Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 15 de febreiro de 2021 Páx. 9372

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 11 de febreiro de 2021 pola que se establecen os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais nos centros dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar durante a folga indefinida convocada pola Confederación Nacional do Traballo (CNT) que comeza o día 18 de febreiro de 2021.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga. O exercicio deste dereito queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño). O artigo 3 deste decreto faculta as persoas titulares das consellerías competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a fixación do persoal preciso para a súa prestación, oído o comité de folga.

A Confederación Nacional do Traballo (CNT) comunicou a convocatoria de folga no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (en diante, Consorcio) indicando: «A folga convocada terá carácter indefinido no tempo ata que se acade un acordo entre as partes ou sexa desconvocada, e iniciarase o día 18 de febreiro de 2021. Este día 18 de febreiro de 2021 terá unha duración de 24 horas, comezando ás 00.00 e rematando ás 24.00. Despois deste día 18 de febreiro de 2021, consistirá en paros de tres horas todos os xoves, comezando ás 8.00 e rematando ás 11.00 dos xoves».

Así pois, a necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga esta Administración autonómica galega, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais, que se concretan nesta orde.

Os criterios determinantes para fixar os servizos mínimos establecidos na presente orde tiveron en conta os distintos pronunciamentos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en relación cos servizos esenciais fixados en anteriores xornadas de folga.

Preténdese dar a coñecer máis xustificadamente, se cabe, os criterios en virtude dos cales se procedeu a identificar os servizos mínimos como esenciais e a determinar os efectivos necesarios para aseguralos á luz da presente convocatoria de folga. Todo isto observando a necesaria proporción entre o sacrificio para o dereito dos traballadores e os bens e intereses que se teñen que salvagardar.

Ademais da xustificación concreta e pormenorizada que se establece nos parágrafos seguintes, debe atenderse ás circunstancias particulares concorrentes en que se efectúa esta convocatoria de folga, tendo en conta a situación epidemiolóxica na Comunidade por mor da COVID-19, que fai necesaria a fixación duns servizos mínimos que permitan, cando menos, a apertura dos centros nunhas condicións que posibiliten a prestación duns servizos que, sen seren os ordinarios, posibiliten, cando menos, unha atención adecuada a aquelas persoas usuarias que, pola situación exposta, carecen doutra alternativa para a súa atención.

Para determinar os servizos mínimos nos centros da Área de Benestar do Consorcio tivéronse en conta os seguintes criterios:

1. O estado de alarma actual e a situación de emerxencia sanitaria no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que obriga á aplicación duns procedementos extraordinarios de traballo, recollidos na Resolución do 17 de setembro de 2020, conxunta da Consellería de Sanidade e de Política Social, pola que se aproban as medidas específicas que deberán adoptarse nos centros residenciais sociosanitarios en relación co réxime de visitas, saídas, outros aspectos organizativos e as medidas específicas para os centros de atención diúrna, no contexto da situación epidemiolóxica relacionada coa infección ocasionada polo virus SARS-CoV-2 (COVID-19).

2. A necesidade da presenza efectiva que garanta o funcionamento dos centros, nas condicións descritas na dita resolución, tendo como referencia o seguinte:

– Para os centros asistenciais de atención residencial, establécense como servizos mínimos o número de efectivos presentes nun día festivo, por seren estes os días en que a prestación de servizos e a realización de actividades acada os seus niveis mínimos, limitándose ao mantemento básico e esencial dos centros, o cal non pode ser desatendido.

– Para os centros de atención diúrna, establécense como servizos mínimos o persoal mínimo de atención directa necesario para a súa apertura e prestación mínima de servizo, garantindo unha atención adecuada ás persoas usuarias destes centros, tal como regula a Orde do 18 de abril de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, no relativo á regulación das condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención a persoas maiores, no relativo a centros de día: «A ratio de persoal de atención directa en réxime continuado será de 1 por cada 10 usuarios, cun mínimo de dous traballadores...». Esta presenza de persoal é similar á aprobada para centros asistenciais de atención diúrna a través do Decreto 16/2019, de 28 de febreiro, polo que se ditan normas para garantir os servizos esenciais durante a folga convocada para o día 8 de marzo de 2019.

Para o establecemento dos servizos mínimos no Centro de Emerxencia para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero, tívose en conta a necesidade de garantir o mantemento básico e esencial do centro, o cal non pode ser desatendido. Así, tendo en conta o anterior, establécense como servizos mínimos o número de efectivos presentes nun día festivo.

Na fixación dos servizos mínimos na Área de Escolas Infantís tívose en conta o contexto epidemiolóxico, sanitario e de saúde pública actual, cunha especial incidencia de casos en toda Galicia. Neste contexto o servizo da escola infantil considérase esencial para que moitas familias poidan conciliar a súa vida persoal e laboral sen necesidade de deixar os seus fillos/as a cargo da rede familiar ou social de apoio que, na maior parte das ocasións, son persoas maiores de especial vulnerabilidade.

Consonte o anterior, é necesario que os servizos mínimos fixados garantan a posibilidade de atención a grupos reducidos de usuarios, para os cales este servizo resulta imprescindible por motivos de conciliación. Cómpre ter en consideración o que establece o Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, relativo ás ratios de persoal das escolas infantís 0-3, que no artigo 27.2 establece que a proporción de persoal cualificado con que deberán contar os centros é dun número igual ao de unidades en funcionamento máis un.

Isto é, para garantir unha mínima prestación do servizo, aínda que sexa a un grupo reducido de nenos/as ou incluso a un só usuario, é imprescindible a presenza de dúas persoas do equipo educativo, para dar cumprimento á citada normativa que regula as ratios de persoal nas escolas infantís.

Por outra banda, a situación de pandemia actual obriga a aplicar uns procedementos extraordinarios de traballo destinados a minimizar a carga viral dos centros, recollidos no Protocolo de actuación para as escolas infantís 0-3 fronte ao coronavirus aplicable a casas niño, puntos de atención á infancia, espazos infantís e ludotecas, dentro do ámbito do Plan de reactivación no ámbito infantoxuvenil en relación coa infección polo virus SARS-CoV 2, aprobado pola Comisión de Xestión da Crise Sanitaria da COVID-19 da Xunta de Galicia.

En consecuencia, e tendo en conta o contexto epidemiolóxico actual, ademais de establecer uns servizos mínimos que garantan a apertura e o peche do centro, faise imprescindible a presenza dalgunha das persoas designadas como responsable COVID dentro do Plan de continxencia de cada centro, coa finalidade de poder garantir as medidas de contención establecidas no dito protocolo, entre as cales están os momentos de entrada e saída dos usuarios e persoal do centro. Ademais, é necesaria a súa presenza tanto para o seguimento de casos activos como para a recepción, comunicación ou confirmación de novos casos positivos ou mesmo de sospeita entre o persoal ou usuarios do centro, así como para a coordinación coa central de seguimento de contactos e demais medidas de control coas autoridades sanitarias pertinentes.

Nas escolas infantís e polo que se refire ás xornadas de paros parciais convocados de xeito indefinido todos os xoves, resulta necesario establecer uns criterios distintos aos fixados para a xornada de folga do 18 de febreiro de 2021, toda vez que se vería comprometido o axeitado cumprimento dos protocolos COVID que pretenden garantir os grupos estables de convivencia.

Pór en risco os ditos grupos estancos un día por semana, en principio por tempo indefinido, pode elevar o risco potencial durante o resto do curso. Xa que logo, durante as xornadas de paro parcial convocadas de forma indefinida e prolongadas no tempo, nas cales a incidencia do exercicio do dereito á folga na protección da saúde de usuarios e traballadores/as é aínda maior que na xornada de folga do 18 de febreiro de 2021, faise necesario nomear como servizo mínimo unha persoa por cada unha das unidades que teña a escola en funcionamento a partir da hora prevista en que en cada escola se constitúan cada un destes grupos, evitando a interacción entre aulas e a posible multiplicación de casos nos centros.

Para os restantes centros de traballo do Consorcio, establécese a fixación como servizo mínimo dun/dunha traballador/a na súa quenda habitual para garantir a apertura e peche dos centros de traballo e, no caso dos servizos centrais do Consorcio, tendo en conta que é a este a quen se limita o ámbito da folga, dun auxiliar administrativo/a do Departamento de Persoal para os efectos da tramitación dos datos de seguimento desta.

En consecuencia, por proposta da Xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, oído o comité de folga e en virtude das facultades que me confire o artigo 3 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da comunidade autónoma,

RESOLVO:

Artigo 1

A convocatoria de folga realizada pola Confederación Nacional do Traballo (CNT) que afecta o persoal que presta servizos no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen como anexo a esta orde.

Artigo 2

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, e que deberá recaer nos/nas profesionais de xeito rotatorio, será determinada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Artigo 3

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Disposición derradeira única. Efectos da orde

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2021

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

ANEXO

Terán a consideración de servizos mínimos os que se relacionan a seguir:

1. No centros de atención ás persoas maiores e para a xornada do 18 de febreiro de 2021 e os paros parciais dos xoves:

a). Centros residenciais:

– Vivenda comunitaria de Vilasantar.

1 traballador/a en quenda partida de mañá e tarde.

– Vivenda comunitaria da Pontenova.

1 traballador/a en quenda partida de mañá e tarde.

– Vivenda comunitaria de Riotorto.

1 traballador/a en quenda partida de mañá e tarde.

– Vivenda comunitaria/Centro de día de Vilar de Santos.

1 traballador/a en quenda partida de mañá e tarde.

1 xerocultor/a en quenda de noite.

– Fogar residencial/Centro de día de Taboadela.

3 xerocultores/as en quenda de maña.

2 xerocultores/as en quenda de tarde.

1 xerocultor/a en quenda de noite.

1 PSX en quenda de mañá.

1 PSX en quenda de tarde.

– Fogar residencial/Centro de día de Cerdedo.

2 xerocultores/as en quenda de mañá.

2 xerocultores/as en quenda de tarde.

1 xerocultor/a en quenda de noite.

1 PSX en quenda de maña.

1 PSX en quenda de tarde.

– Fogar residencial/Centro de día de Cerceda.

3 xerocultores/as en quenda de mañá.

3 xerocultores/as en quenda de tarde.

1 xerocultor/a en quenda de noite.

1 PSX en quenda de mañá.

1 PSX en quenda de tarde

– Minirresidencia/vivenda comunitaria/Centro de día de Melide.

5 xerocultores/as en quenda de mañá.

4 xerocultores/as en quenda de tarde.

2 xerocultores/as en quenda de noite.

3 PSX en quenda de maña.

2 PSX en quenda de tarde.

– Residencia/Centro de día de Ortigueira.

6 xerocultores/as en quenda de mañá.

4 xerocultores/as en quenda de tarde.

2 xerocultores/as en quenda de noite.

2 PSX en quenda de maña.

2 PSX en quenda de tarde.

b) Centros de día:

2 xerocultores/as en quenda de mañá.

1 xerocultor/a en quenda de tarde.

2. No Centro de Emerxencia para Mulleres Vítimas de Violencia de xénero para a xornada do 18 de febreiro de 2021 e os paros parciais dos xoves:

1 traballadora en quenda de mañá.

1 traballadora en quenda de tarde.

1 traballadora en quenda de noite.

3. Escolas infantís:

a) Na xornada do 18 de febreiro de 2021:

2 traballadores/as na súa quenda habitual para garantir a apertura e peche do centro, entre os/as cales un/unha deles/as asumirá as funcións dun/dunha responsable COVID do centro.

b) Nos paros parciais dos xoves:

1 traballador/a por cada unha das unidades que teña a escola en funcionamento a partir da hora prevista en que en cada escola se constitúa cada un destes grupos, entre os/as cales un/unha deles/as asumirá as funcións dun/dunha responsable COVID do centro.

4. Nos servizos centrais do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para as xornada do 18 de febreiro de 2021 e os paros parciais dos xoves:

1 auxiliar administrativo/a do Departamento de Persoal para os efectos da tramitación dos datos de seguimento da folga.

5. Nos centros de traballo do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar non incluídos nos puntos anteriores e para a xornada do 18 de febreiro de 2021 e os paros parciais dos xoves:

1 traballador/a na súa quenda habitual para garantir a apertura e peche dos centros de traballo.