Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 258 Xoves, 24 de decembro de 2020 Páx. 50524

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ANUNCIO do 10 de decembro de 2020, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, polo que se emprazan os posibles interesados no procedemento ordinario 276/2020, seguido na Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte en Galicia interpuxo recurso contencioso-administrativo en relación coa Orde do 20 de novembro de 2019 (DOG do 11 de decembro) pola que se dá publicidade ás titulacións que permiten a incorporación ás listas de aspirantes para desempeñar postos docentes en réxime de interinidades e substitucións dos corpos de mestres, de profesores de ensino secundario, de profesores técnicos de formación profesional e de profesores de escolas oficiais de idiomas que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en centros docentes desta consellería.

A pretensión da parte recorrente é que do anexo da dita orde se exclúan determinadas titulacións que permiten formar parte da lista de interinos da especialidade de Educación Física do corpo de profesores de ensino secundario e da lista da especialidade de Educación Física do corpo de mestres. As titulacións que reclaman que se exclúan son as seguintes: Ciencias da Danza, grao en Xestión Deportiva e licenciado en Medicina con diploma de especialista en medicina do deporte.

Tendo presente que os afectados pola orde impugnada son unha pluralidade indeterminada de persoas, de conformidade co disposto no artigo 45.1.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e en cumprimento do sinalado no artigo 49 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, procédese á publicación deste anuncio para que sirva de notificación aos eventuais interesados.

As persoas que puidesen resultar interesadas poden comparecer e constituírse como parte no proceso xudicial indicado na Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (praza de Galicia, s/n, na cidade da Coruña), no prazo de nove días, contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2020

Jesús Manuel Álvarez Bértolo
Director xeral de Centros e Recursos Humanos