Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 22 de xaneiro de 2021 Páx. 3988

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 29 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2021, para a concesión das primas de mantemento, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, relacionadas cos expedientes tramitados ao abeiro da Orde do 22 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o establecemento de sistemas agroforestais (código de procedemento MR674B).

BDNS (Identif.): 545062.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios todos os titulares dos expedientes pagados antes do 31 de decembro de 2020 ao abeiro da Orde do 22 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o establecemento de sistemas agroforestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o exercicio orzamentario 2016 (DOG núm. 120, do 27 de xuño de 2016), e que non fosen beneficiarios da convocatoria destas primas no ano 2019 (DOG núm. 26, do 6 de febreiro de 2019), e no ano 2020 (DOG núm. 241, do 19 de decembro de 2019).

2. Non poderán ser beneficiarias as entidades de dereito público nin locais.

3. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Unha empresa está en crise cando concorre, polo menos, unha das seguintes circunstancias:

a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.

b) Tratándose dunha sociedade na cal, polo menos, algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.

c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.

As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida na letra c).

Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se encontran en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

Segundo. Obxecto

1. A orde, en réxime de concorrencia non competitiva (procedemento MR674B), ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2021, para a concesión das primas de mantemento dos anos 2021, 2022 e 2023, para os expedientes aprobados ao abeiro da Orde do 22 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o establecemento de sistemas agroforestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (en diante, Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (DOG núm. 120, do 27 de xuño de 2016, procedemento MR674A).

2. Estas axudas ampáranse nos artigos 21.1.b) e 23 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader, que establecen o apoio á implantación de sistemas agroforestais. As súas disposicións de aplicación desenvólvense nos regulamentos de execución (UE) nº 808/2014 e 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014.

3. Estas primas teñen como finalidade contribuír ao éxito do establecemento do sistema agroforestal alcanzado, financiando os traballos de mantemento nos primeiros anos de existencia das plantacións realizadas.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 29 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2021, para a concesión das primas de mantemento, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, relacionadas cos expedientes tramitados ao abeiro da Orde do 22 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o establecemento de sistemas agroforestais (código de procedemento MR674B).

Cuarto. Importe

1. As accións previstas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.713B.770.0, CP 2016 00208, por un importe total de 60.000 €, 20.000 € para o ano 2021, 20.000 € para o ano 2022 e 20.000 € para o ano 2023.

2. Esta orde tramítase mediante tramitación anticipada de gasto, conforme o establecido na letra b) do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como no establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

3. Este orzamento pode verse incrementado con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias. A consellería competente no medio rural poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde, cando o incremento derive:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

4. Estas primas financiaranse con cargo ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia, cunha achega do Feader do 75 %, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 7,5 % e da Xunta de Galicia do 17,5 %.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2020

José Luís Chan Rodríguez
Director xeral de Planificación e Ordenación Forestal