Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 5 de febreiro de 2021 Páx. 7481

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 19 de xaneiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2021 das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede de reservas da biosfera de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento MT724A).

BDNS (Identif.): 547472.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.minhap.gob.es/bsnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias destas axudas os concellos incluídos no ámbito territorial de calquera das reservas da biosfera de Galicia (anexo VII que acompaña esta orde).

2. É condición necesaria para a admisibilidade das accións que estas estean incluídas especificamente ou ben sexan coherentes cun instrumento de planificación: plan de acción dunha reserva da biosfera, plan de xestión dun espazo ou especie protexida, plans de ordenación cinexética, plans de xestión de poboacións ictícolas e plans técnicos de ordenación dos aproveitamentos piscícolas, entre outros. Ademais, realizaranse en coherencia cos plans de desenvolvemento dos municipios, cando existan os devanditos plans ou, se for o caso, coas estratexias de desenvolvemento local pertinentes.

3. En especial, se a actuación se localiza dentro dun espazo natural protexido, debe ser acorde coa normativa establecida nos instrumentos de planificación aprobados pola Administración autonómica.

4. Por tratarse dun requisito de admisibilidade, farase referencia obrigada no anexo I desta orde á disposición, acordo ou decisión polos que se aprobou o instrumento de planificación en que se enmarca ou tipifica a actuación proposta. Comprobarase ao longo do procedemento a súa validez e vixencia.

5. Os investimentos realizaranse sobre propiedades da entidade beneficiaria da axuda e sempre que estes investimentos desenvolvan actuacións previstas nun instrumento de planificación cuxa execución non corresponda a persoas xurídicas de dereito privado. Tampouco se considerarán subvencionables os investimentos para os cales exista unha reserva de dominio ou cesión a favor de terceiros.

6. Non será subvencionable a compra e instalación de maquinaria ou equipamentos de segunda man nin os gastos relativos ao traslado de maquinaria xa existente ata o local ou instalación do proxecto.

7. En ningún caso poderán ter a condición de entidades beneficiarias aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

8. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta orde as deputacións provinciais e as mancomunidades de concellos.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento administrativo MT724A) das axudas recollidas no número 1.f) do artigo 20 do Regulamento 1305/2013 (UE) do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader); axudas recollidas no marco da operación 7.6 do PDR de Galicia para o período de programación 2014-2020, cuxa denominación é «Estudos e investimentos vinculados á conservación do patrimonio cultural, natural e sensibilización ecolóxica».

A finalidade desta orde é promover a conservación e valorización do patrimonio natural e cultural de zonas rurais cun elevado e contrastado valor natural como son as reservas da biosfera.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 19 de xaneiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2021 das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede de reservas da biosfera de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento MT724A).

Cuarto. Contía

1. Crédito total da convocatoria: 600.000 euros para o ano 2021.

2. O importe máximo subvencionable será de 30.000 euros/proxecto.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda