Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 19 de febreiro de 2021 Páx. 10702

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 9 de febreiro de 2021 pola que se establecen as condicións xerais do programa Ignicia proba de concepto e se realiza a súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento IN855A).

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes. Entre os seus obxectivos destacan o de definir e desenvolver as políticas públicas que permitan ás empresas e ao resto de axentes o desenvolvemento de iniciativas de innovación construídas a partir de coñecementos que incrementen a súa competitividade e fomenten o seu crecemento; definir e desenvolver as políticas públicas orientadas á valorización do coñecemento desenvolvido polas empresas, universidades e centros de investigación de Galicia; fomentar a investigación e o desenvolvemento científico e tecnolóxico, a través de iniciativas e programas específicos na Comunidade Autónoma galega; promover as relacións de colaboración entre os distintos axentes do Sistema galego de innovación impulsando a creación e o fortalecemento de redes de coñecemento entre axentes públicos e privados desde unha perspectiva de intercambio e de investigación aberta; favorecer a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre os diferentes axentes e, particularmente, entre os organismos públicos de investigación e as empresas.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, recolle no seu artigo segundo, entre os seus fins fundamentais, o favorecemento da mellora tecnolóxica, da produtividade e de resultados do sistema produtivo de Galicia en todos os seus sectores, con base na innovación e na transferencia e valorización dos resultados de investigación; e o impulso ao cambio no modelo produtivo.

É precisamente en relación co anterior obxectivo ao que a dita lei dedica o capítulo V, relativo á transferencia e valorización de resultados, e prevé cooperación de todas as consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias no eido da investigación e innovación, de cara a levar a cabo a valorización de resultados e o tratamento integral e coordinado.

Concretamente, o artigo 31 da dita lei recolle o mandato á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia de dar apoio á valorización de resultados mediante o impulso dun fondo de proba de concepto. O citado fondo dedicarase ao financiamento de proxectos que aborden probas ou actuacións posteriores á obtención do resultado de investigación que se pretende explotar; e poderá estar participado por axentes públicos e/ou privados, os cales se adherirán a el en función das súas achegas orzamentarias.

Con data do 7 de novembro de 2013, o Consello da Xunta de Galicia adopta o acordo mediante o cal se aproba o Plan de estratexia de especialización intelixente de Galicia, RIS3 de Galicia, que define o marco para as políticas de investigación e innovación en Galicia para o período 2014-2020. O dito plan recolle, enmarcado no programa marco Galicia transfire, a proba de concepto como un dos instrumentos de apoio que se prevén para a implementación desta estratexia.

En virtude do anterior, a Axencia Galega de Innovación puxo en marcha no ano 2016 o programa Ignicia proba de concepto, co obxectivo de seleccionar e apoiar os proxectos de investigación desenvolvidos nos nosos centros de coñecemento e que se encontran nun estado de madureza tecnolóxica que xa superou a fase de investigación fundamental, pero requiren dun impulso que permita a validación da tecnoloxía e a posterior transferencia ao mercado dos resultados.

No ano 2018 publicouse a segunda convocatoria do programa, que eliminaba o acceso directo á fase de investimento e introducía algunhas melloras no proceso de avaliación e xestión.

O obxecto desta resolución é establecer as condicións xerais do programa de apoio, así como convocar, para o ano 2021, a terceira convocatoria de selección de proxectos de investigación para as fases de maduración e investimento.

Por último, co obxectivo de aproveitar os coñecementos e experiencia da Fundación Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa no desenvolvemento do seu Fondo de Ciencia, nesta terceira convocatoria contarase igualmente co seu apoio metodolóxico e de persoal.

Consecuentemente con todo o anterior, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e condicións xerais

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as condicións xerais polas cales se rexerá o programa Ignicia proba de concepto, que ten como finalidade pór en valor e apoiar o desenvolvemento das aplicacións comerciais da investigación xerada polos centros de coñecemento, de acordo co previsto no artigo 31 da Lei galega 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e innovación.

Constitúese, polo tanto, cos seguintes obxectivos:

a) Facilitar a transferencia de resultados de investigación desde organismos de investigación ao mercado.

b) Acelerar e mellorar os resultados nos procesos de transferencia tecnolóxica.

c) Contribuír á rendibilización económica e social do investimento público en investigación.

d) Internacionalizar a función de transferencia da tecnoloxía.

e) Detectar con prontitude proxectos con potencial innovador e de mercado.

2. Así mesmo, por medio desta resolución realízase a convocatoria para o ano 2021 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva (código de procedemento IN855A).

Artigo 2. Fases do programa

O programa Ignicia proba de concepto estrutúrase en tres fases:

I. Fase de maduración.

II. Fase de investimento.

III. Fase de seguimento.

I. Fase de maduración:

Nesta fase os proxectos de investigación presentados recibirán asesoramento e serán avaliados por expertos nacionais e internacionais. Aqueles proxectos que superen a segunda avaliación recibirán información e recomendacións sobre o estado de madureza do proxecto desde un punto de vista científico e de negocio, o que permitirá o acceso daqueles finalmente seleccionados á fase de investimento.

II. Fase de investimento:

Nesta fase os proxectos de investigación propostos polo Comité de Investimentos recibirán, por parte da Axencia Galega de Innovación e nos termos establecidos nesta convocatoria, apoio económico destinado á valorización comercial dos resultados da investigación, a través dunha atribución patrimonial onerosa, para a realización das seguintes tarefas:

a) Validación industrial da tecnoloxía.

b) Validación comercial e desenvolvemento de negocio.

c) Calquera outra actividade orientada á transferencia ao mercado dos resultados de investigación.

III. Fase de seguimento:

Esta fase ten como finalidade o seguimento dos investimentos aprobados, a comprobación do cumprimento dos seus fitos e a proposta de modificacións ou o inicio, de ser o caso, do correspondente expediente de recuperación dos investimentos, así como do seguimento dos retornos xerados pola comercialización dos resultados dos proxectos.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán ser promotores de proxectos e participar na presente convocatoria os organismos de investigación e difusión de coñecementos (públicos e/ou privados sen ánimo de lucro) con centros de traballo en Galicia.

Considéranse organismos de investigación e difusión de coñecementos, segundo a definición do artigo 2.83 do Regulamento (UE) 651/2014, toda entidade (por exemplo, universidades, fundacións ou institutos de investigación, centros tecnolóxicos ou de investigación...), independentemente da súa personalidade xurídica ou forma de financiamento, cuxo principal obxectivo sexa realizar de xeito independente investigación fundamental, investigación industrial ou desenvolvemento experimental ou difundir amplamente os seus resultados mediante o ensino, a publicación ou a transferencia de coñecementos; cando unha entidade deste tipo leve a cabo tamén actividades económicas, o financiamento, os custos e os ingresos das ditas actividades deberán contabilizarse por separado.

Artigo 4. Requisitos dos proxectos

1. O programa apoiará aqueles proxectos que aborden probas ou actuacións posteriores á obtención do resultado de investigación que se pretende explotar e que permitan validar unha tecnoloxía en condicións reais ou cuasireais.

2. Os proxectos presentados deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar situados nun TRL4 ou superior.

Os TRL ou Technology Readiness Levels refírense aos niveis de madureza dunha tecnoloxía. De acordo co sistema TRL, considéranse nove niveis que se estenden desde os principios básicos da nova tecnoloxía ata chegar ás súas probas con éxito nunha contorna real:

TRL1: principios básicos observados e reportados.

TRL2: conceptos e/ou aplicación tecnolóxica formulada.

TRL3: función crítica, analítica e experimental, e/ou proba do concepto característica.

TRL4: validación de compoñente e/ou disposición deles en contorna de laboratorio.

TRL5: validación de compoñente e/ou disposición deles nunha contorna relevante.

TRL6: modelo de sistema ou subsistema ou demostración de prototipo nunha contorna relevante.

TRL7: demostración de sistema ou prototipo nunha contorna real.

TRL8: sistema completo e certificado a través de probas e demostracións.

TRL9: sistema probado con éxito nunha contorna real.

b) Ter a capacidade de xerar resultados con aplicación na sociedade; estes resultados deberán ter potencial comercial e xerar retornos suficientes de acordo coas bases desta convocatoria, independentemente do prazo en que estes se produzan.

Artigo 5. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderse que o prazo expira o derradeiro día do mes.

3. O formulario de solicitude incluirá unha declaración expresa de aceptación, por parte da entidade solicitante, das condicións e obrigas do programa Ignicia proba de concepto recollidas nesta resolución.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Memoria técnica, no modelo que se achega como anexo II, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.

Para os efectos de facilitar os procesos de avaliación por parte de expertos de nivel internacional, o anexo II terá que ser presentado en calquera das dúas linguas oficiais da nosa comunidade autónoma e en inglés.

b) Poder do representante que presenta a solicitude inscrito no rexistro competente.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os ditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 8. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten como código IN855A, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.

b) Nos teléfonos 981 54 10 73 e 981 54 10 76 da dita axencia.

c) No enderezo electrónico servizos.gain@xunta.gal.

d) Persoalmente.

e) Na Guía de procedementos e servizos administrativos, no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a lles subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 12. Instrución do procedemento e tramitación

1. A Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución deste procedemento. Corresponderalle á directora da Axencia Galega de Innovación ditar a resolución de concesión.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou non se acompaña da documentación exixida, requirirase a persoa interesada mediante notificación individual ou anuncio publicado na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación na web pola notificación individualizada. Non se considera emendable a non presentación da memoria técnica (anexo II) no prazo establecido no artigo 5.2 desta resolución.

A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderase requirir o solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos ao equipo de xestión para a súa avaliación e presentación ao Comité dos Investimentos.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

6. O non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información serán causa de desestimación da solicitude.

Artigo 13. Comité de Investimentos

1. O Comité de Investimentos será o órgano colexiado encargado do proceso de selección de proxectos de acordo cos criterios fixados no artigo 14 e emitirá un informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada.

2. O Comité de Investimentos estará composto por tres persoas representantes designadas por parte da Axencia Galega de Innovación, e por un mínimo dunha e dun máximo de tres persoas representantes designadas por parte da Fundación Barrié.

A participación no comité da citada fundación terá carácter de asesoramento técnico.

3. O órgano instrutor designará un equipo de xestión do programa Ignicia, formado por persoal técnico da GAIN e da Fundación Barrié, que será o encargado de apoiar tecnicamente os labores de xestión, avaliación e seguimento dos proxectos.

Artigo 14. Fase de maduración. Procedemento e criterios de selección

1. A avaliación dos proxectos presentados á fase de maduración efectuarase en dúas etapas sucesivas. A primeira delas terá carácter excluínte, de xeito tal que o paso á segunda avaliación requirirá a superación satisfactoria da primeira. Ao remate de cada avaliación, será informado cada proxecto presentado dos aspectos avaliados no dito proceso de avaliación, a través de comunicación á súa entidade promotora:

A. Primeira avaliación e preselección:

Nesta primeira análise comprobarase a adecuación dos proxectos que se presenten aos obxectivos do programa Ignicia proba de concepto e aos requisitos necesarios para optar ao financiamento.

Neste senso, esta avaliación actuará como filtro, polo que será precisa a súa superación para poder pasar á seguinte, e levarase a cabo do seguinte xeito:

Criterios de valoración:

a) Excelencia científico-técnica da proposta: ata 30 puntos.

Nesta epígrafe valorarase:

a.1. Grao de innovación e alcance da novidade da proposta (máximo 6 puntos).

a.2. Grao de coñecemento dos antecedentes e do estado da arte (máximo 6 puntos).

a.3. Obxectivos do proxecto, concreción e exposición da proposta (máximo 6 puntos).

a.4. Grao de desenvolvemento actual da tecnoloxía. Nivel de TRL (máximo 6 puntos).

a.5. Planificación proposta para o desenvolvemento do proxecto: plan de traballo (máximo 6 puntos).

b) Potencial comercial da tecnoloxía: ata 35 puntos.

Nesta epígrafe valorarase:

b.1. A dimensión (rexional, nacional ou internacional) do mercado potencial das aplicacións da tecnoloxía e existencia de demanda unha vez que o resultado estea listo para a súa comercialización (máximo 10 puntos).

b.2. Estratexia de comercialización dos resultados do proxecto (máximo 6 puntos).

b.3. Estratexia de protección en relación coa estratexia de comercialización (máximo 7 puntos).

b.4. Existencia de vantaxes competitivas da tecnoloxía (máximo 7 puntos).

b.5. Prazo de chegada ao mercado (máximo 5 puntos).

c) Equipo de traballo: ata 20 puntos.

Nesta epígrafe valorarase:

c.1. A capacidade de xestión do equipo e a súa experiencia previa en xestión de proxectos colaborativos rexionais, nacionais ou internacionais (máximo 5 puntos).

c.2. A experiencia previa do equipo en traballos coa industria relacionada co proxecto (máximo 7 puntos).

c.3. A experiencia previa do equipo en procesos de transferencia de tecnoloxía (máximo 8 puntos).

d) Impacto socioeconómico do proxecto: ata 15 puntos.

Nesta epígrafe valorarase:

d.1. O contido e a adecuación do proxecto aos retos contidos na RIS3 para Galicia (máximo 5 puntos).

d.2. A repercusión do proxecto na actividade empresarial galega. Grao de mobilización do investimento privado (máximo 4 puntos).

d.3. A xeración de emprego en Galicia (máximo 4 puntos).

d.4. Igualdade de xénero. Participación equilibrada de mulleres no equipo promotor do proxecto. Se a porcentaxe de mulleres dentro do equipo é igual ou superior ao 50 % (2 puntos).

Metodoloxía:

De cada proxecto realizará, polo menos, dúas avaliacións persoal técnico diferente do equipo de xestión, que poderá apoiarse, de ser o caso, en persoal experto externo designado polo Comité de Investimentos.

As avaliacións serán postas en común nunha reunión de consenso en que se chegará a un acordo coas valoracións finais de cada proposta.

O equipo de xestión trasladaralle ao Comité de Investimentos as propostas presentadas xunto coas valoracións finais de consenso.

Puntuación mínima:

Considerarase que superan esta avaliación e preselección, como máximo, os 25 proxectos mellor valorados, sempre que:

– Acaden unha puntuación global (a+b+c+d) mínima de 50 puntos.

– Teñan unha puntuación superior aos 0 puntos no criterio a.4 e no criterio b.1.

B. Segunda avaliación:

Nesta segunda etapa realizarase unha avaliación exhaustiva e en detalle de cada un dos proxectos que superou satisfactoriamente a primeira avaliación, tanto de aspectos técnicos como de viabilidade económica e comercial.

Incluirá a emisión dun informe de avaliación en termos de protección, propiedade e madureza tecnolóxica, cuxa finalidade será coñecer o grao de excelencia científica dos proxectos, así como a súa viabilidade económica e comercial para os efectos de establecer o posterior proceso de desenvolvemento e comercialización con garantías de retornos económicos.

Esta avaliación levarase a cabo do seguinte xeito:

Criterios de valoración:

a) Nivel da ciencia (máximo 10 puntos).

Valoraranse os desenvolvementos previos realizados e que son a base do proxecto e a súa viabilidade tendo en conta os precedentes.

b) Capacidade e compromiso do equipo para a comercialización (máximo 30 puntos).

Valorarase o nivel de coñecemento científico e experiencia do equipo de traballo, así como o nivel de compromiso do equipo coa comercialización do resultado e a súa experiencia e capacidade para soportar a dita comercialización.

c) Posibles aplicacións da tecnoloxía (máximo 10 puntos).

Valorarase a aplicabilidade industrial da tecnoloxía e a existencia de diferentes aplicacións para diferentes sectores industriais.

d) Tempo para que a tecnoloxía chegue ao mercado (máximo 10 puntos).

Valorarase o estado de desenvolvemento actual da tecnoloxía, riscos asociados a el e tempo necesario para a chegada ao mercado.

e) Tamaño da oportunidade de negocio (máximo 10 puntos).

Valorarase o tamaño das oportunidades asociadas ás aplicacións potenciais da tecnoloxía.

f) Estratexia de protección (máximo 15 puntos).

Valorarase a existencia de estratexia de protección, amplitude, fortaleza e profundidade desta en relación cos mercados e aplicacións potenciais.

g) Liberdade de operación e competencia (máximo 15 puntos).

Valorarase o nivel da competencia existente en relación coa tecnoloxía e as súas aplicacións, e a potencial necesidade de acceso á propiedade intelectual e industrial de terceiros para explotar a tecnoloxía.

