Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 21 de xaneiro de 2021 Páx. 3647

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 14 de xaneiro de 2021, da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, pola que se publica o acto administrativo de emenda da documentación das xustificacións presentadas ao abeiro da Orde do 19 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS700A).

A Consellería de Política Social convocou para o ano 2020, a través da Orde do 19 de decembro de 2019 (DOG núm. 16, do 24.1.2020) subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá.

A partida orzamentaria con cargo á cal se financian estas axudas ten un cofinanciamento do 80 % dos fondos FSE a través do programa operativo de Galicia 2014-2020.

O artigo 26 da orde de convocatoria establece o obxecto, prazo e documentación necesaria para a xustificación das axudas concedidas. A data límite para a presentación da xustificación era o 15 de novembro de 2020.

Así mesmo, no número 5 do artigo 26 da orde, determínase a documentación xustificativa da actuación executada obxecto da subvención que as entidades beneficiarias deberán presentar.

Unha vez revisadas as xustificacións presentadas ao abeiro da dita orde de convocatoria polo órgano encargado da instrución, identificáronse aquelas que non reúnen a documentación necesaria, ben por non tela presentado, ben por conter erro ou por non ser suficiente para a determinación do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos no acto de concesión da subvención.

O número 6 do citado artigo 26, establece que, no caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle de que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Así mesmo, por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva e consonte o indicado no artigo 45 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, tal como sinala o artigo 22 da Orde do 19 de decembro de 2019, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento publicaranse no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os efectos da notificación.

De acordo co establecido no artigo 15 da Orde do 19 de decembro de 2019, todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento, con posterioridade á presentación da solicitude, deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do acto administrativo, do 14 de xaneiro de 2021, coa relación de entidades beneficiarias requiridas para emendar as xustificacións que non están debidamente cubertas e/ou presentar a documentación preceptiva exixida segundo o establecido nas bases reguladoras. Esta relación figura como anexo desta resolución.

Segundo. Facer indicación expresa a todas as entidades beneficiarias recollidas no anexo que son requiridas para que, no prazo de dez (10) días, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG), emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos conforme se establece na orde de convocatoria recollidos no dito anexo. De non o facer, de conformidade co artigo 26.6 da orde, co artigo 28.10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións da Galicia, e co artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades que correspondan.

Terceiro. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de emenda da documentación das xustificacións, poderán dirixirse á Consellería de Política Social a través dos teléfonos 981 54 01 42 ou 981 54 73 98.

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2021

Fernando González Abeijón
Director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade

ANEXO

Requirimento de emenda da documentación xustificativa Orde do 19.12.2019 BS700A

Nº exp.

NIF

Solicitante

Integrantes

Documentación requirida

19-2020.BS700A.AT

P3603300I

Concello de Mos

Concello de Mos

– Anexo V, debidamente asinado polo/a secretario/a da entidade ou o/a representante da agrupación segundo o previsto no artigo 7.2.c.2º, en que figure, entre outros aspectos: declaración sobre cumprimento da normativa aplicable en materia de publicidade ás axudas financiadas a través de fondos da Unión Europea, así como en materia de subvencións e, se é o caso, en materia de contratación pública e demais normativa aplicable.

17-2020.BS700A.AT

P1503400B

Agrupación dos concellos de Dumbría, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Zas e Vimianzo

Dumbría, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Zas e Vimianzo

– Presentar, respecto do Concello de Fisterra, certificado de non ter débedas pendentes coa Administración pública da Comunidade Autónoma.