Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 29 de xaneiro de 2021 Páx. 5837

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 20 de xaneiro de 2021 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Obra Pía de Riobóo e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Unha vez examinado o expediente de extinción da Fundación Obra Pía de Riobóo, adscrita ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 24 de decembro de 2020 tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da Fundación Obra Pía de Riobóo, adoptado polo Padroado o día 13 de maio de 2019.

Segundo. Bernardino de Prado y Ulloa fundou unha escola Pía perpetua no lugar de Riobóo para os naturais dese lugar e os das freguesías veciñas. A fundación foi aprobada polo Real e Supremo Consello de Castilla en 1788 e foron nomeados patróns o fundador –e despois del o seu irmán, Roque de Prado y Ulloa, e os seus sucesores– e os señores abades de San Miguel de Osmo, San Félix de Navio, Santiago de Anllo e Santa Mariña de Gomariz.

A Fundación Obra Pía de Riobóo foi clasificada como de beneficencia particular pola Real orde do 8 de xullo de 1916. Constituía o seu obxecto a ensinanza primaria elemental e o padroado era exercido polo cura párroco de Riobóo, dous máis da comarca e unha persoa da familia do fundador.

O expediente correspondente a esta fundación foi transferido á Xunta de Galicia en virtude do Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación. A fundación figura inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 1784/1.

Nos arquivos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade consta o depósito dunhas contas correspondentes ao exercicio 1984. A partir dese ano non figura ningunha actuación por parte da fundación, que aparece desde entón rexistrada «sen actividade».

Terceiro. O órgano de goberno da fundación, na súa reunión do 13 de maio de 2019, adoptou o acordo de extinguir a fundación como consecuencia da súa prolongada inactividade e a imposibilidade de realizar os seus fins.

No expediente tramitado para o efecto consta a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo de extinción adoptado polo Padroado.

b) Memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción.

d) Proxecto de distribución dos bens e dereitos resultantes da liquidación.

e) Informe-proposta do protectorado.

Consideracións legais.

Primeiro. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade é competente para o exercicio das funcións de protectorado sobre a Fundación Obra Pía de Riobóo, de conformidade co establecido no Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, en relación co artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

De acordo co disposto no artigo 7.2.b) do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, corresponde á Consellería de Cultura, Educación e Universidade a inscrición na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego de todos os actos relativos ás fundacións sobre as cales exerza as funcións de protectorado.

Segundo. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, polo que cómpre, para tal efecto, o acordo favorable do Padroado, ratificado polo protectorado. O devandito artigo dispón, así mesmo, que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceiro. O acordo de extinción adoptouse seguindo os requisitos establecidos na normativa vixente e foi aprobado polo Padroado na súa reunión do 13 de maio de 2019. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e demais documentación prevista nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006 e no artigo 48 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro.

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, da mesma data, e demais normativa de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Obra Pía de Riobóo, adoptado polo Padroado da fundación na súa reunión do 13 de maio de 2019.

Segundo. Ordenar a inscrición da extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interporse un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, se poida interpor un recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade