Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Mércores, 9 de decembro de 2020 Páx. 48317

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 16 de novembro de 2020, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada outorgada a Cooperativa A Ponte, S.C.G. para unha explotación porcina de produción de leitóns situada na Anta, no concello de Coirós (A Coruña) (expediente 2019-IPPC-M-84).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 316, do 31 de decembro), regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 251, do 19 de outubro), regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, sométese á información pública, durante un período de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento de revisión da autorización ambiental integrada da explotación intensiva porcina de produción de leitóns no lugar da Anta, concello de Coirós (A Coruña), para que calquera persoa interesada poida consultalo e, de ser o caso, presentar dentro do citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes.

Os documentos estarán á disposición dos administrados nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro s/n, Santiago de Compostela).

Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en información pública).

As alegacións, suxestións ou observacións dirixiranse ao Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2020

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático

ANEXO

Expediente: 2019-IPPC-M-84.

Núm. de autorización ambiental integrada: 2007/0273_NAA/IPPC_219.

Categoría principal da actividade: anexo I, categoría 9.3.c) do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro.

Titular: Cooperativa A Ponte, S.C.G.

NIF: F32172322.

Localización da instalación: lugar da Anta, 15316 Coirós (A Coruña). Referencia catastral da parcela: 15027A025000050000TI

Actividade principal: explotación porcina de produción de leitóns

Descrición: a explotación está formada por cinco naves operativas, catro delas para 2.400 porcas reprodutoras e unha para 11.100 leitóns de 6 a 20 kg.

Os animais proveñen doutras explotacións e, unha vez aloxados na explotación, fecúndanse mediante inseminación artificial na nave de xestación, onde estarán xestando durante 115 días aproximadamente. Unha semana antes do parto trasládanse ás naves de parto-lactación onde permanecen unha media de 21 días (+7 días de baleiro sanitario de cada módulo), ata que os leitóns acadan un peso medio de 6 kg, momento en que son trasladados á nave 5 de preceba, onde permanecerán seis semanas (+7 días de baleiro sanitario) ata que acadan un peso medio de 20-22 kg, peso con que abandonarán a explotación con destino a outras explotacións de ceba. Ao final de cada ciclo realízase a limpeza e desinfección das instalacións.

A maior parte do xurro producido na explotación será enviado a un xestor autorizado e o restante será valorizado en parcelas agrícolas. A explotación conta cunha fosa exterior de formigón armado e cuberta para o almacenamento dos xurros, ademais de fosas interiores nas naves de produción. Ademais, proxéctase a instalación dunha balsa de polietileno cuberta.

Verteduras: as augas de limpeza das instalacións e as augas xeradas nos aseos e vestiarios son enviadas xunto cos xurros producidos na explotación ás fosas de almacenamento de xurro para a súa posterior xestión conxunta. As augas pluviais son vertidas directamente ao terreo.