Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Venres, 4 de decembro de 2020 Páx. 47977

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 25 de novembro de 2020 pola que se modifica a composición do Consello Social da Universidade de Vigo

Mediante Orde do 10 de novembro de 2016 (DOG do 13 de decembro), fíxose pública a composición do Consello Social da Universidade de Vigo.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, establece que o consello social estará integrado por un máximo de trinta e unha persoas membros.

A Lei 6/2013 no seu artigo 77.3 establece que a representación dos intereses sociais no consello social corresponde a personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral ou social, de acordo coa seguinte distribución: o presidente ou presidenta do consello social; seis membros designados polo Parlamento de Galicia; seis membros designados pola Xunta de Galicia; un membro designado por cada un dos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia; catro membros designados polas organizacións empresariais máis representativas dos sectores estratéxicos da economía galega na área de influencia da universidade; un membro designado polas corporacións dos municipios en que se sitúan os campus; un membro designado pola asociación de antigos alumnos de cada unha das universidades, un membro designado polos colexios profesionais, a través da súa entidade asociativa máis representativa, vinculados coa oferta formativa de cada unha das universidades.

O Consello Social da Universidade de Vigo comunica á Consellería de Cultura, Educación e Universidade o nomeamento, con data do 18 de novembro de 2020, de Juan José Santamaría Conde como representante de UXT Galicia no Consello Social da Universidade de Vigo, en substitución de Manuel González Piñeiro. Xúntase declaración xurada de compatibilidade do novo membro.

O artigo 77.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, establece que os acordos de designación de membros do consello social seranlle comunicados á persoa titular da consellería competente en materia de universidades, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo único

Nomear a Juan José Santamaría Conde, como membro do Consello Social da Universidade de Vigo en representación de UXT Galicia, en substitución de Manuel González Piñeiro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade