Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 14 de xaneiro de 2021 Páx. 1949

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 4 de xaneiro de 2021 pola que se fixa o importe do crédito dispoñible na convocatoria de 2021 para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas pola Consellería do Mar aos grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020, tramitada como anticipado de gasto.

A Orde do 21 de decembro de 2018 (DOG núm. 22, do 31 de xaneiro de 2019) establece as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020.

No seu artigo 18, a citada orde establece que a presentación das solicitudes se mantén aberta ata o 1 de marzo de 2021 e que a derradeira resolución de concesión se realizará con anterioridade ao 1 de setembro de 2021.

O artigo 16 establece, así mesmo, que as axudas se concederán con cargo ás aplicacións orzamentarias que en cada un dos anos de vixencia do actual programa operativo FEMP 2014-2020 sinale a correspondente lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, e que se fixará en cada anualidade sucesiva, mediante unha orde complementaria, o crédito plurianual existente con esa finalidade. Estes créditos anuais poderán ser incrementados, se é o caso, coas incorporacións dos remanentes de exercicios anteriores que legalmente correspondan.

A Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (en diante, Orde do 11 de febreiro de 1998), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian a imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de lei de orzamentos aprobado polo Consello da Xunta de Galicia para o correspondente exercicio.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao de disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados no desenvolvemento desta orde se entenden condicionados a que, unha vez aprobada a lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Con este fin, no proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, nas aplicacións 15.03.723C.770.0 e 15.03.723C.780.0, consígnanse partidas orzamentarias polas contías de 11.721.223,00 € e 6.949.265,00 €, respectivamente, coas cales se financian os importes das axudas que se establecen nesta orde.

Por todo o anterior, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Crédito orzamentario para a concesión de axudas en 2021

O crédito orzamentario para as solicitudes de axuda tramitadas durante o exercicio do ano 2021 e a plurianualidade asociada acada o importe de quince millóns trescentos mil euros (15.300.000,00 €), repartidos nas seguintes anualidades e partidas orzamentarias:

Partida orzamentaria

2021

2022

Total

15.03.723C.770.0

6.000.000,00

6.000.000,00

12.000.000,00

15.03.723C.780.0

1.500.000,00

1.800.000,00

3.300.000,00

Total

7.500.000,00

7.800.000,00

15.300.000,00

As axudas imputaranse ás aplicacións orzamentarias indicadas, de conformidade co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, e a concesión destas axudas está condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de adxudicación.

Artigo 2. Ampliación do crédito

1. O importe fixado no artigo anterior, así como as aplicacións ás cales se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos e coas condicións establecidas no punto 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

2. As axudas mencionadas contan co financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca nun 85 % e da Comunidade Autónoma nun 15 %.

3. Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2021

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar