión de certificados tributarios.

– Liquidacións de xuros de demora.

– Resolución dos expedientes de devolución de ingresos indebidos.

– Resolución dos recursos que se interpoñan contra os actos anteriores.

– Actuacións para a asistencia e información ao contribuínte referidas ás anteriores materias.

– Aprobación e mantemento dos censos tributarios.

– Tramitación de solicitudes de aprazamento e fraccionamento.

– Ditado da providencia de constrinximento e expedición de relacións certificadas de debedores.

Co fin de dotar da necesaria efectividade a xestión tributaria do imposto sobre bens inmobles, delégase igualmente na Deputación Provincial de Ourense a facultade, conforme o previsto no artigo 77 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, para establecer acordos ou convenios de colaboración co Centro de Xestión Catastral e Cooperación Tributaria conducentes á formación do padrón do imposto deste termo municipal e ao ditado dos actos administrativos que motiven a modificación deste conforme se determina no artigo 77 da citada lei.

Terceiro. De conformidade co disposto no artigo 106.3 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e no artigo 8 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, co obxecto de facilitar o exercicio das competencias delegadas na Deputación de Ourense, a entidade delegante deberá prestarlle a esta a colaboración necesaria, especialmente nos seguintes aspectos:

– Pór á disposición dos servizos tributarios da Deputación os seus rexistros e bases de datos que conteñan información de interese tributario, respectando en todo caso o que establece a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e as normas que a desenvolven. Esta colaboración implica a obriga do Concello de remitir os padróns (por única vez) para os efectos de proceder á súa informatización pola Deputación, e de remitir, así mesmo, a relación de debedores dos últimos catro (4) anos, para os efectos de poder iniciar a executiva. A Tesouraría/Secretaría municipal expedirá para tal efecto certificación das débedas pendentes, para a xestión de débedas anteriores aos últimos catro (4) anos; a Tesouraría/Secretaría municipal expedirá, ademais, certificación de que as débedas non están prescritas e indicará as diferentes datas de notificación da débeda en executiva; remitirá á Deputación as altas, transferencias, baixas, cambios de domicilio e demais circunstancias que poidan afectar a liquidación dos tributos de que teñan coñecemento; remitirá as domiciliacións existentes; remitirá as ordenanzas fiscais aplicables.

– Remitir á Deputación calquera solicitude ou recurso que afecte os tributos obxecto de delegación, tales como solicitudes de exención ou bonificación, solicitudes de aprazamento ou fraccionamento, solicitudes de domiciliación, recursos de reposición...

– Localizar os suxeitos pasivos, contribuíntes, obrigados ao pagamento ou debedores, certificando ou informando respecto da súa veciñanza ou non no termo municipal, da posesión ou carencia de bens e do exercicio ou non de actividades.

– Expor publicamente no taboleiro de anuncios do Concello e noutros lugares de costume os edictos que se diten no exercicio das competencias delegadas.

A Deputación Provincial porá á disposición do Concello os medios necesarios para a subministración da colaboración e dará conta periodicamente dos resultados da xestión das competencias delegadas, pondo á súa disposición na sede electrónica da Deputación información sobre a situación dos recursos xestionados.

Cuarto. Outras condicións da delegación

1. Para o exercicio das facultades delegadas, o servizo aterase ao ordenamento local e á lexislación aplicable de acordo co establecido na Lei reguladora das facendas locais, así como na Ordenanza fiscal xeral de xestión, inspección e recadación tributaria da Deputación Provincial de Ourense (BOP nº 66, do 23 de marzo de 2015) e na Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizos de xestión, inspección e recadación pola Deputación Provincial de Ourense (BOP nº 210, do 12 de setembro de 2014).

2. Polo exercicio das funcións delegadas neste acordo, a Deputación Provincial percibirá as compensacións económicas previstas na vixente Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizos de xestión, inspección e recadación pola Deputación Provincial de Ourense. As cantidades a que dea lugar a dita compensación económica serán retiradas das entregas e liquidacións correspondentes que se realicen ao Concello.

3. A devolución dos ingresos indebidos que, de ser o caso, se produza, ocasionará a dedución da cantidade correspondente das liquidacións que deban renderse ao Concello.

A compensación de débedas en período voluntario que, de conformidade coa lexislación aplicable, o Concello poida acordar, requirirá a intervención do servizo para a súa realización. En calquera caso, deberanse entender como débedas cobradas para os efectos do premio de cobranza e das recargas ou participacións que á Deputación Provincial poidan corresponder nestas.

4. Os anticipos á conta da recadación rexeranse polo disposto na ordenanza fiscal antes mencionada. En todo caso, non se concederán anticipos sobre a recadación da taxa de recollida do lixo, dado que os gastos do servizo son asumidos integramente pola Deputación Provincial ao estar delegada a xestión nesta última.

5. As cantidades que correspondan pola recadación obtida serán transferidas ao Concello trimestralmente, xunto coa documentación xustificativa, e renderanse anualmente polo servizo, por conta da súa xestión recadatoria. Das ditas cantidades deduciranse, se é caso, as liquidacións emitidas polo Servizo de Xestión Tributaria e Recadación pola prestación dos distintos servizos efectuados pola Deputación, tales como recollida de residuos sólidos urbanos, limpeza viaria, verteduras, canceiras ou calquera outro.

Quinto. Entrada en vigor e prazo de vixencia

Unha vez aceptada pola Deputación Provincial, esta delegación entrará en vigor con efectos do 1 de xaneiro de 2021.

A presente delegación estará vixente por un período de catro anos e quedará tacitamente prorrogada por períodos iguais de catro anos, se ningunha das partes manifesta expresamente a súa vontade en contra, con comunicación á outra cunha antelación non inferior a seis meses á súa finalización ou á de calquera dos períodos de prórroga.

Sexto. Causas de resolución

Este acordo de delegación poderá resolverse polas seguintes causas:

– Por mutuo acordo entre as partes.

– Por denuncia de calquera das dúas partes, formulada cunha antelación mínima de seis meses ao remate de cada ano natural. En todo caso, a efectividade da resolución por denuncia de parte entenderase referida sempre ao 1 de xaneiro do exercicio seguinte.

– Por incumprimento de obrigas esenciais recollidas neste acordo de delegación.

Sétimo. Este acordo deberase notificar á Deputación Provincial de Ourense para efectos de que acepte a delegación aquí conferida.

Oitavo. Unha vez aceptada a delegación pola Deputación Provincial, este acordo publicarase no Boletín Oficial da provincia e no da Comunidade Autónoma, para xeral coñecemento, de acordo co previsto no artigo 7 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.

Ourense, 29 de decembro de 2020

José Manuel Baltar Blanco
Presidente da Deputación Provincial de Ourense