Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 256 Martes, 22 de decembro de 2020 Páx. 50197

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 16 de novembro de 2020 pola que se dá publicidade da solicitude de rexistro da indicación xeográfica protexida Terras do Navia.

A Asociación para a Defensa das Variedades Autóctonas e do Viñedo da Ribeira do Río Navia presentou a documentación para a tramitación do rexistro dunha indicación xeográfica para os viños da bacía do Navia, ao nordeste da provincia de Lugo.

O prego de condicións presentado establece que esta indicación xeográfica protexida sería aplicable a viños brancos e tintos elaborados exclusivamente con uvas de certas variedades cultivadas en determinadas parroquias dos concellos da Fonsagrada, Navia de Suarna e Negueira de Muñiz.

A solicitude de inscrición desta indicación xeográfica protexida debe someterse a un proceso preliminar de publicidade para eventuais oposicións a nivel do Estado membro antes da súa tramitación aos servizos da Comisión Europea. Así o recolle o Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios, que establece que os procedementos nacionais de oposición deben garantir unha publicación adecuada da solicitude e fixar un prazo mínimo de dous meses desde a data da publicación durante o cal calquera persoa física ou xurídica que tiver un interese lexítimo e resida ou estea establecida no seu territorio poida impugnar a solicitude de rexistro proposta presentando unha declaración debidamente motivada.

A normativa estatal reguladora desta materia é o Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas, modificado polo Real decreto 149/2014, do 7 de marzo. De acordo co artigo 8.6 desta disposición, unha vez comprobado que a solicitude cumpre os requisitos establecidos na normativa reguladora, debe darse publicidade desta mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado, para o inicio do prazo de presentación de eventuais oposicións. A publicación deberá incluír o enderezo da páxina web oficial onde se atoparán o prego de condicións e o documento único. Para as denominacións de orixe e indicacións xeográficas cuxo ámbito abrangue máis dunha comunidade autónoma e que, por tanto, son da competencia da Administración xeral do Estado, o devandito real decreto fixou un período de oposición de dous meses, pero non fixou prazo para as de ámbito autonómico, por seren competencia das comunidades autónomas.

Por último, a normativa reguladora da materia no ámbito autonómico é o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores. Este decreto establece un procedemento para a publicidade e oposición no relativo ás solicitudes de inscrición de novas denominacións de orixe ou indicacións xeográficas, pero limitado aos produtos alimentarios, xa que, no momento da súa aprobación, para as denominacións de orixe e indicacións xeográficas vitivinícolas aínda non era de aplicación a normativa europea que exixe este trámite. O período para a presentación de oposicións que establece no caso das denominacións de orixe e indicacións xeográficas do ámbito alimentario é de dous meses.

De acordo co artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia, esta comunidade autónoma ten a competencia exclusiva, en colaboración co Estado, en materia de denominacións de orixe. As ditas competencias, para os produtos de orixe agraria, son exercidas pola Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, de acordo co que se establece no Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos.

Por todo o anterior, cumpridos os trámites regulamentarios preceptivos e vistas as disposicións citadas,

RESOLVO:

Ter por comprobada a documentación e continuar o procedemento de tramitación da solicitude de rexistro da indicación xeográfica protexida Terras do Navia e dar publicidade á devandita solicitude mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia do documento único, onde se recolle o resumo dos datos do prego de condicións. O devandito documento único, que figura como anexo desta resolución, inclúe un vínculo á páxina web da Consellería do Medio Rural onde se atopa o texto íntegro do prego de condicións.

Tamén se dará publicidade da solicitude mediante un anuncio no Boletín Oficial del Estado, que incluirá os vínculos á páxina web da Consellería do Medio Rural onde se atoparán o contido do prego de condicións e mais do documento único.

Desde o día seguinte ao da publicación máis tardía de ambas iniciarase o cómputo dun prazo de dous meses para que calquera persoa física ou xurídica que estea establecida ou resida legalmente en España, cuxos lexítimos intereses considere afectados, poida opoñerse ao rexistro da devandita indicación xeográfica protexida mediante a correspondente declaración de oposición, dirixida á Axencia Galega da Calidade Alimentaria (avenida do Camiño francés, nº 10, baixo, 15781 Santiago de Compostela).

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, de conformidade co previsto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2020

José Luis Cabarcos Corral
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

ANEXO

Indicación xeográfica protexida (IXP) Terras do Navia

Documento Único

1. Nome e tipo.

a) Denominación que debe rexistrarse:

Terras do Navia.

b) Tipo de indicación xeográfica:

Indicación xeográfica protexida.

2. Categorías de produtos vitivinícolas.

Viño.

3. Descrición do/dos viño/s.

Son viños brancos e tintos que se axustan á categoría 1 do anexo VII parte II do Regulamento (UE) 1308/2013. No momento da súa posta ao consumo os viños terán as seguintes características:

a) Características analíticas.

– Graduación alcohólica adquirida mínima (% vol.):

• Viños brancos: 11,5 %.

• Viños tintos: 10 %.

– Graduación alcohólica total mínima (% vol.):

• Viños brancos: 11,5 %.

• Viños tintos: 10 %.

– Contido máximo de azucres totais: os viños serán secos, polo que cumprirán os requisitos que para tal termo se recollen no anexo III parte B do Regulamento delegado (UE) núm. 2019/33 da Comisión, do 17 de outubro de 2018.

– Acidez total mínima: 5,0 g/l de ácido tartárico.

– Acidez volátil máxima: 17,9 meq/l de ácido acético.

– Contido máximo de dióxido de xofre total: 200 mg/l para os viños brancos e 150 mg/l para os viños tintos.

b) Principais características organolépticas.

Os viños obtidos son frescos e suaves en boca, limpos, brillantes con aromas francos nos cales se aprecian as características propias da materia prima da que proceden, con graduacións alcohólicas moderadas, con aromas florais e de froitas e, finalmente, con boa e equilibrada acidez. Os viños brancos terán potente intensidade aromática e os viños tintos ben cubertos en fase visual.

4. Prácticas vitivinícolas.

a) Prácticas enolóxicas esenciais.

A recolla da uva realizarase en caixas de vendima ou outros recipientes autorizados pola autoridade competente.

O rendemento máximo na elaboración do viño será de 68 litros por cada 100 kg de uva.

b) Rendementos máximos.

As producións máximas por hectárea serán de 10.000 kg de uva e 6.800 litros de viño para as variedades brancas; e de 8.000 kg de uva e 5.440 litros de viño para as variedades tintas.

5. Zona delimitada.

Os viños deberán proceder exclusivamente de viñas da zona de produción e elaboración, constituída polos terreos aptos para a produción de uva, das parroquias de Cereixido, Lamas de Moreira, Monteseiro, San Martiño de Suarna, Vilabol de Suarna e O Vilar da Cuíña no concello da Fonsagrada; das parroquias da Pobra de Navia, Barcia, Castañedo, Muñís, Mosteiro e A Ribeira no concello de Navia de Suarna; e a totalidade do concello de Negueira de Muñiz. Todo o territorio se atopa na provincia de Lugo, Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Variedades de uva de vinificación.

Os viños elaboraranse exclusivamente con uvas das seguintes variedades:

Variedades brancas: branco lexítimo, albariño, caíño branco, godello, loureira, treixadura e torrontés.

Variedades tintas: albarín tinto, mencía, merenzao, brancellao, caíño tinto e loureiro tinto.

7. Vínculo coa zona xeográfica.

A zona delimitada presenta un clima que podemos clasificar como oceánico en transición cara ao clima mediterráneo, con temperaturas medias anuais baixas. Os meses máis cálidos son xullo e agosto, cunha temperatura media de 21 ºC, unha ampla oscilación térmica día-noite e unha marcada aridez estival que crea un clima máis mediterráneo e se manifesta pola abundancia de especies como érbedos e sobreiras. O mes máis frío é xaneiro, cunha temperatura media de 7,5 ºC. As precipitacións estimadas para unha altitude de 450 m s.n.m. en función das estacións meteorolóxicas máis próximas son de 650 mm anuais.

