Por Orde do 29 de outubro de 2020, publicada no Diario Oficial de Galicia número 227, do 10 de novembro, convocouse a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo vacante na Consellería de Facenda e Administración Pública que se detalla no anexo desta orde.
De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 16 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, que aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, e demais normativa vixente, esta consellería
DISPÓN:
Primeiro. Resolver a convocatoria pública efectuada por Orde desta Consellería do 29 de outubro de 2020 e designar a persoa funcionaria, cuxos datos se sinalan no anexo desta orde, para ocupar o posto que tamén se especifica.
Segundo. O cesamento no actual destino efectuarase, segundo o previsto no artigo 14, do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, aprobado polo Decreto 93/1991, do 20 de marzo, no prazo de tres días contados a partir do seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia ou segundo o establecido na normativa de aplicación na súa administración de orixe.
O prazo para tomar posesión do novo destino é de tres días se non implica cambio de residencia ou de sete días se comporta cambio de residencia. Cando o/a adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso o servizo activo, o prazo será de vinte días.
O cómputo dos prazos de toma de posesión iniciarase cando rematen os permisos ou licenzas que, de ser o caso, se concedesen á persoa; no caso de incapacidade temporal a partir da data da alta.
Terceiro. A xefatura de persoal do centro onde cause baixa o funcionario ou funcionaria, así como a daquel no que acada o destino, efectuarán, dentro dos prazos sinalados no punto anterior, as dilixencias de cesamento e de toma de posesión e, a seguir, realizaranse os trámites para a súa alta na nómina.
Da dilixencia efectuada remitirase copia á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda e Administración Pública.
Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, conforme a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2021
Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda e Administración Pública
ANEXO
Datos do/da funcionario/a:
Nome e apelidos: Ana Rodríguez Martín.
Número de rexistro de persoal: ****102735 A207E.
Corpo ou escala: corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (escala superior de Finanzas).
Subgrupo: A1.
Datos do posto de traballo:
Denominación: interventor/a delegado/a da Consellería de Facenda (actual).
Consellería de Facenda e Administración Pública).
Código do posto: FCC030001215770001.
Nivel: 30.
Centro directivo ou dependencia: Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
Localidade: Santiago de Compostela.