Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 253 Xoves, 17 de decembro de 2020 Páx. 49640

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 26 de novembro de 2020, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado ampliación do monte Chan da Ponte, a favor dos/das veciños/as da parroquia de Desteriz (San Miguel), no concello de Padrenda (Ourense).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, en sesión que tivo lugar no 2 de setembro de 2020, adoptou a seguinte resolución:

«Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado ampliación do monte Chan da Ponte, a favor dos veciños da parroquia de Desteriz (San Miguel), no concello de Padrenda (Ourense), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 23 de novembro de 2015 tivo entrada no rexistro da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural un escrito dirixido ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de José Rodríguez Sousa, no cal solicitaba a clasificación como veciñal en man común de varias parcelas denominadas Ampliación do monte Chan da Ponte.

Segundo. Con data do 6 de novembro de 2019, o Xurado Provincial acorda iniciar o expediente de clasificación como veciñal en man común do referido monte, designando instrutor e realizando as comunicacións e publicacións a que fan referencia os artigos 20, 21 e 23 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e abriu un período dun mes para a práctica de alegacións.

Terceiro. José Rodríguez Sousa, na súa calidade de presidente da CMVMC de Desteriz, presentou un escrito de alegacións en relación co acordo de inicio de clasificación. O interesado afirma que o monte Chan da Ponte comprende as parcelas 123, 124 e 130 e pretende modificar as estremas.

Do estudo das anteriores, o Xurado considera que houbo dous erros no acordo de inicio publicado no DOG do 7 de abril de 2020: respecto das estremas, polo leste e sur habería que substituír a parcela 45 pola 41, e polo oeste habería que engadir a parcela 9001 (estrada OU-410).

O interesado tamén pretende modificar as estremas dunha superficie xa clasificada a favor da CMVMC de Desteriz no ano 2008. A súa proposta consiste en denominar as estremas por polígono e parcela e non polos nomes dos propietarios, pero para iso deberá realizar un deslindamento de acordo co artigo 54 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Cuarto. O monte obxecto de clasificación, de acordo coa documentación que consta no expediente, descríbese así:

Nome do monte: Ampliación do monte Chan da Ponte.

Superficie: 0,41 ha.

Pertenza: CMVMC da parroquia de Desteriz.

Parroquia: Desteriz (San Miguel).

Concello: Padrenda.

Descrición dos terreos que constitúen o monte:

Parcelas obxecto de

clasificación

Parcelas estremeiras

Referencia catastral

Estrema

Referencia catastral

32057A034001300000QH (parte da parcela)

Norte

32057A034001300000QH (resto da parcela)

Leste

32057A034090010000QG (estrada OU-410)

Sur

32057A034001310000QW

Oeste

32057A034090080000QO (río Troncoso ou Barxas)

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co disposto no artigo 1 da devandita Lei “son montes veciñais en man común... os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños”.

Terceiro. É reiterada doutrina da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo que son dúas as notas características dos montes veciñais en man común: unha, o aproveitamento consuetudinario en man común, e outra, a atribución da titularidade dese aproveitamento aos veciños integrantes dun grupo social determinado, independentemente da súa cualificación ou non como entidade administrativa, e que corresponde constatar o aproveitamento e atribuír a titularidade a favor do grupo social que veña gozando del ao xurado provincial de clasificación.

Cuarto. O carácter de monte veciñal en man común tense acreditado mediante as testemuñas dos veciños solicitantes, as actuacións realizadas polo Servizo de Montes e a documentación que consta no expediente.

En consecuencia co que antecede, examinada a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, o Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e demais normativa legal e regulamentaria, o xurado provincial, por unanimidade dos seus membros,

Resolve:

Clasificar como monte veciñal en man común o monte denominado ampliación do monte Chan da Ponte, a favor dos/das veciños/as da parroquia de Desteriz (San Miguel), no concello de Padrenda (Ourense), de acordo coa descrición realizada no feito cuarto.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Ourense, 26 de novembro de 2020

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Ourense