Dentro da zona, case a totalidade da superficie dedicada ao cultivo da viña atópase entre os 200 e os 500 metros s.n.m., encaixada entre montañas que superan os 1.000 metros s.n.m. en terreos de orientacións protexidas polos relevos da dorsal dos Ancares, a serra de Uría e a serra do Acebo ao norte, que exercen un importante efecto barreira sobre a penetración de ventos oceánicos.

A maioría dos solos son moderadamente ácidos, permeables, con baixa capacidade de retención de auga e con escaso contido en materia orgánica no seu estrato máis superficial. Son, na súa maioría, solos antigos, con fondura suficiente e con boa insolación, o que os fai axeitados para o cultivo.

Desde o punto de vista xeolóxico, a bacía do Navia está constituída por metasedimentos da idade do Paleozoico Inferior, con predominio das rochas areosas e xistosas. O substrato litolóxico está constituído na súa maior parte por lousas, cuarcitas e afloramentos graníticos do período Herciniano e rochas sedimentarias escasamente metamorfizadas. A proporción de elementos graúdos é moderada, o que produce alta permeabilidade e facilidade de labranza, e presenta unha textura lixeira, sendo a máis habitual a textura franca ou franco-areosa, con boa drenaxe e axeitada aireación.

Os viños elaborados son frescos, suaves, tanto na cor como no aroma e o sabor, e presentan unha graduación alcohólica equilibrada. Os viños brancos presentan tons amarelos dourados brillantes, con destacados aromas florais e de froitas, boca lixeira e fresca, de bo potencial aromático e con toques cítricos ao final. Os viños tintos presentan unha capa media con tons vermellos de picota e reberetes violáceos, de estrutura media e paso suave, con aromas de froitas vermellas e silvestres e cun toque final lixeiramente tánico.

Estes viños son fiel reflexo dos efectos das condicións termopluviométricas e agronómicas da zona, ao que debe sumarse o efecto do factor humano que se concreta:

– Na implantación das viñas en zonas de boa exposición, con solos quentes, permeables e con baixo nivel de materia orgánica, característicos desta área xeográfica. Os sistemas de condución e poda tradicionais tenderon a viñas en forma de vaso, non moi alto, con titor de madeira e con densidades medias, para así mellor adaptarse ao ambiente e transmitir aos viños equilibrio, harmonía, excelentes expresións aromáticas e boas características de conservación.

– Na elección de variedades adaptadas ao medio, todas elas variedades autóctonas difíciles de atopar noutras zonas vitícolas. Mención especial merece a branco lexítimo, que acada aquí a máxima expresión, con un equilibrio de acidez e porcentaxe de alcohol que, coa abundancia de terpenos, posibilitan a alta intensidade e calidade aromática dos viños brancos. E, nas variedades tintas, sen ser maioritaria en canto a superficie plantada, destaca o merenzao, que atopa aquí o lugar idóneo para expresar toda a súa potencialidade e dá viños con capa alta sen perderen a finura, cunha acidez moi estable, con bo equilibrio entre ácido málico e tartárico, cunha graduación alcohólica compensada e unha alta cantidade de antocianos.

8. Requisitos aplicables.

Establécense os seguintes requisitos para os operadores:

a) Envasamento na zona delimitada.

Os viños serán elaborados e embotellados na zona xeográfica de produción delimitada. O transporte e embotellamento fóra da zona de elaboración constitúe un risco para a calidade do viño, xa que se pode ver exposto a fenómenos de óxido-redución, variacións de temperatura e outros, tanto máis graves canto maior sexa a distancia percorrida. O embotellamento en orixe permite preservar as características e calidade do produto. Este feito, unido á experiencia e coñecemento profundo das características específicas dos viños adquiridos durante anos polos produtores e produtoras locais, fan necesario o envasamento en orixe, preservando así todas as características fisicoquímicas e organolépticas destes viños.

b) Disposicións adicionais relativas á etiquetaxe.

Todas as botellas levarán unha contraetiqueta numerada subministrada pola autoridade de control, que deberá ser colocada na propia adega. A dita contraetiqueta incluirá o logotipo da indicación xeográfica que figura no anexo II do prego de condicións.

Referencia á publicación do prego de condicións:

https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/produtos/en-tramitacion/Prego-Condicions-Terras-do-Navia-marzo-2020_gl.pdf