Metodoloxía:

Os informes de avaliación serán realizados por un equipo asesor externo formado por especialistas nacionais e internacionais en transferencia de tecnoloxía. Establecerase un panel de coordinación para unificar os criterios do equipo avaliador que participe no proceso.

Antes de elaborar o informe realizarase unha entrevista co equipo promotor dos proxectos seleccionados para os efectos de que realicen unha presentación do proxecto e respondan as cuestións formuladas polo persoal experto.

Puntuación mínima:

Á vista destes informes, o Comité de Investimentos realizará a selección definitiva dos proxectos que pasarán ao proceso de elaboración do plan de desenvolvemento e comercialización para a súa proposta á fase de investimento; enténdense como tales aqueles que acaden unha puntuación mínima (a+b+c+d+e+f+g) de 70 puntos.

2. Os proxectos de investigación seleccionados recibirán asesoramento especializado para a elaboración e mellora dun plan de desenvolvemento e comercialización, como paso previo necesario para a formalización do investimento regulado no artigo seguinte.

Este plan incluirá aspectos como:

a) Estudo do mercado potencial do resultado, principais segmentos de mercado, actores clave en cada segmento. Necesidades e retos non cubertos neses mercados.

b) Principais competidores e características diferenciadoras do proxecto.

c) Estratexia de desenvolvemento, incluídos os seus obxectivos para axustarse aos requirimentos do mercado.

d) Plan de actuacións, orzamento asociado e potenciais socios, incluídos fitos que superar.

e) Ruta cara ao mercado.

f) Retornos potenciais.

g) Principais riscos e retos do proxecto.

3. Como paso previo necesario para a formalización do investimento e para os efectos de verificar os eventuais condicionantes que puidesen existir para a explotación dos proxectos, realizarase un informe de auditoría legal (DDL) de cada un dos proxectos seleccionados para pasar á fase de investimento.

Artigo 15. Fase de Investimento. Acceso e características do financiamento

1. Nesta fase os proxectos de investigación propostos polo Comité de Investimentos recibirán, por parte da Axencia Galega de Innovación e nos termos establecidos nesta convocatoria, apoio económico destinado á transferencia e definitiva valorización comercial dos resultados da investigación, nos termos previstos no antedito plan de desenvolvemento e comercialización.

2. Poderán acceder á fase de investimento os proxectos que superasen a fase de maduración de acordo co procedemento establecido no artigo 14 e que conten cun informe de auditoría legal favorable.

3. De acordo co establecido no plan de desenvolvemento e comercialización dos proxectos seleccionados, o Comité de Investimentos proporá contribuír ao seu financiamento a través dunha achega patrimonial onerosa coas seguintes características:

a) O importe aprobado será para financiar os gastos marxinais precisos para desenvolver as aplicacións comerciais dos proxectos seleccionados.

Entenderase que son custos marxinais aqueles que se orixinen exclusiva e directamente das actividades correspondentes ao dito desenvolvemento, incluíndo novas contratacións e os custos de adquisición de material inventariable, e coa excepción dos custos de persoal propio e dos de amortización do inmobilizado material adquirido por fondos públicos.

Incluiranse actividades como: estudos de mercado, validación técnica, análise de oportunidades comerciais e de negocio, formulación de propostas a empresas ou investidores e outros gastos necesarios para a presentación e achegamento ao potencial cliente ou que poidan contribuír ao avance na fase de comercialización.

b) O Comité definirá unha serie de fitos para verificar no desenvolvemento de cada proxecto, así como a achega correspondente á consecución de cada fito, que se liberará en forma de anticipo (calendario de desembolsos). O cumprimento e xustificación de cada fito liberará o desembolso financeiro do seguinte e así sucesivamente ata a aplicación total dos recursos concedidos.

Con carácter xeral, o primeiro dos desembolsos non superará o 25 por cento do investimento previsto.

c) A achega poderá estar acompañada doutros investimentos, xa sexa por parte da Fundación Barrié ou por parte doutras fontes de financiamento, sen que estas constitúan, en ningún caso, requisito necesario para o financiamento por parte da Axencia.

4. As propostas de investimento do Comité serán elevadas á directora da Axencia Galega de Innovación, que ditará resolución definitiva, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación.

5. As resolucións, que se lles notificarán con carácter individual ás entidades seleccionadas, expresarán, cando menos:

a) O importe global da achega patrimonial concedida.

b) O calendario de fitos e desembolsos.

c) As condicións do reembolso.

d) Os mecanismos de control e seguimento dos proxectos, incluído a avaliación do cumprimento dos fitos dos proxectos apoiados.

e) Que a aceptación da achega implica a aceptación das obrigas derivadas desta convocatoria e da resolución de concesión, así como as condicións do reembolso.

f) A obriga de manter o sistema separado de contabilidade ou un código de contabilidade suficiente para todas as transaccións relacionadas coa achega patrimonial concedida.

g) A obriga de conservar a documentación xustificativa dos gastos durante un prazo de cinco anos, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas correspondentes ao último desembolso previsto. Será informada a entidade seleccionada da data de comezo deste prazo.

6. A formalización do financiamento imputarase ao capítulo VIII do orzamento da Axencia Galega de Innovación, coa seguinte distribución:

Aplicación

2021

2022

2023

Total

06.A2.561A.870

500.000 €

900.000 €

800.000 €

2.200.000 €

06.A2.561A.873

200.000 €

200.000 €

200.000 €

600.000 €

Total

700.000 €

1.100.000 €

1.000.000 €

2.800.000 €

Poderán ampliarse os créditos dedicados a esta convocatoria logo da declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A distribución de fondos entre as aplicacións orzamentarias sinaladas na táboa anterior é unha previsión que deberá axustarse tras a valoración das solicitudes recibidas, e será posible a incorporación de novos conceptos de gasto tendo en conta a natureza das entidades beneficiarias, sempre sen incrementar o crédito total.

Artigo 16. Fase de Investimento. Condicións do reembolso

1. As entidades beneficiarias estarán obrigadas á devolución do 30 % dos retornos económicos xerados pola comercialización dos resultados científico-tecnolóxicos do proxecto, xa sexan patentes, software, coñecemento, procedementos ou calquera que sexa a forma de retorno, é dicir, canons de patentes (royalties), pagamentos por fitos ou pagamentos por uso. De ser o caso, podería incluír a opción de participar na propiedade das empresas derivadas (spin-off) creadas para explotar os ditos resultados, respecto do cal se seguirá o establecido na correspondente normativa patrimonial.

2. As condicións de devolución terán como obxectivo garantir, para a achega realizada, unha rendibilidade mínima do 10 por cento. Ademais, dado o maior risco destas operacións, esta rendibilidade será sempre superior ás condicións xerais do mercado no momento e sector correspondentes e respectará o criterio establecido pola Comisión Europea na Comunicación relativa á revisión do método de fixación dos tipos de referencia e de actualización (2008/C 14/02).

3. Tras o cumprimento do último fito de cada proxecto, asinarase un acordo entre a Axencia Galega de Innovación e a entidade beneficiaria que regulará o procedemento de reembolso de cada proxecto e que terá o seguinte contido mínimo: documentación necesaria para a comprobación e verificación das cifras de retornos achegadas e prazos para a remisión da antedita documentación e para o pagamento.

4. Cando os proxectos financiados non xeren resultados no mercado, e logo de análise e proposta polo Comité de Seguimento dos Investimentos, a entidade seleccionada non terá obriga de reembolsar o importe financiado, sempre que se xustifique correctamente o investimento da achega patrimonial realizada, de acordo co establecido na resolución da directora da Axencia Galega de Innovación.

Artigo 17. Obrigas das entidades seleccionadas

1. Sen prexuízo das demais obrigas establecidas nesta convocatoria ou na resolución da directora da Axencia Galega de Innovación, as entidades seleccionadas para a concesión da achega patrimonial desta fase de investimento quedan obrigadas a:

a) Realizar as actividades acordadas para desenvolver as aplicacións comerciais dos proxectos seleccionados e que fundamentan a concesión da achega económica.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a Axencia Galega de Innovación, a través do Comité de Seguimento dos Investimentos, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

c) Xustificar ante o Comité de Seguimento dos Investimentos, por requirimento deste, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e/ou dos gastos marxinais establecidos na resolución de concesión.

d) Devolver, total ou parcialmente, a achega patrimonial percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

e) Comunicarlle á Axencia Galega de Innovación, a través do Comité de Seguimento dos Investimentos, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades obxecto desta convocatoria.

f) Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación, a través do Comité de Seguimento dos Investimentos, autorización para realizar modificacións no equipo de traballo ou no desenvolvemento dos proxectos aprobados que afecten a atribución patrimonial percibida.

g) Dar publicidade do financiamento recibido nos termos establecidos na resolución de concesión.

2. O incumprimento das obrigas por parte das entidades seleccionadas poderá dar lugar á devolución total ou parcial da achega patrimonial percibida, de acordo co procedemento establecido no artigo 18.3.e) desta convocatoria.

Artigo 18. Fase de seguimento

1. Coa finalidade de levar a cabo o seguimento dos investimentos aprobados, constituirase un Comité de Seguimento dos Investimentos.

2. Este comité estará integrado por tres persoas representantes designadas pola Axencia Galega de Innovación, contará co apoio técnico do equipo de xestión e poderá contar co asesoramento de persoal experto externo. Deberá reunirse, polo menos, dúas veces ao ano.

3. Será o encargado de:

a) Establecer os mecanismos de control e seguimento dos proxectos, incluíndo a avaliación do cumprimento dos fitos dos proxectos apoiados e do fito final de chegada ao mercado. Se a dita chegada ao mercado se produce anticipadamente, poderá propor, de ser o caso, a interrupción dos desembolsos pendentes e a consecuente modificación da resolución de concesión.

b) Ser informado das modificacións no equipo do proxecto, nas actividades ou no plan de desenvolvemento e comercialización para axustalo ás situacións do mercado. Cando as ditas modificacións supoñan un cambio das condicións establecidas na resolución de concesión, deberá emitir informe sobre elas e elevar a través do órgano instrutor a proposta de resolución á directora da Axencia Galega de Innovación.

c) A avaliación das continxencias que poidan suceder nos proxectos que poidan provocar demoras na devolución e situación de riscos ou perdas do investido. En virtude disto, poderá propor, a través do órgano instrutor, á directora da Axencia Galega de Innovación modificacións ou ampliacións de prazo nos cadros de desembolsos.

d) De ser o caso, cando os proxectos financiados non estean a xerar resultados no mercado, poderá propor que a entidade seleccionada non teña que devolver a totalidade do importe desembolsado, sempre e cando esta xustifique correctamente o investimento da achega patrimonial realizada.

e) A proposta de inicio, para o caso de incumprimento por parte da entidade seleccionada das obrigas establecidas nesta convocatoria e na correspondente resolución, do expediente de recuperación total ou parcial dos investimentos. Este expediente de reintegro, no cal se garantirá en todo o caso a audiencia ás persoas interesadas nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, concluirá con resolución motivada da directora da Axencia Galega de Innovación, logo de proposta do Comité de Seguimento dos Investimentos.

f) Establecer os mecanismos de seguimento e control dos investimentos realizados e dos retornos xerados polos proxectos segundo as condicións establecidas no acordo a que fai referencia o artigo 16.3.

g) A previsión de evolución de retornos de cada proxecto.

h) A elaboración do Informe global de evolución de investimentos.

4. No desenvolvemento das anteditas funcións, o Comité de Seguimento dos Investimentos poderalle solicitar á entidade promotora os documentos, informes ou contas auditadas que sexan necesarios para verificar os datos achegados por esta.

Artigo 19. Resolución e notificación

1. O prazo máximo para resolver a proposta á fase de investimento das solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de 9 meses, contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo para presentar solicitudes establecido no artigo 5.2 desta resolución. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a correspondente notificación, os solicitantes poderán entender estimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 desa lei, a notificación individual de concesión do investimento poderase substituír pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://gain.xunta.gal, con indicación da data da convocatoria, do beneficiario, do proxecto, da cantidade concedida e da finalidade do investimento aprobado.

Artigo 20. Renuncia

A renuncia da entidade solicitante á participación no programa ou ao investimento aprobado poderase facer axustándose aos modelos publicados na web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) e por calquera outro medio que permita a súa constancia, sempre que incorpore as sinaturas que correspondan, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A directora da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da dita norma.

Artigo 21. Réxime de recursos

1. Segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpor o recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, as persoas solicitantes poderán interpor recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpor o recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2021

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file