Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 258 Xoves, 24 de decembro de 2020 Páx. 50490

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 14 de decembro de 2020, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, de prórroga do proxecto experimental para a incorporación de alumnado con necesidades educativas especiais ás ensinanzas elementais de música no Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

Mediante a Orde do 16 de decembro de 2011 (DOG do 26 de decembro), modificada pola Orde do 13 de xuño de 2013 (DOG do 21 de xuño), autorizouse a posta en marcha, con carácter experimental, dun proxecto para a incorporación de alumnado con necesidades educativas especiais ás ensinanzas elementais de música no Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

O artigo 11 da devandita orde establece que será competencia da comisión de seguimento do proxecto a emisión de informes relativos á procedencia da súa prorrogación e o seu artigo 12 establece que logo de informe favorable desa comisión poderá prorrogarse o proxecto en períodos de dous anos.

Igualmente, na disposición derradeira primeira da citada orde autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditar cantas normas se consideren oportunas para o seu desenvolvemento.

Mediante Resolución do 5 de xuño de 2014, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, en vista do informe da citada comisión de seguimento, prorrogou este proxecto por un período de dous anos. Posteriormente, mediante resolucións do 17 de xuño de 2016 e do 11 de xuño de 2018, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa autorizou novas prórrogas por períodos de dous anos.

Con data do 7 de setembro de 2020, a Dirección do Conservatorio Profesional de Música da Coruña presentou unha nova solicitude de renovación ante esta secretaría xeral.

Unha vez emitido o informe favorable da Comisión de Seguimento con data do 30 de novembro de 2020, con base na adecuación do proxecto ás condicións e aos obxectivos indicados na súa posta en marcha, e na permanencia das circunstancias que xustificaron a súa implantación,

RESOLVO:

Primeiro. Prorrogar, por un período de dous anos, o proxecto experimental para a incorporación de alumnado con necesidades educativas especiais ás ensinanzas elementais de música no Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

Segundo. Contra esta resolución poderá interporse recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2020

José Luis Mira Lema
Secretario xeral de Educación e Formación Profesional