Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 10 de febreiro de 2021 Páx. 8682

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 22 de xaneiro de 2021, do Servizo Provincial da Coruña, pola que se sinala a data para o levantamento de actas previas á ocupación e formalización de actas de ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de acondicionamento da AC-110 no concello das Somozas de clave AC/19/003.10.

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu ordinal 2º a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do estado en materia de expropiación forzosa.

Con data do 12 de novembro de 2020, a Xunta de Galicia procedeu á declaración de utilidade pública e urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción acondicionamento da AC-110 no concello das Somozas, clave AC/19/003.10, mediante o Decreto 211/2020, publicado no Diario Oficial de Galicia do 10 de decembro de 2020.

A tramitación do expediente expropiatorio débese axustar ao disposto no artigo 52 da vixente Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e no 56 e seguintes do seu regulamento, do 26 de abril de 1957.

En consecuencia, este servizo, en virtude da competencia delegada mediante a Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería, publicada no DOG núm. 179, do 20 de setembro, resolveu convocar os titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do Concello das Somozas, para que comparezan no lugar, data e horas que se detallan a continuación, co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación nas cales se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Termo municipal das Somozas.

Lugar: casa do concello das Somozas.

Data: 1 de marzo de 2021, das 11.00 ás 11.20 horas.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente, estarán expostos no Concello das Somozas e no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Coruña (r/ Vicente Ferrer nº 2, 8º andar, 15071 A Coruña), e publicarase na seguinte ligazón da páxina web da consellería:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/avisos?content=/Portal-Web/Contidos/Aviso/aviso_0211.html

Así mesmo, convocaranse os interesados ao levantamento das actas previas mediante notificación individual.

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados, persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, xuntando os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade (e, de ser o caso, outra documentación que se requira, xustificante do pagamento do IBI...), así como certificado de conta con códigos IBAN e BIC, co fin de proceder aos sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria, e poderanse facer acompañar á súa custa, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notarios.

Así mesmo, en cumprimento do disposto no artigo 49 do Regulamento de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957, este servizo, unha vez levantadas as actas previas á ocupación, e habilitado o crédito oportuno, procederá ao pagamento, mediante transferencia bancaria, do importe dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación. No suposto de non ter presentado o certificado de titularidade da conta bancaria, con códigos IBAN e BIC, e a copia do DNI, consignarase o importe na Caixa Xeral de Depósitos conforme o disposto no artigo 51 do Regulamento de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957.

En cumprimento do artigo 55 do Regulamento de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957, neste mesmo acto convócase ao acto de formalización das actas de ocupación, o cal terá lugar, logo de producirse o aboamento dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación, no lugar e na data que se indican:

Termo municipal das Somozas.

Lugar: casa do concello das Somozas.

Data: 21 de abril de 2021, das 11.00 ás 11.20 horas.

No mesmo acto ofertaranse aos propietarios as valoracións establecidas pola Administración para cada un dos predios en concepto de mutuo acordo.

Este acordo faise público, para xeral coñecemento, e advírteselles aos titulares que na acta figurarán os donos da cousa ou titulares do dereito expropiado, que non se admitirá representación senón por medio de poder debidamente autorizado (notarial, xudicial ou do consulado), xa sexa xeral ou particular para este caso, para o cal deberán achegar a documentación necesaria para acreditar a sucesión en caso de figurar o terreo a nome de herdeiros, e que se deberán identificar co documento nacional de identidade.

Co fin de que os actos derivados dos procedementos expropiatorios se realicen de acordo coas medidas preventivas do risco de contaxio ante a situación provocada polo coronavirus COVID-19, serán aplicables as medidas de prevención recollidas no anexo da Resolución do 12 de xuño de 2020 e posteriores modificacións, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crisis sanitaria ocasionada pola COVID- 19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

En todo caso, cómpre poñer en coñecemento dos interesados as seguintes indicacións:

– Os interesados poderán confirmar a data e hora fixadas para a realización do acto ou, no caso de concorreren motivos de inconveniencia por razóns de saúde e/ou de adopción de medidas que afecten favorablemente a prevención de contaxios, poderán propoñer outro horario diferente, logo de cita confirmada polo persoal de contacto.

– No momento da atención, tanto o persoal da Administración e da Asistencia Técnica como o expropiado usarán máscara de protección e respectarán en todo momento a distancia de seguridade fixada. Para tales efectos, establécese a obriga de asistir ao acto provisto de máscara de hixiene adecuada e etiqueta respiratoria. Porén, disporase de máscara por parte da Administración no caso de que os expropiados non dispoñan dela.

– En caso de detectarse posibles síntomas compatibles coa COVID-19 nalgunha persoa presente, seguiranse obrigatoriamente as indicacións realizadas polas autoridades sanitarias para o efecto.

– Deberán asistir unicamente as persoas estritamente necesarias para a realización do trámite.

– Establécese a obriga de permanecer no local de reunión o tempo estritamente necesario.

– Non se poderá acudir no caso de presentar febre (>37º) ou síntomas de problemas respiratorios.

A Coruña, 22 de xaneiro de 2021

Felipe de la Vega Gándaras
Xefe do Servizo Provincial da Coruña