Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 16 de febreiro de 2021 Páx. 9921

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes, en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021 (códigos de procedemento MR651A e MR651B).

BDNS (Identif.): 548801.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas subvencións os titulares de montes veciñais en man común, as súas agrupacións e mancomunidades, e as sociedades de fomento forestal (en diante, Sofor) sempre que non incorran en ningunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Serán elixibles as actuacións localizadas en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa excepción das parroquias densamente poboadas dos grandes concellos de Galicia, de acordo co establecido no número 8.1 do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

3. As actuacións localizaranse en zonas de alto ou medio risco de incendios, é dicir, que poderá abranguer todo o territorio de Galicia, conforme o disposto na Orde do 18 de abril de 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal.

4. No caso de agrupacións de montes veciñais en man común, deberán facerse constar os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como a porcentaxe de subvención que percibirá cada unha delas, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias.

5. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poder suficiente para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, corresponden á agrupación. En caso de disolverse a agrupación antes de que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cada persoa xurídica membro da agrupación asumirá a obriga de reintegro que corresponda, de ser o caso.

6. No caso da liña II, a porcentaxe de subvención deberá ser proporcional á superficie de cada comunidade de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) con respecto á superficie total da agrupación.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión de subvencións que os titulares de montes veciñais en man común, as súas agrupacións e as Sofor poderán percibir para a posta en marcha de actuacións preventivas recollidas na lexislación galega sobre incendios forestais e a súa convocatoria para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva.

2. De acordo co devandito obxecto, establécense dúas liñas de subvencións:

a) Liña I. Subvencións para o control selectivo de combustible (código de procedemento MR651A).

b) Liña II. Subvencións para a construción de puntos de auga (código de procedemento MR651B).

3. O disposto nesta orde será de aplicación aos montes veciñais en man común e ás Sofor da Comunidade Autónoma de Galicia, excepto aqueles montes veciñais en man común que estean consorciados coa Administración, salvo que solicitasen a rescisión ou transformación do dito consorcio.

No caso de montes veciñais en man común consorciados coa Xunta de Galicia, poderá solicitarse subvención naquela superficie non consorciada.

4. Estas axudas ampáranse nos artigos 21 e 24 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), que establecen as medidas de apoio á prevención e defensa contra os incendios forestais.

5. Estas axudas tramitaranse ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, aprobado pola Decisión de execución da Comisión do 18 de novembro de 2015.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes, en montes veciñais en man común e Sofor, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021.

Cuarto. Importe

1. As accións previstas nesta orde financiaranse no exercicio do ano 2021-2022 con cargo á seguinte aplicación orzamentaria:

– Ano 2021: 400.000 euros, aplicación orzamentaria 14.02.551B.770.0, CP 2016 0212.

– Ano 2022: 3.600.000 euros, aplicación orzamentaria 14.02.551B.770.0, CP 2016 0212.

2. Este orzamento pode verse incrementado con remanentes adicionais, de acordo coas dispoñibilidades de crédito ou como consecuencia de xeración, ampliación ou incorporación de créditos procedentes desta ou doutras administracións. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

3. Estas axudas financiaranse con cargo ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia, cunha achega do Feader nunha porcentaxe do 75 %, da Administración xeral do Estado do 7,5 % e da Xunta de Galicia do 17,5 %.

Quinto. Importes e porcentaxes das subvencións

As actuacións que poderán ser obxecto de subvencións son as seguintes:

1. Liña I. Control selectivo de combustible

1.a) Área cortalumes:

Roza mecanizada con rozadora de cadeas ou similar

409,10 €/ha

1.b) Faixas auxiliares de pista:

Roza mecanizada con rozadora de cadeas ou similar

409,10 €/ha

Roza mecanizada con rozadora de brazo ou similar

490,07 €/ha

1.c) Roza mecanizada en rexenerado forestal natural:

Roza mecanizada en rexenerado forestal natural

272,73 €/ha

1.d) Roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais:

Roza superficial de penetración e rareo das entrefaixas de masas forestais e eliminación mediante trituración dos restos con rozadora de martelos ou similar, na superficie restante

868,63 €/ha

1.e) Mellora de infraestruturas preventivas xa existentes:

Mellora de faixas de devasa xa existentes con folla de máquina

479,35 €

2) Liña II . Construción de puntos de auga:

Depósito de auga 5×4×2 m (volume útil 30 m3)

6.103,61 €/unidade

Depósito de auga 6×4×2,5 m (volume útil 50 m3)

7.174,01 €/unidade

Depósito de auga 7×4×2,5 m (volume útil 60 m3)

8.146,68 €/unidade

Depósito de auga 8×7×2 m (volume útil 110 m3)

12.264,10 €/unidade

3. A porcentaxe que se subvenciona será do 100 %.

4. O IVE non será subvencionable salvo que non sexa recuperable conforme a lexislación nacional sobre o IVE.

Sexto. Superficies forestais mínimas para solicitar subvencións

1. A superficie forestal mínima por expediente en comunidades de montes veciñais en man común será de cen hectáreas (100 ha).

2. Para acadar a superficie, as comunidades de montes veciñais en man común poderán formar unha agrupación sempre que as CMVMC estean situadas nunha mesma provincia e, ademais, cumpran con algún destes requisitos:

a) Localización nun mesmo concello.

b) Localización en concellos limítrofes sempre que sexan estremeiras.

3. Nas Sofor e, excepcionalmente, no caso de que a CMVMC, mancomunidade ou algunha das CMVMC que integren a agrupación estea localizada nalgún concello incluído en espazo protexidos Red Natura 2000, a superficie mínima á que fai referencia o primeiro parágrafo sería de 50 has.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2020

Manuel Rodriguez Vázquez
Director xeral de Defensa do Monte