Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 25 de xaneiro de 2021 Páx. 4309

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 29 de decembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 3 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) 2014-2020, ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), se convocan as correspondentes ao ano 2016 e se fixa o crédito dispoñible na convocatoria 2021 tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento PE155B).

Mediante a Orde do 3 de agosto de 2016 establecéronse as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) 2014-2020, ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) (DOG nº 166, do 2 de setembro).

No día de hoxe, o nivel de execución das actividades de cooperación na prioridade 4 do FEMP e a dispoñibilidade orzamentaria permite que se poida realizar unha nova convocatoria de axudas a proxectos de cooperación.

Así mesmo, faise necesaria a actualización do texto publicado en 2016 ás previsións da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; á Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; ao Regulamento (UE) 2016/679 xeral de protección de datos, á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e garantía dos dereitos dixitais, e á Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

Por outra banda, o artigo 1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG núm. 33, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos ás subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vai materializar a contraprestación.

O artigo 3.3 estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

Consecuentemente con todo o anterior, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Modifícase o artigo 15 sobre o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 15. Prazo de presentación de solicitudes

1. Para a convocatoria de 2021 o prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde.

2. As solicitudes de axudas poderán ser presentadas ao longo de todo o período do Programa operativo 2014-2020, ata o 1 de marzo de 2021.

3. A derradeira resolución de concesión realizarase con anterioridade ao 1 de xullo de 2021.

Artigo 2

Modificase o artigo 16 de solicitudes e documentación, que queda redactado como segue:

Artigo 16. Solicitudes

1. As solicitudes irán dirixidas á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e axustaranse ao modelo que figura como anexo I.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que for realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 ( https://sede.xunta.gal/chave365).

3. As solicitudes virán asinadas polo representante legal da entidade solicitante; se son formuladas por varias entidades conxuntamente, deberán vir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas, ou polo GALP coordinador, de ser o caso.

4. Forma parte de cada solicitude a declaración responsable que contén esta e na que se fan constar os seguintes puntos:

a) Que compren os requisitos para obter a condición de entidade beneficiara segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Que non se encontran en ningún dos supostos establecidos no punto 1 do artigo 10 do Regulamento (UE) núm. 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, é dicir:

1º. Non ter cometido infracción grave consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) núm. 1005/2008 ou o artigo 90.1 do Regulamento (CE) núm. 1224/2009.

2º. Non ter estado involucrada na explotación, xestión ou propiedade de buques pesqueiros incluídos na lista de buques INDR da Unión, recollida no artigo 40.3 do Regulamento (CE) núm. 1005/2008 ou de buques que enarboren pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, segundo se establece no seu artigo 33.

3º. Non ter cometido infraccións graves da política pesqueira común (PPC).

4º. Non ter cometido fraude no marco do Fondo Europeo de Pesca (FEP) ou do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

c) Non ter sido sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

d) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

e) Incluirase a información sobre as axudas de minimis cubertas polo Regulamento (UE) 1407/2013 ou por outros regulamentos de minimis, recibidas durante o exercicio fiscal correspondente e sobre os dous exercicios fiscais anteriores, de ser o caso.

f) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir co proxecto para o cal se solicita a axuda.

Artigo 3

Introdúcese un novo artigo 16 bis sobre a documentación complementaria.

Artigo 16 bis. Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1. Certificación do órgano competente na cal se especifique o acordo polo que se lle concede autorización para facer a solicitude ao asinante dela. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

2. Certificación do órgano competente na cal se acredite o desempeño actual do cargo.

3. Proxecto para o cal se solicita a subvención, que deberá conter, polo menos:

a) Memoria e orzamento que conteña unha descrición do proxecto conforme os modelos que figuran na páxina web http://mar.xunta.gal.

b) No caso de que o proxecto se poida desenvolver por fases susceptibles de produciren efectos independentes, farase constar de xeito expreso e describirase cada unha delas independentemente.

c) Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, no que o IVE deberá constar por separado e xuntar a documentación xustificativa dos custos incluídos (orzamentos, contratos, facturas pro forma...).

d) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa xustificación ou, de ser o caso, coa solicitude de subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. As ofertas presentadas deben coincidir en conceptos para facilitar a comparación entre elas.

4. O acordo de cooperación subscrito con anterioridade á solicitude da axuda por todos os grupos participantes no proxecto de cooperación, que terá o contido mínimo establecido no artigo 6.2.

5. Acreditación do IVE soportado non recuperable polo promotor, se é o caso. Aquelas persoas que estean exentas do IVE, deberán xustificar esta circunstancia mediante a presentación da documentación/circunstancia acreditativa da dita exención.

6. Proxecto técnico de execución, se é necesario. En actuacións sobre inmobles presentarase un proxecto básico ou un anteproxecto valorado que permita unha definición exacta da intervención que se vai realizar e o seu custo, ademais de acreditar a dispoñibilidade sobre o inmoble en cuestión.

7. No caso de que o proxecto o requira, o promotor deberá acreditar a capacidade legal do uso ou desfrute ou propiedade dos bens relacionados no proxecto.

8. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, deberá incluírse a documentación do punto 5º por cada un dos solicitantes, e ademais engadirase:

a) Un acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.

b) A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.

c) Declaración responsable de cada unha das entidades, de acordo co anexo II.

9. Outra documentación que sexa necesaria ou adecuada para a correcta valoración do proxecto presentado.

10. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

11. De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

12. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

13. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

14. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o esixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 4

Introdúcese un novo artigo 16 ter sobre comprobación de datos.

Artigo 16 ter. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) NIF da entidade representante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, de cada entidade solicitante.

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social de cada entidade solicitante.

f) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Facenda da Xunta de Galicia de cada entidade solicitante.

g) Concesións de subvencións e axudas.

h) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Resolución de concesión doutra axuda para a mesma finalidade concedida pola Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

3. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 5

Introdúcese un novo artigo 16 quater sobre os trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes, declaracións responsables ou comunicacións

Artigo 16 quater. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6

Modifícase o artigo 22 de resolución e notificación, que queda redactado do seguinte modo:

Artigo 22. Resolución

1. En vista da proposta de resolución, o órgano competente emitirá resolución motivada pola que se outorguen ou deneguen as subvencións solicitadas.

2. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar, quen poderá delegar a dita competencia.

3. A resolución da concesión ditarase e notificaráselles ás persoas interesadas no prazo máximo de catro meses desde a data de presentación da solicitude.

4. Transcorrido este prazo sen resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 24 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 7

Introdúcese un novo artigo 22.bis sobre a notificación.

Artigo 22 bis. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8

Introdúcese un novo artigo 32 bis sobre a transparencia e bo goberno.

Artigo 32 bis. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 9

Introdúcese un novo artigo 33 bis sobre o Servizo Nacional de Coordinación Antifraude.

Artigo 33 bis. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá pór eses feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude, na Intervención Xeral da Administración do Estado, mediante medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo devandito servizo no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, que se pode consultar no enderezo web: https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Paginas/ComunicacionSNCA.aspx.

Artigo 10. Dotación orzamentaria para a convocatoria 2021

1. O crédito orzamentario para as solicitudes de axuda tramitadas durante o exercicio do ano 2021 e a plurianualidade asociada ás axudas que se poidan conceder neste, alcanza o importe de trescentos noventa e catro mil euros (394.000 euros), repartidos nas seguintes anualidades e partida orzamentaria:

Partida orzamentaria

Ano 2021

Ano 2022

Total

15.03.723C.7801

250.000 €

144.000 €

394.000 €

Para o ano 2021 na partida orzamentaria sinalada, código de proxecto 2016 323, existe crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 20 de novembro de 2020.

2. Esta orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, quedando a concesión das subvencións sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

3. O importe consignado poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, agás indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto. En todo caso, a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

4. A convocatoria rexerase polas bases reguladoras establecidas na orde do 3 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) 2014-2020, ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), e se convocan as correspondentes ao ano 2016 e, se é o caso, pola normativa reguladora de tramitación anticipada de expedientes de gasto.

5. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 85 % con fondos FEMP e do 15 % pola Comunidade Autónoma.

6. Poderán adquirirse compromisos de carácter plurianual de acordo co artigo 58 de Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derrogatoria única

Queda expresamente derrogado o artigo 33 (datos de carácter persoal) da Orde do 3 de agosto de 2016.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2020

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file