Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Mércores, 2 de decembro de 2020 Páx. 47576

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

DECRETO 199/2020, do 20 de novembro, polo que se aproba o cambio de denominación do Colexio Provincial de Avogados de Ourense, que pasa a denominarse Colexio da Avogacía de Ourense.

Mediante a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, lévase a cabo a transferencia de competencias de titularidade estatal á Comunidade Autónoma de Galicia utilizando a vía prevista no artigo 150.2 da Constitución. En concreto, no seu artigo 3, transfírense as competencias de desenvolvemento lexislativo e execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, no marco da lexislación básica do Estado.

A propia Lei orgánica prevé, tal como expón o mandado constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta este traspaso, o Decreto 337/1996 estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia mediante o Real decreto 1643/1996, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo), segundo a estrutura establecida no Decreto 74/2018, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da dita consellería, e no Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da dita competencia, regula no seu artigo 13 o procedemento de modificación da denominación dos colexios profesionais, atribuíndolle facultades de iniciativa ao propio colexio, á Administración autonómica ou ao consello galego respectivo, e sinala que a aprobación do cambio de denominación se realizará por decreto do Consello da Xunta de Galicia.

De conformidade co dito artigo, o cambio de denominación foi solicitado polo Colexio Provincial de Avogados de Ourense, logo do acordo aprobado en asemblea de colexiados. Esta modificación fundaméntase na necesidade de adecuar a denominación do colexio ás denominacións adoptadas polo Consello da Avogacía Galega e polo Consello Xeral da Avogacía Española.

En virtude do sinalado, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de novembro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da denominación

1. Aprobar a modificación da denominación do Colexio Provincial de Avogados de Ourense, que pasará a denominarse Colexio da Avogacía de Ourense.

2. As referencias contidas nos estatutos e noutras disposicións vixentes referidas ao Colexio Provincial de Avogados de Ourense deben entenderse realizadas ao Colexio da Avogacía de Ourense.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de novembro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo